Xulio Ferreiro lidera os premios 'La tortura no es cultura'

Estado actual das votacións na categoría de 'políticos' Dominio Público http://www.latorturanoescultura.es/

O vindeiro 11 de marzo a Sala Arena de Madrid acollerá a gala de entrega dos premios RockinVega 2016, que recoñecerán o labor desenvolvido ao longo do pasado ano na defensa dos animais e contra o maltrato animal como actividade cultural. O evento contará coa actuación de grandes artistas que avogarán pola substitución dos festexos nos que se maltratan animais, coma o Toro de la Vega, por alternativas coma a música, as artes escénicas e o deporte. Os galardóns La tortura no es cultura contan con varias categorías: periodistas/presentadores, actores e actrices, cantantes/grupos musicais, deportistas, políticos, cultura, medios de comunicación e concellos. Tamén se entrega o premio La Puntilla ao personaxe público máis daniño para os animais.

Na categoría de políticos figura entre os candidatos e candidatas o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, pola supresión da feira taurina que se viñera celebrando na cidade nos últimos vinte anos. De momento, Ferreiro lidera as votacións (con 1.231 apoios), superando a Joan Ribó (alcalde de Valencia, que retirou as subvencións á tauromaquia), María Espinosa (deputada da Asemblea de Madrid, que conseguiu unha redución do 32% dos fondos públicos destinados ás touradas), Florent Marcellesi (eurodeputado de Equo, cun intenso labor contra a tauromaquia na cámara), Josep Maldonado (senador de CiU), Chesús Yuste (es deputado da Esquerda Plural), Joan Josep Nuet (deputado de EUiA) e Jordi Guillot (senador de ICV).

Nas restantes categorías, atopamos por exemplo a Risto Mejide, El Gran Wyoming ou Gonzo (presentadores/periodistas); Dani Rovira, Pablo Puyol ou Lluvia Rojo (actores e actrices); Mago de Oz, Amaral, Ska-P (música); Carles Puyol, Gervario Deferr ou Andrea Fuentes (deportistas); Rosa Montero, Elvira Lindo ou Maruja Torres (cultura); La Sexta ou El Diario (medios de comunicación); Guareña, Madrid ou Rivas (concellos). Guareña foi a primeira localidade de Estremadura en prohibir os festexos taurinos, en abril de 2015, destinando a libros de texto as subvencións que recibían as touradas.

Os galardóns entregan tamén o premio negativo La Puntilla, que ten entre os seus finalistas a Esperanza Aguirre, Mariló Montero, Andrés Calamaro, Joaquín Sabina, José Ignacio Wert, María Dolores de Cospedal, Sergio Ramos, Cristina Cifuentes ou Mario Vargas Llosa. O período de votacións pecharase o 10 de marzo.

 

Estado actual das votacións na categoría de 'políticos' Dominio Público http://www.latorturanoescultura.es/
Pobre asistencia nas touradas da Coruña en 2014 CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.