Presións homófobas da Garda Civil para retirar un premio?

Protesta de Alas Coruña ante o cuartel da Garda Civil de Pontedeume © Alas Coruña

Presións para que Vanesa non sexa recoñecida. Así o asegura a súa familia e a Unión de Gardas Civís (UGC). A Federación Galega de Automobilismo (FGA) retirou a axente Vanesa Fraga un galardón que lle concedera en setembro de 2015 pola súa actuación tras o grave accidente do Rally da Coruña

A Federación de Automobilismo retiroulle o premio á axente logo de, segundo a UGC e a familia, as "presións e ameazas de altos mandos"

Nun comunicado, a familia desta garda civil asegura que esta sorpresiva retirada do recoñecemento é debido ás presións que a axente segue a recibir dos altos mandos da benemérita. Vanesa Fraga intentou suicidarse na casa cuartel de Pontedeume, segundo denunciou, polo tratamento e as coaccións homófobas que o capitán da comandancia da localidade lle realizaba pola súa condición de lesbiana. 

A UGC asegura agora tamén nun comunicado que "os poderes ocultos da Garda Civil seguen cunha campaña preocupante de desprestixio á súa persoa, ademais de poñer evidentes freos na consecución de recoñecementos públicos". Segundo a familia da axente e a UGC, Iván Corral, presidente da FGA, anunciou ao responsable do sector de tráfico do corpo que Vanesa fora a elixida pola xunta directiva para recibir a Mención Presidente 2015 "pola súa actuación auxiliando os feridos e axudando os equipos médicos" durante o tráxico accidente de Carral. 

"Os poderes ocultos da Garda Civil seguen cunha campaña preocupante de desprestixio cara á súa persoa"

Un documento oficial da FGA -que se pode ver nesta nova- volvía informar o 12 de decembro deste galardón a Vanesa Fraga, así como a web da mesma Federación, poucos días despois que a axente se disparara, o 8 de decembro de 2015. Tan só un mes despois, a idea de darlle o premio desapareceu e o recoñecemento recaue no xeneral xefe da Garda Civil, José María Feliz Cadenas, tal e como se indicou noutro documento o 29 de xaneiro. 

A familia de Vanesa reclama explicacións e advirte que fontes confidenciais da Garda Civil aseguran que todo é debido a "presións dos altos mandos" do corpo. Ademais, a secretaría provincial da UGC asegura que tanto a organización como os avogados mantiveron unha conversa coa parella da axente afectada, onde lles aseguraría que un representante da FGA lle confirmaría ter recibido "ameazas e presións de tal magnitude por parate dos altos mandos da Garda Civil que desde a Federación decidiron non entregar o premio para evitar represalias". 

Unha fonte confidencial da Federación tería asegurado que a Garda Civil presionou para que se retirase o premio

Segundo a muller, estes cargos da Garda Civil presionaron tamén para que Vanesa renunciase ao convite que lle foi enviado para acudir á gala onde se concederán os diferentes galardóns e que está prevista para o vindeiro sábado 13 de febreiro en Santa Comba. "Van ir altos mandos da Garda Civil e a presenza de Vanesa íaos enfadar", asegura que lle manifestaron de forma confidencial desde dentro do corpo.

A UGC non descarta emprender accións legais ante a "pouca ou nula altura ética e moral" dos mandos da Garda Civil

A UGC cre que as "evidencias" son "tan palpables e con prácticas tan condenables" que xa puxeron a traballar os seus servizos xurídicos para que se aclaren uns feitos que cualifican de "pouca ou nula altura ética e moral por parte dos que representan un corpo policial tan prestixioso e eficaz". "Permiten por omisión ou desinterese que isto siga acontecendo", explica, tras adiantar que non descartan levar a cabo accións legais para "protexer a honra da nosa compañeira e para aclarar calquera situación que puidese derivar en ilícito penal". 

Mentres, Vanesa Fraga recupérase das graves feridas e a súa familia insiste en que foi presionado e vítima do odio pola súa condición sexual logo de anunciar que ía casar con outra muler.  Logo deste incidente, a Asociación Unificada de Gardas Civís volvera criticar a escasa efectividade dos protocolos antisuicidio do corpo e censurou as medidas de prevención insuficientes. A investigación xudicial sobre o acontecido aquel mes de decembro continúa aberta. 

Entidades de apoio ao coletivo LGTB manifestáranse diante do cuartel do Garda Civil de Pontedeume onde residía Vanesa e advertiran de que a axente sufrira acoso pola súa condición sexual e lembran que casara coa súa compañeira unha semana antes do suceso. 

Protesta de Alas Coruña ante o cuartel da Garda Civil de Pontedeume © Alas Coruña
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.