0 Gardados para despois

Proxecto Batefogo: previr o lume dinamizando social e economicamente o rural

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Manzaneda ensaia novas fórmulas contra o lume. O concello ourensán uniuse ao proxecto Batefogo, unha iniciativa deseñada para a prevención dos incendios forestais a través da intervención social e que busca unha solución sostible, eficaz e que xere traballo para a lacra que cada verán destrúe o Macizo Central. 

O proxecto Batefogo busca "compaxinar de forma eficaz a prevención do lume coa dinamización económica e social do medio rural"

O proxecto busca "compaxinar de forma eficaz a prevención do lume coa dinamización económica e social do medio rural" e os seus promotores son tres cooperativas (Feitoría Verde, MaOs Innovación Social e Encomún Proxectos), xunto co licenciado en Ciencias Ambientais Miguel Pardellas,doutorando do Programa Interuniversitario de Educación Ambiental da Universidade de Santiago. 

Presentado por Pardellas o pasado mes de xaneiro no Concello, o de Manzaneda será o proxecto piloto, o lugar onde apostar por unha iniciativa que é aplicable a calquera lugar da xeografía galega e dirixida "a todo tipo de entidade, administración pública ou comunidades de montes", entre outras, que "teñan vontade política de poñela en acción". 

O obxectivo, en definitiva, é que a xente decida coidar o monte, así como provomover a participación social e a dinamización comunitaria nun labor conxunto e de implicación para previr os incendios. E facelo máis aló das puntuais rozas e, sobre todo, da extinción, as únicas actuacións que se adoitan realizar. "E se a solución estivese noutro sitio?", pregúntanse os impulsores de Batefogo na presentación do seu proxecto. 

A iniciativa vén avalada por outras experiencias exitosas e semellantes noutras partes e baséase na silvicultura sostible, no pastoreo, no aproveitamento turístimo e do patrimonio ou no labor agrícola. O obxectivo: reducir o número e impacto dos incendios, promover a custodia participativa do territorio e os usos sustentábeis do monte, a dinamización socioeconómica do rural, pór en valor o patrimonio e a cultura e xerar unha nova cultura forestal. E este último propósito é clave. 

A iniciativa pretende reducir o número e impacto dos incendios, a custodia participativa e usos sustentábeis do monte ou a dinamización socioeconómica do rural

Batefogo propón varios pasos para levar a cabo o proxecto. O primeiro, un estudo para "caracterizar" o territorio (recursos naturais e patrimoniais, o urbanismo, os usos do solo) e analizar o impacto dos incendios nel. Ademais, identificar os "puntos quentes" dos incendios que requiren máis atención, unha medida que xa se levou a cabo en Manzaneda. 

Ademais, estanse poñendo en común xa estas análises cos veciños para facer "unha diagnose completa". As xuntanzas coa veciñanza, a colaboración e basearse no coñecemento da xente do rural é fundamental na iniciativa. Así o explica o alcalde, David Rodríguez, que explica que na reunión estiveron presentes tamén axentes forestais, servizos de extinción de incendios, cooperativas da zona, o Comité de Defensa do Monte Galego e movementos ecoloxistas. Pero tamén cazadores, gandeiros, "xente que vive do monte e xente que non, pero todos propoñendo ideas e propostas, algunhas contrarias a outras, pero todas elas importantes para o debate"

O proxecto atópase na fase de "análise polo miúdo das causas dos incendios" e pon en común coa veciñanza os resultados

O rexedor explica que o proxecto atópase aínda na fase de "análise ben polo miúdo das causas dos incendios" e explica que se trata de facer a iniciativa "o máis participativa posible para que non leve toda a culpa aquel que prende lume". "Tratamos tamén doutras problemáticas como a despoboación, o abandono dos sectores primarios e agrograndeiros ou a privatización na extinción e prevención de incendios", explica. Batefogo, xunto co Concello, segue a recompilar datos dos incendios dos últimos quince anos, as zonas máis afectadas e o tipo de vexetación. 

A continuación, habería que definir as medidas de intervención, sempre tendo en conta as propostas dos veciños e asesorándose con expertos e a experiencia de proxectos semellantes. Logo farase unha listaxe de medidas para valorar cales se poñen en marcha ou non, priorizando aquelas medidas que axuden á creación de emprego e a unha xestión sustentábel do territorio. 

Paralelamente a todo isto, Batefogo propón unha campaña de educación ambiental permanente dirixida a toda a comunidade, así como outra de comunicación para difundir o proxecto. "É fundamental facelo nos centros educativos, pero tamén acudir ás aldeas e explicarllo a todo o mundo", insiste David Rodríguez, que anuncia que xa se puxo en contacto con outros concellos da zona para espallar a iniciativa, levar a experiencia a outras zonas e aumentar así a efectividade do traballo. 

Logo da súa primeira diagnose e tras meses de compilación de datos, o proxecto foi explicado aos veciños, aclarándolles que o 90% dos incendios son provocados e diferenciando entre os máis pequenos, moitas veces consecuencia de queimas agrícolas, e os de grandes dimensións, con causas máis difíciles de atopar. Pero queda aínda moito dato por debullar e moita análise por facer. 

En todo caso, a tese é común e baseada en que os incendios están vinculados ao aproveitamento do monte, polo que o obxectivo é propor e convencer de fórmulas para poñer en valor este monte e compaxinar o traballo sustentable co aproveitamento dos recursos e conseguir xerar emprego e, a un tempo, protexer o territorio. Todo en contacto coa veciñanza, atendendo as súas propostas e contando coa axuda de quen sabe da importancia de coidar o medio rural. 

Batefogo está financiado con fondos propios do Concellos: "con reducir tan só un incendio ao ano, xa compensa; se a Xunta non o fai, farémolo nós"

Sexa como for, para o alcalde os fondos investidos -"todos propios do Concello e sen axuda de ningunha outra administración"- compensan. "Con reducir tan só un incendio ao ano, xa tería compensado", explica sobre Batefogo, máis aínda, di, "cando a Xunta non fai nada en prevención e acapara todos os fondos para extinguir lume dos que deberían ir destinados aos municipios por estar en Rede Natura". "Temos que asumir convenios con motobombas, brigadas e demais cando a competencia non é nosa e é un traballo que non fai o Goberno galego, así que se a Xunta tampouco fai nada pola prevención, teremos que facelo nós", remata. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.