A Estrada: Un novo uso social para a vella 'casa do mestre'

O Concello da Estrada destinará 20 mil euros en 2016 a este proxecto © Concello da Estrada

De seguro que moitos concellos galegos contan na súa zona rural con moitos exemplos de casa de mestrevivendas que a localidade lles ofrecía ás persoas que pasaban a ocuparse das vellas escolas que se abrían nunha determinada parroquia. Pasado o tempo, algúns deses inmobles seguiron funcionando como vivenda, adquiriron outros usos ou mesmo desapareceron, pero son moitas as que quedaron abandonadas, mantendo iso si o carácter municipal da propiedade.

O Concello da Estrada iniciará en 2016 un proxecto para aproveitar estas estruturas e darlles uso, rehabilitando estas casas do mestre para que funcionen como vivenda de emerxencia social. O goberno local aclara que non se tratará dunha "vivenda social" permanente, senón que se pretende que as súas funcións sexan máis puntuais e de urxencia, destinadas ás persoas e familias que sexan vítimas dun desafiuzamento, mulleres que sufran malos tratos ou para quen perda nun momento dado a súa vivenda habitual por mor dalgunha catástrofe natural ou accidente.

O goberno local aclara que non se tratará dunha "vivenda social" permanente, senón que se pretende que as súas funcións sexan máis puntuais e de urxencia

Nos Orzamentos do Concello para o vindeiro ano figura unha partida de 20 mil euros. Dende o Goberno local din ser conscientes de que a cantidade, modesta, só lles permitirá levar a cabo traballos de recuperación "en 2 ou 3" inmobles, pero o obxectivo é que a iniciativa se estenda a boa parte das parroquias da localidade. Consideran, ademais, que o proxecto podería incluírse no futuro no programa A Estrada Social e Sostible 2020 co que o Concello aspira a recibir fondos europeos a través dunha convocatoria de axudas.

Amalia Goldar, concelleira de Benestar Social, sinala que entre 30 e 40 escolas rurais do Concello da Estrada tiñan asociado algún inmoble con usos de vivenda (este extenso Concello, de 282 quilómetros cadrados, conta con 51 parroquias) e que, de momento, o Goberno local comezará a actuar sobre aqueles que requiran un menos esforzo económico para a súa rehabilitación.

O Concello da Estrada destinará 20 mil euros en 2016 a este proxecto © Concello da Estrada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.