"As políticas públicas de vivenda son o reto pendente no casco histórico"

Exterior dunha vivenda no casco histórico de Compostela © Consorcio

O centro histórico de Compostela é habitualmente recoñecido como un exemplo en materia de rehabilitación e conservación, tanto no ámbito galego coma no exterior, mesmo en foros internacionais. Así foi salientado unha vez máis hai unhas semana nos actos de conmemoración do 30 aniversario da Declaración como Patrimonio da Humanidade. E tamén, este mesmo xoves, en Cuenca, no marco da celebración do 20 aniversario da mesma declaración para a cidade manchega. Coincidindo coa efeméride, o Consorcio de Cuenca organizou un foro de debate sobre a habitabilidade e a rehabilitación nos centros históricos, no que en representación de Compostela participou Xosé Allegue, arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago.

Moitas foron as cousas que nas últimas décadas se fixeron e se fixeron ben en Santiago, sobre todo no plano da rehabilitación física, na recuperación de edificios e rúas. De feito, nos últimos vinte anos foron rehabilitadas máis de 1.500 vivendas no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica. Tamén foi importante a xeración dunha imaxe de cidade, externa e interna, unha certa identidade e orgullo baseado nesta mesma recuperación e respecto polo patrimonio. Creouse, ademais, un consenso político sobre os beneficios destas políticas de rehabilitación.

Porén, como salienta Xosé Allegue, houbo tamén cousas que non se fixeron tan ben, e importantes retos pendentes. Allegue chama neste senso a incidir nas políticas sociais e de vivenda no ámbito histórico, na rexeneración do tecido comercial, na mobilización da vivenda baleira e no fomento da vivenda pública. No relatorio presentado en Cuenca, titulado Turistas versus cidadáns. As políticas de vivenda do Consorcio de Santiago, Allegue alerta tamén sobre o "monocultivo turístico" e chama a potenciar unha "rexeneración integral".

Que efectos ten no casco histórico de Compostela o turismo que todos os anos chega á cidade, con cifras millonarias de visitantes?

Na celebración do 30 aniversario da declaración de Santiago como Patrimonio da Humanidade, Xerardo Estévez reivindicou que o Camiño é un elemento fundamental na identidade do centro histórico compostelán. Iso é certo, pero por outra banda falamos de catro ou cinco millóns de visitantes ao ano, que xeran unha serie de tensións no ámbito do casco histórico: por exemplo no relativo ás expectativas dos operadores turísticos, principalmente as empresas hoteleiras. A estas empresas interésalles especular no ámbito histórico: as operación de vivenda son menos rendibles e lucrativas que as operacións hoteleiras. Foron moitos os edificios de vivendas aos que nos últimos anos lles foron concedidas licenzas para facer ou ben hoteis -os famosos hoteis con encanto- ou ben apartamentos turísticos. O monocultivo turístico está levando á morte de éxito a moitas cidades, como Venecia ou Barcelona. Compostela Aberta asumiu no seu programa a paralización de licenzas deste tipo, e vén de facelo hai unhas semanas. Era un tema clave, os técnicos levábamos moito tempo denunciando esta cuestión.

Ten consecuencias tamén sobre o tecido comercial e a estrutura económica da cidade?

Este monocultivo turístico xera tamén emprego precario, estacional e impide a creación dunha actividade económica máis diversa e máis relacionada co comercio de proximidade, que é o que favorece a fixación de poboación e a consolidación da función residencial. Hai que evitar neste senso a excesiva terciarización da economía; xa Compostela é unha cidade cunha economía moi terciaria, e se o proceso aínda se incrementa, estamos impedindo un desenvolvemento equilibrado da economía.

"O monocultivo turístico xera emprego precario e estacional e impide a creación dunha actividade económica máis diversa e máis relacionada co comercio de proximidade, que é o que favorece a fixación de poboación"

Destacas a necesidade de impulsar políticas públicas de vivendas no casco histórico. Que se pode facer que non se fixo nos últimos 20 anos?

