O Sergas aínda supera en 19 días o tope legal de espera para operarse

Feijóo, nun acto do Sergas © Ana Varela

A espera nos hospitais do Sergas incrementouse a 31 de decembro de 2015 en máis de tres días de media, dos 67,1 aos 70,8, con respecto a hai un ano. Son os datos dos centros públicos, xa que na estatística global de Sanidade, os galegos agardan unha media de 78,8 días para operarse, unha lixeira mellora respecto ao exercicio anterior (80,4) ao incluírse tamén aquí a Povisa, hospital que máis mellorou as cifras, e peor que o dato do primeiro trimestre de 2015 (76,2).  

A redución das elevadas listas de espera do Povisa permiten que a estatística global de espera mellore en case dous días menos de espera nun ano

As cifras supoñen que o Goberno de Feijóo vai camiño de finalizar esta lexislatura e seguirá a incumprir o tempo máximo legal de espera de 60 días para intervencións cirúrxicas que impuxo a lei de garantías de prestacións sanitarias, que permite derivar pacientes á sanidade privada no caso de que se supere ese prazo. A media de 78,8 días mantén moi lonxe o obxectivo mentres Povisa -policlínico privado vigués que en virtude do concerto co Sergas é parte da rede pública- continúa a presentar datos de espera moi por riba do resto de centros. A súa media é de 139,4 días fronte aos 70,8 dos públicos.

A espera media en Galicia é de case 19 días máis dos fixados por lei como límite a partir do cal é posible traspasar doentes á privada

Son case 19 días máis dos fixados pola lei de garantías como límite a partir do cal é posible traspasar doentes á privada e, se estes se negan, retirarlles o dereito á espera mínima. Este resultado é uns dous días inferior ao rexistrado un ano antes pero segue por riba dos datos rexistrados no mesmo momento do ano en exercicios como os de 2008 ou 2009. 

Xa que logo, as listas do Sergas contan con 37.442 pacientes, dos que máis de 3.000 agardan a súa quenda desde hai máis dun ano, segundo o balance asistencial que realizou o xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, que presumiu de "compromisos logrados". En 2015 leváronse a cabo máis de 185.000 intervencións cirúrxicas, 46,3 por cada 1.000 habitantes, e as patoloxías máis graves -de prioridade 1- pasan polo quirófano en 19 días, continuando cun incremento que acumula xa catro anos malia que desde Sanidade se insiste en que tanto as patoloxías máis graves -por debaixo de 30 días- como as graves -por debaixo dos dous meses- cumpren o propósito marcado. 

O xerente do Sergas, ademais, respondeu a unhas declaracións da deputada do BNG, Montse Prado, que denunciou a intensa campaña de Povisa para capatar doentes do Sergas. Fernández-Campa insiste en que se lles dá aos pacientes a opción de elixir entre ser atendidos no CHUVI ou no propio Povisa e cifrou en pouco máis de 3.600 os usuarios do CHUVI que pasaron ao centro privado-concertado, aínda que isto ten que ver con que se admitiran só a metade dos que o solicitaron. Desde o Bloque acusan a Administración de "reducir o orzamento da sanidade pública" mentres Povisa recada uns 2 millóns de euros a través dos ingresos derivados da pública. 

SOS Sanidade Pública denuncia que "a sanidade privada sae beneficiada en moito polo incumprimento da lei que favorece o Sergas"

Desde a plataforma SOS Sanidade Pública insisten en que a lei que regula os tempos máximos provoca que "a sanidade privada estea financiada con diñeiro público e no mesmo plano que a pública". Segundo aclara o voceiro do colectivo en Compostela, Xosé María Dios, o feito de que a lista de espera no CHUS en cirurxía estea en 65,7 días implica que "todos os doentes que agardan e non sexan chamados no tempo estipulado pola lei poderán acudir á privada" ao tempo que "o sistema sanitario público se fai cargo dos servizos realizados". "A privada sae beneficiada en moito polo propio incumprimento da lei, favorecido polo Sergas", explica. 

Para SOS Sanidade pública, o aumento das listas de espera é unha consecuencia directa "da diminución de persoal" ao que se engade "o peche de camas que se produce" desde o verán. "En lugar de dotar de máis persoal os hospitais para cumprir a lei, o sistema fai o contrario", explica Dios, que asegura que "se un doente renuncia a ser atendido na sanidade privada, perde os dereitos a ser atendido nun centro da sanidade pública". 

Un quirófano do Sergas © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.