A policía impide o bloqueo dos gandeiros aos párkings das áreas comerciais

Tractorada ante o Carrefour na Coruña CC-BY-SA Praza Pública

Varios furgóns da policía nacional vixían desde esta mañá as áreas comerciais do Carrefour e do Alcampo na entrada da cidade da Coruña. Fano por ordes da Delegación do Goberno ante o bloqueo á entrada dos aparcadoiros por parte de ducias de tractores. A Plataforma na Defensa do Sector Lácteo mantén desde o pasado venres o boicot co que impedían os clientes estacionar o seu vehículo no párking, aínda que non o paso destes a pé. A presenza de varios antidisturbios permite xa tamén o paso dos coches, aínda que se mantén a protesta contra as empresas de distribución e a tractorada ante as súas portas. 

A policía impide que se bloqueen os acessos ao párking e os gandeiros optan por intentar bloquear os almacéns

Ante esta situación, os gandeiros optaron por "cambiar a táctica" e trasladaron varios dos seus tractores á entrada dos almacéns de subministros do Carrefour e advirten que a protesta continúa a ser indefinida. Nas próximas horas, decidirán que outras medidas tomar nas mobilizacións.

Os gandeiros denuncian o "roubo" ao que, segundo din, os someten as cadeas de distribución. Insisten nun compromiso por escrito destas para que cumpran co acordo lácteo, pero as empresas seguen sen aclarar por que esa suba de entre 3 e 5 céntimos en cada cartón de leite só a nota o consumidor, pero non o prezo que as industrias pagan ás granxas, que seguen a cobrar de media 27 céntimos, por baixo dos custos de produción e aos niveis máis baixos de todo o Estado

As áreas comerciais afectadas polo boicot dos gandeiros -tamén Lidl, Eroski ou DIA noutras localidades como Lalín, Vilalba ou Monforte- advirten das perdas que están a sufrir e mesmo hai empresas que xa presentaron denuncias por coaccións e ameazas e gandeiros que xa están identificados pola policía, aínda que a Plataforma di "non ter constancia" desas demadnas. No entanto, e malia a presenza dos axentes, a sétima xornada de protesta continúa sen incidente ningún. 

Tractorada ante o Carrefour na Coruña CC-BY-SA Praza Pública
Bloqueo do almacén do Carrefour na Coruña Dominio Público @unions_agrarias

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.