Non se fixo unha política pública de vivenda no ámbito histórico, pero hai que facela, é o gran reto pendente. E agora é moito máis difícil que hai anos, porque quen dende a administración se pon agora a mercar predios no casco histórico? Nestes anos produciuse un proceso inflacionista, debido en boa medida ás propias accións de rehabilitación, un proceso que eu denomino como rehabilitación especulativa subvencionada. Priorizouse a recuperación física e aí si que indubidablemente en Compostela se avanzou moito, e os recoñecementos internacionais van por aí. A rehabilitación é algo máis que a rehabilitación física dos edificios, é un proceso integral que hoxe chamaríamos rexeneración integral, que implica tamén os aspectos sociais e económicos, que aquí foron abandonados. Creo que o programa de Compostela Aberta vai na dirección adecuada, outra cousa é que sexa doado facelo. O Consorcio, neste senso, debe reorientar a súa actividade, non pode ser que sigamos intervindo só no plano físico, nas estruturas.

Hai que ter en conta que o centro histórico de Compostela continúa perdendo poboación, e isto hai que evitalo. Cando cheguei ao Consorcio había 960 vivendas baleiras e agora hai 1.100. Ollo, moitas das que estaban baleiras, ocupáronse, e o incremento débese sobre todo a novas edificacións que non foron vendidas nos últimos anos. Pero en todo caso, 21 anos despois seguimos cunha porcentaxe do 14% de vivendas baleiras.

"A rehabilitación é algo máis que a rehabilitación física dos edificios, é un proceso integral, que implica tamén os aspectos sociais e económicos, que aquí foron abandonados"

Entre os aspectos positivos, ademais dos avances na recuperación física, podemos destacar o consenso que se xerou na cidade ao redor dos procesos de rehabilitación?

Eu son esixente, sempre me gusta máis falar do que queda por facer que do xa feito, pero si, un dos traballos dos que máis orgullosos podemos estar é de que a nosa actividade tivo unha compoñente pedagóxica moi importante coa veciñanza da zona histórica, con todos os cidadáns e cidadás de Compostela, con todos os sectores implicados (empresas construtoras, arquitectos...) e tamén cos políticos. Hai unha cultura da rehabilitación e da rexeneración urbana e potenciouse moito o valor do recoñecemento do que temos.

Conseguiuse reverter o proceso de envellecemento da poboación do centro?

Conseguise reverter levemente o proceso de envellecemento do casco histórico, pero en moitos casos isto estivo ligado a procesos de xentrificación. A xente maior foi expulsada ou morreu. Non só chegou xente máis nova, senón tamén xente cun nivel adquisitivo moito maior. Neste senso, outra batalla é a que mantemos contra a xentrificación: a substitución da poboación previa. Cando a un propietario lle ofrecen unha cantidade moi grande de cartos por un edificio no que só queda un ou dous inquilinos, comezan situacións de mobbing inmobiliario. E coñezo casos en Compostela. E o problema aquí é que as multinacionais hoteleiras teñen unha gran capacidade de influencia na administración.

"A administración debe ser proactiva, non podemos estar agardando a que as dinámicas do mercado de vivenda no ámbito histórico resolvan o problema"

Con que instrumentos contan as administracións para levar a cabo estas políticas públicas de vivenda?

A administración debe ser proactiva, non podemos estar agardando a que as dinámicas do mercado de vivenda no ámbito histórico resolvan o problema. Temos que ir a falar cos propietarios das vivendas baleiras, convencelos de que as arranxen, convencelos de que as cedan á administración, a cambio de que a propia administración as rehabilita e durante un determinado número de anos as pon nun alugueiro social... Hai instrumentos xurídicos e ferramentas de todo tipo, moitas fórmulas, que están máis que ensaiadas no País Vasco, en Cataluña e noutros países europeas, e que permiten a mobilización da vivenda baleira. Unha das fórmulas que os políticos se resisten a utilizar é o rexistro de solares, mediante o que calquera cidadán pode inscribir unha vivenda que está abandonada ou baleira, para esixirlles aos propietarios a súa rehabilitación e a súa reocupación. A administración dálles un prazo de dous anos, e se non o fan a administración adquire o dereito de expropiación, a un prezo taxado, xusto, de mercado. Entendo que isto é moi impopular. Que goberno se arrisca? Pero o instrumento está aí, e en Ferrol vai comezar a usarse, algo suavizado, centrado na rehabilitación de vivendas e non nos predios baleiros. Fai falla simplemente vontade política.

Acto do 30 aniversario da declaración de Santiago como Patrimonio da Humanidade Dominio Público Consorcio
Exterior dunha vivenda no casco histórico de Compostela © Consorcio
Rehabilitación da Casa do Cabildo © Consorcio
Xosé Allegue Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.