O CHUS inaugura unha unidade publico-privada de investigación oncolóxica

Núñez Feijoo abraza a Federico Plaza, directivo de Roche Farma España © Xunta

A pasada semana os servizos de Oncoloxía do Hospital de Santiago (CHUS) eran noticia por mor das denuncias presentadas pola Asociación de Pacientes e Usuarios, que criticaba importantes carencias de medios humanos e materiais no centro, sobre todo neste departamento, alertando ademais de esperas demasuado longas, "de 3 ou 4 horas, cando o normal serían de 60 ou 90 minutos".

Apenas seis días despois, de novo hai que falar da Oncoloxía no CHUS, debido á inauguración este luns dunha unidade público-privada de investigación, centrada na Oncoloxía de precisión. No acto participaron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, o conselleiro de Sanidade -Jesús Vázquez Almuíña- e o de Economía, Emprego e Industria -Francisco Conde-, así como directivos da multinacional farmacéutica Roche Farma, encabezados polo director de Government Affairs de Roche Farma España -Federico Plaza- e a directora médica da empresa, Annarita Gabriele.

A cooperación entre a Xunta e a empresa privada permitiu poñer en marcha en Galicia 19 unidades mixtas de investigación no último ano, cun investimento previsto de nove millóns de euros ata o ano 2018, e o Goberno galego prepara unha nova convocatoria de axudas, co obxectivo de crear novas unidades público-privadas. No acto de inauguración, destacouse que o obxectivo é "impulsar a investigación e xerar novas sinerxias no sector biomédico de Galicia", buscando converterse "nun referente nacional no desenvolvemento de proxectos investigadores encadrados na medicina oncolóxica personalizada".

En palabras de Feijoo, "a participación de médicos, oncólogos e persoal de distintas disciplinas asegura que os criterios clínicos estean na base do proxecto, mentres que a participación de Roche posibilita a súa efectiva transferencia en tecnoloxías e produtos con aplicación clínica que axudarán a mellorar as expectativas de vida dos pacientes”. Pola súa banda, Federico Plaza salientou que "a combinación entre a capacidade de xerar coñecemento innovador sobre procesos clave en oncoloxía" que achega o CHUS e "a experiencia de Roche en novas estratexias e modelos experimentais para o tratamento personalizado dos pacientes dotará a unidade dunha "posición de liderado no campo da medicina de precisión".

Neste tipo de unidades público-privadas, a parte privada está obrigada a achegar un mínimo do 40% do orzamento, e o 20% como máximo pode proceder de ensaios clínicos.

Núñez Feijoo abraza a Federico Plaza, directivo de Roche Farma España © Xunta
Na inauguración participaron tamén os conselleiros de Sanidade e Economía e outros directivos da farmacéutica © Xunta
O Goberno galego puxo en marcha xa 19 unidades de investigación público-privadas © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.