0 Gardados para despois

"A teima de Feijóo na austeridade provocou mortes de enfermos de hepatite C"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A fiscalía vén de presentar unha denuncia contra o Servizo Galego de Saúde (Sergas) nos xulgados de Compostela polas restricións impostas pola Xunta aos fármacos receitados a enfermos de hepatite C. O ministerio público considera que hai responsabilidades penais na cúpula directiva de Sanidade por non ter facilitado os medicamentos a doentes que acabaron falecendo. Cando menos tres, segundo o texto da demanda, terían morto pola negativa a administrarlles as medicinas. "Pero esta só é a pequenísima punta do iceberg", advirte Quique Costas, voceiro da Plataforma Galega de Persoas Afectadas pola Hepatite C, colectivo que organizou e liderou as mobilizacións que durante meses pedían unha solución a unha problemática que causou mortes, "sufrimento e angustia". Foi un dos que levantou a voz no Parlamento tras a negativa do PP a garantir os tratamentos e insiste en que "decisións políticas" do Goberno de Núñez Feijóo provocaron varias mortes en Galicia. "Non o digo eu nin a Plataforma, é o que di a fiscalía despois de nove meses de investigación e 200 folios nas dilixencias", aclara. 

O escrito da denuncia da fiscalía fala de tres falecidos pola negativa do Sergas a darlles o tratamento...

Si, pero esta é a pequenísima punta do iceberg. O número de persoas que faleceron a causa da hepatite C en España no tempo que vai desde que a Axencia Europea do Medicamento acepta o fármaco ata a entrada en vigor do Plan Estratéxico para abordar a enfermidade foi de 5.000 persoas. Dese total, temos que deducir que 150 cando menos morreron en Galicia. Con isto non quero dicir que todas esas persoas non terían falecido se lles desen o tratamento, pero moitas delas si se terían salvado. 

"Durante quince meses sufrimos unha constante actitude de obstrución por parte da Consellería de Sanidade"

Houbo máis mortes das que se poden deducir polas estatísticas?

Non tempos coñecemento de todas as mortes porque a Plataforma constituíuse a final de 2014 e tampouco todos os pacientes están na listaxe dos tratados polo colectivo médico Batas Blancas [que foi o que presentou a denuncia nos xulgados]. O que si se deu durante todo ese período de quince meses foi unha constante actitude de obstrución por parte da Consellería de Sanidade ao acceso aos fármacos, mesmo para aqueles que xa foran prescritos polos médicos de cada doente atendendo a uns criterios xa hiperrestritivos do Ministerio de Sanidade. 

Esa é a cuestión sobre a que se centra a fiscalía?

Claro. Aí é onde agroma a figura penal. De todos os pacientes que tiñamos controlados, entre Batas Blancas e a Plataforma detectamos cinco casos que nos pareceron manifetamente consecuencia directa desa denegación ou non concesión por parte da Xunta dos tratamentos. Finalmente, houbo catro que se puideron documentar con detalle e que foron remitidos á fiscalía, que logo de apañar datos e investigar, chegou á conclusión de que tres dos caos reunían todos os requisitos para atribuírlle unha responsabilidade penal á Administración. Paralelamente, naquela altura, nós temos detecado máis de 50 pacientes que levaban meses agardando por unha resposta da comisión creada pola Consellería de Sanidade, esa que no se día denunciamos e que co Plan Estratéxico a nivel estatal desapareceu. 

Aquela comisión foi obxecto de duras críticas por parte da Plataforma e de máis colectivos.

O que facía era tomar decisións de tipo administrativo sobre aqueles doentes que xa tiñan receitado un fármaco e decidía se podían acceder a el ou non. Ese era o quid da cuestión. Nós pediamos algo que, visto agora, parece estraño e ata demencia. Reclamabamos que nos fose dispensado aquilo que nos receitaban. Parece incrible que isto fose discutido, pero foi o que pasou. 

"Reclamabamos que nos fose dispensado aquilo que nos receitaban; parece incrible que isto fose discutido, pero foi o que pasou"

Como explicaría vostede a actiude da Xunta? A que se deberon tantas reticencias e atrancos?

