"Hai mulleres noutros conventos ás que se impide abandonar baixo a ameaza de seren deportadas"

Turistas no interior da Igrexa do convento das Mercedarias, en Santiago © Santiago Turismo

"En datas recentes, Kyriun informouna de que a situación que viven as mulleres da India no interior do convento está a producirse noutros conventos de España, nos que se lles impide ás mulleres abandonar baixo ameaza de ser deportadas ao seu país de orixe. Estas informacións obtívoas a través de familiares das monxas que residen en España".

A frase, perdida entre un informe policial de 23 páxinas, abre o interrogante acerca de se o caso do tres monxas indias ás que unha xuíza de Santiago rescatou dun convento de clausura se repite noutros puntos do Estado, sen a posibilidade de que unha cadea de favores e solidariedade permita ás mozas, como lles ocorreu a Rhany, Dian e Kirei (nomes ficticios), cumprir co seu desexo de empezar unha nova vida.

A posibilidade de que haxa outros casos foi trasladada por Kyriun á muller española que lle deu traballo hai un ano e á que recorreu cando recibiu unha chamada de auxilio do convento de Santiago. O policía da Unidade contra as Redes de Inmigración Ilegal e Falsidade documental (UCRIF) plasma esa afirmación da denunciante no informe co que a xuíza Ana López-Suevos decidiu sacar do convento as relixiosas indias para que prestasen declaración, unha medida acorde coa gravidade do delito que se denunciaba: detención ilegal.

España conta con 907 dos 3.600 mosteiros femininos que hai no mundo. A opacidade é tal que os últimos datos oficiais son de 2003. Ese ano había nos mosteiros españois 13.000 monxas de clausura que pertencían a 44 ordes. Pero xa nesas datas a idade media era de 70 anos. Agora, alcanza os 75, segundo informa Religiondigital.com.

Segundo o mesmo medio, o fenómeno da importación de novicias desde India ou Latinoamérica remóntase a finais dos anos oitenta e alcanzou tal magnitude que o entón Nuncio do Papa en España, Mario Tagliaferri, publicou un documento prohibindo eses métodos de captación de vocacións.

Nos anos oitenta a importación de novicias dende India ou Latinoamérica alcanzou tal magnitude que o Vaticano publicou un documento prohibindo eses métodos de captación

Tagliaferri non debeu ter moito éxito. Kyriun chegou no ano 2000. Segundo relatou á Policía, estivo aloxada unha semana nun hotel á espera de comezar a viaxe xunto a outra futura monxa e nunca soubo quen pagou a súa estancia. Despois fixo escala en Frankfurt, até aterrar en España e ir directa ao convento das Madres Mercedarias Descalzas guiadas por un frade.

Evaristo Villar é portavoz de Redes Cristiás. Asegura que conta con testemuños de primeira man de monxas que viven recluídas de acordo aos "valores máis elementais do Evanxeo, como son a liberdade e a dignidade da persoa". Cousa distinta é que haxa monxas que estean retidas baixo a ameaza dunha deportación. "Iso sería unha chantaxe. Todos temos que poder decidir onde queiramos ir, poder realizar a nosa vida. Se se confirma o caso, o bispo debería pronunciarse. Iso non é cristián", afirma Villar.

Redes Cristiás sinala que conta con testemuños de monxas de clausura que viven libremente, pero o caso denunciado en Santiago "sería unha chantaxe, non é cristián"

Catro días despois de que  eldiario.es revelase o caso das monxas indias de Santiago,  a Cadena SER informou o caso dunha moza kenyana que chegou a España para converterse en monxa e un ano despois abandonou o convento de Santa María do Socorro de Sevilla, das Concepcionistas Franciscanas. En agosto de 2011, a abadesa informou a Delegación do Goberno de que a rapariga non era apta para a vida relixiosa e que abandonaba o convento. A moza tiña un permiso de residencia até 2013, pero cando foi a renovalo atopouse con que non podía porque lle anularan o anterior por decisión da abadesa.

No escrito ante a Delegación de Goberno, a abadesa afirma que pagou á moza un billete de repatriación ao seu país e que lle deu diñeiro en efectivo, pero que tras cruzar a porta de embarque, a rapariga nunca colleu o avión. O caso garda similitudes relevantes co de Santiago. A ameaza da madre Superiora, segundo as declaracións das monxas indias, consistía en que se querían deixar o convento de clausura deberían regresa ao seu país porque non terían o permiso de residencia en regra. Mesmo as advertía que non lles devolvería a súa documentación.

Todo se desenvolvería noutra dirección se na viaxe de Kyriun para visitar a súa nai enferma non coincidise no avión con outra moza india, traballadora do servizo doméstico, que a sacou do seu erro e se ofreceu a axudala cando volvese a España, ao termo do seu permiso.

"Que a noticia axude"

Desde Redes Cristiás, Ernesto Villar expresa o seu desexo de que estes sexan casos illados, á vez que mostra a súa preocupación pola dificultade para constatalo. "Se cadra, a noticia do que ocorreu en Santiago chegua a outras mozas que poidan estar na mesma situación e iso as axudas", conclúe.

A fiscal agarda un novo informe para decidir se cita a declarar a Madre Superiora das Mercedarias de Compostela

A fiscal do caso agarda un novo informe para decidir que dilixencias solicita ao Xulgado e se pide a declaración da Madre Superiora das Mercedarias Descalzas de Santiago.

O venres, o Arcebispado publicou unha carta das Mercedarias Descalzas de Santiago na que negaban que as tres monxas indias estivesen no convento contra a súa vontade, á vez que expresaban a súa "dor e consternación" polas informacións publicadas e pedían "respecto" para a forma de vida que elixiron.

Sen referencia algunha aos posibles delitos que investiga o Xulgado, aseguran dar "grazas a deus por cada unha destas Irmás, tanto as que perseveraron como as que libre e voluntariamente decidiron deixar a vida relixiosa". "Todas foron un don de Deus, polo seu espírito fervente e misioneiro?, engaden.

Convento das Mercedarias, en Compostela © Turgalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.