Unidade contra o "golpe de Estado" sanitario

Manifestación a prol da sanidade pública © AGDSP

Unha "sólida alianza" contra "os recortes e a privatización da sanidade pública". SOS Sanidade Pública quece motores para a manifestación que celebrará o vindeiro domingo en Compostela e faino explicando polo miúdo os seus motivos. Rodeado de representantes dos principais sindicatos, dos grupos da oposición parlamentaria, de asociacións veciñais, grupos estudantís e de múltiples colectivos do ámbito da saúde o voceiro da plataforma, Manuel Martín tenta deixar claro que desta volta o rexeitamento non é contra unha medida puntual ou contra un recorte concreto, mesmo non só contra os repagamentos presentes e futuros. As medidas que chegan dende a Xunta e, sobre todo, dende o Goberno central, di, "cambian por primeira vez a Lei Xeral de Sanidade" e mesmo a Constitución. Coa aplicación de preceptos como a retirada da asistencia sanitaria universal para inmigrantes en situación irregular ou os atrancos para parados de longa duración e persoas maiores de 26 anos sen traballo estase a producir, na súa opinión, un verdadeiro "golpe de Estado incruento" que cómpre rexeitar na rúa, di.

Ata o de agora, lembra Martín, "o único" necesario para acceder ás prestación sanitarias era "ter residencia no Estado", como debe acontecer en calquera "país decente que non deixa que a xente morra por enfermidades". Pero esta universalidade, di, "rachou" coa parte que afecta á sanidade dentro do programa de reformas que o gabinete de Mariano Rajoy aplica para cumprir cos límites de déficit público que chegan dende a Unión Europea. Faino ademais, salienta, "vulnerando as competencias autonómicas" e poñendo, ao seu xuízo, en serio risco as precarias economías familiares e persoais "de xente que xa vive mal, que chega moi xustiña a fin de mes".

SOS Sanidade calcula que os pensionistas terán que adiantar unha media de 80 euros ao mes polos medicamentos

O voceiro de SOS Sanidade fai especial fincapé no valor da "unidade" contra estas medidas, nas que ve todo un "delirio". Non en van, censura, haberá quen teña que "elixir entre comer, pagar a luz ou mercar medicamentos" cando o 1 de xullo entre en vigor o novo sistema de copagamento de medicamentos para as persoas que reciben pensións de xubilación. Segundo os cálculos do colectivo cada pensionista "terá que adiantar no entorno de 80 euros" ao mes, con independencia de que despois, realizando os trámites oportunos, a Administración devolva unha parte ata chegar aos 8 ou 18 euros mensuais -límites fixados polo Real Decreto emanado do Consello Interterritorial de Saúde do 18 de abril-. Así e todo, os colectivos representados na plataforma dubidan de que esa devolución se vaia producir correctamente en todos os casos, tendo en conta ademais que moitos dos doentes que a terán que tramitar son persoas "con pouca capacidade para reclamar", xa sexa pola súa avanzada idade ou por outro tipo de impedimentos sociais ou culturais.

Iniciativa Lexislativa Popular

A ILP xa logrou "entre 40.000 e 45.000 sinaturas", PSdeG e BNG agardan que o PP non vete o seu debate

Xunto á convocatoria da manifestación á que ademais dos colectivos organizadores se unirán, anuncian, diversos persoeiros do mundo da cultura, SOS Sanidade Pública centrou os seus esforzos nos últimos meses en acumular apoios para a súa Iniciativa Lexislativa Popular (ILP). Lonxe de quedar curtos o texto que aspira a ser lei, centrado na necesidade de que a Xunta preste os servizos sanitarios sen intermediarios privados e en aspectos como o reforzamento da atención primaria, acumula "entre 40.000 e 45.000 sinaturas" das cales 18.562 foron validadas pola Xunta Electoral de Galicia -o requisito legal son 15.000-. Así as cousas, só resta que a Mesa do Parlamento lle dea luz verde para que a súa toma en consideración poida ser debatida en pleno.

Malia ao convencemento de que o PP a vetará tanto PSdeG como BNG confían en que, como mínimo, os conservadores si permitan o seu debate e o fagan antes do verán xa que, en caso de adianto electoral, o pleno do Parlamento xa non volvería reunirse no outono. Nesta liña a voceira sanitaria socialista, Carmen Acuña, apela á "actitude democrática" dos populares para "facilitar a tramitación" da ILP. Mesmo lles "prexudicaría" non tomala en consideración, asegura. Do mesmo xeito a nacionalista Ana Luisa Bouza agarda a que "non se neguen a incorporala á orde do día" dun pleno, se ben non ten "ningunha dúbida de que votarán en contra" cando isto aconteza.

Presentación da manifestación CC-BY-SA Merixo
Cartaz da protesta © SOS Sanidade Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.