Só se pode explicar en termos de austeridade. Feijóo presumía de ser campión da austeridade, o alumno máis avantaxado da clase de Merkel, e teimaba en demostralo cada día, ata tal punto de que en Galicia os criterios que se empregaban á hora de dispensar os fármacos eran máis restritivos que os que marcara o Ministerio de Sanidade. É unha derivación política e unha votande deliberada de ser máis papistas que o Papa. Cando o Ministerio modificou os criterios para facelos menos restritivos e poder prescribir os novos medicamentos, a Xunta tardou máis de mes e medio en aplicalos e só despois de que nós o denunciásemos publicamente. 

"As decisións da Xunta só se explican en termos de austeridade; Feijóo teimou en demostrar que era o alumno avantaxado de Merkel tamén coa hepatite C"

E logo chegou o tema do extravío de varios informes...

Extraviáronse sospeitosamente expedientes de persoas que mesmo estaban en listas para transplantes e en estado moi grave. Eran prescricións de novos fármacos á espera da comisión e aínda non se abriu nin tan sequera expediente informativo ningún sobre o tema. Nunca se explicou nada máis aló dunha nota de prensa onde vagamente se recoñecía un problema "nos circuítos". E nunca se nos explicou cal era ese teórico problema. Máis tarde, descubrimos outros 20 expedientes extraviados tamén no CHUS de Santiago. É moi difícil de explicar todo isto. O que está ben claro é que nas decisións tomadas e nos atrasos e atrancos había unha decisión política. 

Están en contacto coa Xunta? Recibiron algunha explicación? 

Temos contactos trimestralmente coa dirección xeral de Asistencia do Sergas, que nos dá información sobre a aplicación do Plan Estratéxico, en vigor desde abril. Dannos datos sobre cantos pacientes levan tratados, con que medicamentos ou como evoluciona o plan, pero nada nos din sobre detección e información e prevención porque iso non se aplica en absoluto. É unha enfermidade que o propio Plan recoñece da que non están diagnosticados máis do 20% dos doentes. A inmensa maioría non sabe da súa situación, e lonxe de ter estratexias para descubrir a enfermidade, detectala, o que se fai é intentar ignorar os enfermos. Tratalos supón un gasto e iso non interesa. 

"Tratar os enfermos de hepatite C supón un gasto e iso non interesa á Administración"

O conflito foi duro e houbo graves acusacións no Parlamento. Feijóo chegou a aludir a Venezuela...

Fronte a nosa loita, a actitude da Consellería de Sanidade e da ex conselleira Mosquera foi sempre de absoluto desprezo e de intentar por todos os medios desacreditarnos. Houbo situacións ridículas, como cando formulamos unha moción na Cámara na que dicía literalmente que os tratamentos fosen dispensados sen mediar máis decisión administrativa que a dos médicos. O PP votou en contra e vinte días despois estábase presentando o borrador do Plan Estratéxico que dicía exactamente o mesmo que nós propuxéramos. A Xunta fixo o ridículo a uns niveis moi altos. Xeraron angustia e sufrimento e provocaron situacións irreversíbeis e provocaron mortes. 

Soa forte dicir que a Xunta provocou mortes...

Non é que soe forte, senón que é o que di a Fiscalía logo de nove meses de investigación. Dio a Fiscalía no seu escrito de denuncia porque chegou á convicción, despois de practicar moitas probas e facer moita investigación, de que pode haber responsabilidades penais por esas mortes. E o expediente conta de 200 folios... Logo de todas estas dilixencias, o ministerio público conclúe que as mortes foron provocadas por decisións da Consellería. 

"A Xunta fixo o ridículo a uns niveis moi altos, pero sobre todo xerou angustia, sufrimento e provocou mortes"

Que agarda desta vía xudicial?

O que agardamos é que o xulgado actúe e actúe con dilixencia. En canto sexa procesualmente posible, a Plataforma presentarase como acusación nesta causa e faremos o posible para facilitar a acción da xustiza contra aqueles que son responsables directos das mortes. A ex conselleira foi unha responsable directa, pero tamén o que fora director xeral de Asistencia e os membros daquela comisión. Cadaquén terá a súa parte de responsabilidade e decidirase quen tiña máis ou menos. Para nós está claro que a responsabilidade está na cúpula do Sergas e da Consellería, pero tamén nos membros da comisión porque as decisións que se tomaban, segundo nos dicían, eran froito do que decidía aquel conxunto de persoas. 

Doentes de Hepatite C protestan no Parlamento de Galicia

Persoas afectadas pola Hepatite C protestan no pleno do Parlamento de Galicia ao rexeitar o PP unha iniciativa de AGE apoiada por toda a oposición para garantirlles o tratamento

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.