0 Gardados para despois

Gas Natural e Xunta, entidades que máis queixas reciben por discriminar o galego

Redacción | @prazapublica

"O me habla castellano o no continuamos la conversación". Esta é unha de tantas discriminacións contra os galegofalantes denunciadas a través d'A Mesa pola Normalización Lingüística na Liña do Galego, un servizo gratuíto, telefónico e online que atende consultas sobre dereitos lingüísticos e tramita queixas cara ás institucións ou empresas que os vulneran, así como os parabéns para quen dea pasos cara a garantir o dereito a vivir en galego. 

A 'Liña do Galego' d'A Mesa tramitou 156 queixas pola vulneración de dereitos lingüísticos

A entidade presentou este luns a memoria de actuacións da Liña do Galego en 2015, a través da que se tramitaron 156 queixas por vulneración de dereitos lingüísticos por parte das administracións públicas, entidades e empresas de diferentes sectores públicos e privados. Tal e como explicaron a secretaria xeral d'A Mesa, Susana Méndez, e o seu presidente, Marcos Maceira, a maioría destas queixas recibidas (33%) refírense á atención oral ou escrita. Ademais, destaca que máis da metade (51%) das presentadas refírense á administración pública, ben sexa estatal, autónomica e local. 

"Este dato móstranos que en xeral é no ámbito da administración onde o cidadán é máis consciente da existencia dunha normativa que ampara os seus dereitos lingüísticos, polo que tolera menos a súa vulneración, mais tamén o alto grao de vulneración destes dereitos por quen ten a obriga legal de velar por eles", destaca A Mesa, que advirte que a meirande parte das queixas recibidas sobre administracións na Liña do Galego en 2015 -o 52%- recaen na Xunta. Mentres, a Administración Xeral do Estado e a local acadan un 27 e un 21% respectivamente.

Máis da metade das queixas refírense á administración pública e destas, o 52% á Xunta de Galicia

Para a entidade, o dato é "máis unha evidencia dos pasos atrás que o Goberno da Xunta está a dar nos últimos anos en relación ao impulso do uso do galego na administración e nos respecto aos dereitos lingüísticos da cidadanía".

Seguidamente, tal e como aclara a entidade, atópanse as queixas rexistradas ás institucións privadas cun 16% do total e ás institucións públicas cun 12%. As empresas de servizos rexistraron un 12%, as grandes superficies un 6%, empresas de telefonía un 3% e os comercios menores un 1%. No sector privado, segundo A Mesa, "a actitude dos poderes públicos ampara e anima os comportamentos contra o galego de entidades ante as que as consumidoras e os consumidores fican absolutamente desprotexidos.

Gas Natural-Fenosa, Abanca, Audasa e Ikea reciben o maior númer de queixas de entre as empresas privadas

De debullar os datos por empresas, e dentro do total no sector privado, destaca o alto número de queixas recibidas en referencia a Gas Natural-Fenosa, 13%, seguidas de Abanca, Audasa e Ikea, cun 9% cada unha. A aeroliña Vueling rexistrou un 7% das queixas e Mercadona e Adif/Renfe, un 6%

"A negativa sistemática a ofrecer atención en galego vulnera gravemente o dereito ao uso da lingua propia, convertido na realidade en obriga, en deber da usuario ou usuario de renunciar a utilizala cando nos diriximos á administración ou a empresas que emprestan un servizo, nalgúns casos con coaccións evidentes por parte destas", destaca A Mesa, que advirte de que mesmo hai compañías e institucións que se permiten empregar frases como "o me habla castellano  o no continuamos la conversación" ou "esto es España y tiene que hablar español"

Ademais, destaca outros "maltratos" por reclamar atención en galego como "obrigar a que a propia usuaria ou usuario reelabore formularios só dispoñíbeis en castelán", ou "considerar a reclamación de procedementos en galego como obstrución, como no procedemento de sanción que a Axencia Tributaria ten aberto contra a propia Mesa". 

Para a Mesa, as escasas disposicións que amparan o galego non se cumpren e vulnéranse con total impunidade, o que segundo Marcos Maceira, “contrasta co cumprimento rigoroso das 500 disposicións que obrigan ao uso do español, nalgún caso mesmo contra outras linguas oficiais”, que tamén indicou que “a igualdade das linguas tan proclamada non é real se a posibilidade de uso destas linguas non ten iguais dereitos e iguais deberes”.

Segundo sinalou o presidente da Mesa, “acabar con este estado de normalidade das agresións lingüísticas está na nosa man”. Para iso “cómpre visibilizar a realidade, denunciar quen nos nega a posibilidade de utilizar a nosa lingua no noso propio país”, como primeiro paso para “reclamar que o dereito a utilizarmos o galego sexa plenamente respectado dándonos sempre esa opción”. Susana Méndez, Secretaria Xeral da Mesa, animou ao conxunto da sociedade galega a utilizar as liñas abertas pola Mesa: 981 56 38 85 ou 902 10 64 74 e linhadogalego@amesa.gal

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.