"Só quería xogar como unha rapaza máis, a mellor noticia será que nunca máis sexa noticia"

Antía Fernández, co número 1, xunto a concelleira Rocío Fraga © Concellaría de Igualdade da Coruña

"Eu só quería xogar, como unha rapaza máis, nun equipo". A galega Antía Fernández converteuse a pasada fin de semana na primeira muller transexual en debutar en competición oficial cun equipo no Estado. Da man do Club Padre Faustino Calasancias da Coruña e contra o Atlético Boiro nun partido da Segunda División B. Entrou na historia do deporte logo de ser rexeitada antes noutras disciplinas. Federada por fin, o balbordo e expectación que arrodearon a súa estrea irán minguando co tempo. E iso, no fondo, é o que máis desexa: que o que agora é noticia acabe por non selo nunca. 

Un soño cumprido?

O soño era xogar, como unha rapaza máis, nun equipo. Xa o dixen nalgunha outra ocasión: eu só son unha rapaza de barrio, da Sagrada Familia na Coruña, que quería xogar nun club como unha máis. Iso foi todo o que me propuxen e o que para min conseguín, pero foron os medios os que de súpeto me advertiron de que era a primeira muller transexual galega federada... Pensei que só se referían ao voleibol, pero non...

"Só son unha rapaza de barrio que quería xogar como unha máis; foi todo o que me propuxen e o que conseguín"

Entrou na historia...

Logo dixéronme que era a primeira muller transexual federada en todas as disciplinas deportivas e máis tarde que, malia que antes houbo outro caso dun home en España, que era o primeiro caso tamén de entre todas as disciplinas olímpicas. Empezóuselle a dar máis bóla ao tema, pero a min sempre me pareceu como chamar técnico de medidas de hixiene a unha persoa que limpa. Eu só xogo ao voleibol, nada máis. 

"A mellor noticia sería que isto non fose nunca máis noticia"

A mellor noticia será non ser noticia?

Exacto, a mellor noticia sería que isto non fose nunca máis noticia. Tamén lle dixen ao coordinador deportivo do meu club que, de non ser imprescindible, é mellor non falar máis cos medios. Queremos, tanto eu como o meu equipo, volver á normalidade ou tomar isto como algo natural. O mellor foi telo dito e que, a partir de agora, a situación se normalice. 

Para alcanzar dereitos hai que cambiar normas, rezaba unha pancarta do Observatorio de Igualdade na cancha onde Antía disputou o seu primeiro partido. Alí estaban representantes de Mudegá (Mulleres Deportistas Galegas) e do Concello, coa concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, á cabeza. O apoio das administracións, de asociacións, das compañeiras e de todo o club foi fundamental. 

"As miñas compañeiras non son conscientes do histórico e heroico do que fan: aceptarme, respectar a miña identidade e tratarme como unha máis"

Tivo algún problema no club ou coas demais xogadoras?

Non, o único é que algunha é máis tímida e non lle gusta tanto saír nos medios [ri]. As compañeiras son fantásticas e nin elas mesmas eran conscientes do histórico e heroico do que estaban facendo: aceptarme, respectar a miña identidade e tratarme como unha máis. Para elas todo foi natural, saíu de maneira espontánea e en ningún momento pensando en que eran pioneiras de algo. Tomárono como un partido máis, que non será nin o primeiro nin o último. 

Se cadra sorprende máis o apoio contundente do Concello da Coruña?

A Rocío Fraga, concelleira de Igualdade, xa a coñecía de antes por algunha convocatoria para o colectivo LGTB e mesmo coincidiramos vivindo no mesmo barrio. Sempre foi unha persoa moi accesible que me facilitou as cousas e me ofreceu axuda cando a precisase. Ela e Pilar Neira, presidenta de Mudegá, foron un grande apoio porque o pasei moi mal cando noutros deportes me dicían que non.

"Noutros deportes dixéronme que non e sempre dubidei de se facían todo o posible ou era polos prexuízos" 

Por que lle dicían que non?

Nalgúns deportes esgrimían as normas, pero sempre me quedou a dúbida de se podería ter xogado igual ou se se podería ter loitado por conseguilo ou instar mesmo a un cambio no regulamento. Sempre dubidei de se o que había era un motivo de prexuízos, un uso do aval que lles daba o regulamento para perpetuar este prexuízo ou unha norma específica que o impedía. Houbo ocasións nas que se apoiaron nun regulamento internacional cando estabamos a falar de competicións que nin tan sequera eran estatais, senón inferiores e mesmo de barrio. A dúbida que me quedaba sempre era se de verdade se facía todo o posible, pero ocorría igual que noutros ámbitos da vida, como cando buscaba un piso de aluguer...

Que lle ocorría?

Nalgún caso dixéronme que o que querían era “unha rapaza de verdade”, co cal comprobas que si hai un prexuízo claro. Noutras ocasións dicíanme que xa me avisarían ou que xa atoparon un inquilino, cando o anuncio seguía en internet, ou mesmo aceptaron a algunha amiga miña que chamaba para comprobar se era verdade cando a min xa me dixeran que estaba ocupado.

Aínda hai moito por facer?

Queda moito por facer, iso está claro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.