Unha empresa retira de balde niños de avespa asiática que se nega a eliminar a firma pública

Niño retirado pola empresa Serpa © Serpa

"Fíxeno como exemplo, para demostrar que o que falta é vontade política e medios e que si que se pode, claro que se pode". Quen fala é José María Vázquez, apicultor de Viveiro e responsable da empresa Servicios Privados Antivelutinas (Serpa). Co seu eficaz método contra a praga de avespa asiática que asolaga Galicia retirou o pasado ano máis de 730 niños só na Mariña. O pasado luns acudiu de balde a Cospeito para retirar un niño xigante situado nun carballo dunha parroquia de Cospeito. E fíxoo de balde e por iniciativa propia logo de que Tragsatec, empresa dependente da firma pública Tragsa enviada pola Xunta a estes labores, se negara a facelo.

Os operarios de Tragsatec negáronse a actuar contra un niño a 18 metros, que foi retirado de balde por Serpa en pouco máis de media hora

Argumentaron que o niño estaba demasiado alto, que non tiñan unha escada axeitada e que non poderían realizar o traballo. Foi pouco despois do Nadal e logo de que os propietarios avisasen á Xunta. Máis tarde recorreron ao Concello, pero a ameaza deste importante exame seguiu alí ata que Vázquez, coñecedor da nova pola prensa, decidiu acudir á parroquia de Sistallo. Fíxoo en forma de denuncia e para demostrar que a grave problemática que xa afecta máis da metade dos concellos galegos ten solucións máis eficaces das probadas polas administracións e, sobre todo, "que é cuestión de vontade e de poñer os medios". 

"É indignante; vale que digan que non chegan aos 30 metros, pero ese niño nin tan sequera chegaba a iso, senón a uns 18... Pódense retirar estes niños de sobra e de feito noutros concellos Tragsa si accede a eles", explica o responsable de Serpa, que acabou o traballo en pouco máis de media hora e cuxo método alcanza enxames ata a 50 metros. A través de varias pértegas que se van unindo e apoiándose nas pólas da árbore chega ao niño, onde un tecido impregnado en gasóleo -ou con gas noutros casos- arde para queimar as avespas.

"Fíxeno como exemplo, para demostrar que o que falta é vontade política e medios", di o responsable da empresa Serpa

Así eliminou Vázquez centos nos últimos meses ante a pasividade, a ineficacia ou a tardanza das administracións. Foron varios os concellos que se puxeron en contacto coa súa empresa, cuxo responsable insiste en que "faltan efectivos, organización, coordinación e un método que chegue ás alturas onde aniñan algunhas avespas". 

O protocolo que segue é case sempre o mesmo. Recibe a chamada, indícanlle os lugares onde están situados os niños, acómpañao un responsable do Concello ou o particular e pasa a factura. Sen máis, aínda que neste caso fíxoo de balde para chamar a atención sobre a problemática e sobre o desleixo da Xunta. "É un cachondeo", explica, farto de advertir da grave incidencia da praga e das necesidades de achegar medios e apostar por métodos eficaces que mingüen a presenza da avespa asiática, que é especialmente importante e agresiva na Mariña, no Ortegal, en Ferrolterra ou no Baixo Miño. 

A falta de coordinación, de medios e de pesoal fai insuficiente a retirada de niños da avespa asiática, que segue a expandirse

Vázquez ten claro que é o que falla. "Hai que afrontar a situación a nivel municipal, en cada concello, onde debería haber unha ou dúas persoas encargadas de localizar os niños permanentemente para logo exterminalos; se se buscan, atópanse, pero hai que ser rápidos porque dun niño saen novos enxames", explica quen aposta pola coordinación a nivel comarcal ou da Xunta, pero, sobre todo, pola procura dos niños por parte das administracións locais. "Patear o monte cun mapa, indicar o lugar e mesmo as coordenadas e logo actuar, esa é a clave", insiste.

A esta ausencia de coordinación e persoal engádeselle o problema escenificado en Cospeito. A empresa pública Tragsatec négase a eliminar os niños que se sitúan sobre os 20 metros, cando cada vez son máis os que superan esa altura e mesmo alcanzan os 50. A empresa matriz, actualmente cun ERE, tampouco se adapta aos horarios máis axeitados para a retirada da velutina segundo moitos expertos e en moitos casos non acoden ás chamadas coa premura necesaria. Tamén esgrimen falta de medios e material axeitado, mentres unha empresa unipersoal da Mariña segue a suprimir niños e a Xunta continúa sen adoptar un plan global e de coordinación para acabar cunha praga que ameaza con ser maior a partir desta primavera. 

A praga de velutina afecta máis da metade dos concellos galegos

Polo momento, hai un total de 160 concellos galegos afectados segundo os datos da Consellería de Medio Rural, unha cifra que ben seguro é peor. A media de avisos é dunhas 25 chamadas diarias ao 112. E houbo máis de 3.200 niños retirados ou neutralizados tan só pola Xunta ata o mes de novembro. As consecuencias son graves para as colmeas e o sector apícola, así como para o forestal, o froiteiro e para a seguridade cidadá. Desde que se avistasen os primeiros exemplares de velutina aló por 2012, o problema segue medrando e as solucións continúan sen chegar. "Non se pode tomar isto a cachondeo, é todo unha comedia", remata José María Vázquez. 

Retirando un niño de avespa asiática a grande altura © Serpa
Concellos nos que foron detectados niños de avespa velutina © Consellería do Medio Rural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.