0 Gardados para despois

A Igrexa recorre a reclamación do Concello da Coruña por apropiarse de terreos municipais

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O Arcebispado de Santiago de Compostela insiste en que os terreos que lle reclama o Concello da Coruña son da súa propiedade e xa anuncia que presentará "as alegacións oportunas" logo de que o goberno local coruñés lle reclamase por escrito que rectifique a inmatriculación que fixo de parcelas "de dominio público municipal", tal e como adiantou Praza

A Arquidiócese compostelá, consultada por este diario, advirte que xa recibiu a circular do Concello coruñés con data de 24 de novembro e que xa pasou a documentación á súa asesoría xurídica para que recorra unha reclamación de máis de 1.300 metros cadrados de terreo colindantes a tres centros parroquiais rexistrados polas autoridades eclesiásticas malia seren áreas propiedade da administración local, segundo acredita a administración local no seu escrito. 

"En ningún sitio figura que se tivese cedido nada ao municipio", di o Arcebispado, que alegará a reclamación do Concello

"A documentación sobre o inventario que obra en poder do Arcebispado acredita a titularidade eclesial dos terreos dos tres templos", insiste o Arcebispado, tal e como fixera mesmo antes de ter na súa propiedade a circular enviada polo Concello. "En ningún sitio figura que se tivese cedido nada ao municipio", aclara un voceiro da Arquidiócese, que dá por feita a propiedade das tres parcelas, mentres que o goberno local insiste en que foran inmatriculadas indebidamente. 

A Área de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda do Concello enviou o luns 16 de novembro ao Arcebispado unha circular na que "insta" a Igrexa "á rectificación voluntaria da inmatriculación" de tres terreos ao seren de propiedade municipal e estar rexistrados no catastro como se fosen da autoridade eclesiástica.

As reclamacións refírense a unha praza fronte á parroquia da Resurrección situada no Barrio das Flores e que ocuparía 678 metros cadrados, así como unha zona das rúas achegadas e máis o adro ou praza situadas xunto á Igrexa de Santiago e á colexiata de Santa María, ambos os dous espazos na Cidade Vella e que ocuparían 256 e 470 metros cadrados respectivamente.

O Arcebispado, consultado por este diario, xa aclarara que "no caso dos adros dos dous templos da Cidade Vella, é evidente que ambos os dous espazos son de uso público, pero de titularidade eclesial", mentres que no que se refire ao templo da Resurrección, no Barrio das Flores, asegura que "os rexistros de propiedade eclesiástica circunscríbense única e exclusivamente á edificación parroquial, sen que se rexistrase praza ningunha, tal e como aparece nas informacións".

O Concello, tal e como explica na circular enviada, recolleu información sobre as inmatriculacións feitas pola Arquidiócese de Santiago "por se puidesen incluírse espazos de dominio público local". Examinados os arquivos municipais, a Técnica de Administración Xeral do Departamento de Patrimonio Urbanístico comprobou que se inmatricularan espazos que eran de propiedade municipal. Fontes do executivo local insisten en que a Igrexa se "auto-adxudicou" terreos alleos e poñen o exemplo da parroquia do Barrio das Flores, onde "só o perímetro do centro lle corresponde á autoridade eclesiástica, aínda que apareza rexistrada como propiedade súa moito máis espazo".

O Concello coruñés dou un prazo de dous meses á Igrexa para que proceda á rectificación das inmatriculacións indebidas, tendo o Arcebispado de Santiago quince días para presentar alegacións desde a data de recepción. O prazo remataría, xa que logo, sobre o 8 de decembro. No caso de que non houbese resposta, a administración local xa anunciou que acudiría á vía xudicial, proceso que quedará adiado agora ata que se analicen as alegacións presentadas.

O Concello da Coruña ve "probable" que a Igrexa se apropiase de máis terreos municipais

O goberno local da Coruña non só considera probada documentalmente a inmatriculación indebida, senón que non descarta que a Igrexa se apropiase de máis terreos municipais. Fontes de María Pita ven "probable" que se atopen máis casos no inventario que levan meses realizando desde que o novo executivo accedera ao poder. 

En todo caso, todo parece indicar que esta inmatriculación indebida de terreos municipais por parte da Igrexa xorde dunha reforma da lei hipotecaria de 1998 durante o goberno de Aznar, que lle permitiu en exclusividade inscribir lugares de culto e outras propiedades que non estivesen rexistradas. Chegou a rexistrar unhas 4.500 propiedades en todo o Estado ao seu nome aproveitando que as certificacións e testemuñas que esixía a burocracia foi substituída por unha simple certificación do Bispado sen necesidade de posuír título de dominio ningún sobre o ben. Un dos casos máis polémicos foi o da Mezquita de Córdoba.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.