SOGAMA reitera a súa intención de facer compost a partir dunha recollida selectiva que non realiza

Complexo de Sogama, en Cerceda © Sogama

"O material a tratar na nova instalación será FORSU. Enténdese por FORSU a Fracción Orgánica do Residuo Sólido Urbano, procedente da Recollida Selectiva". Os pregos técnicos do contrato de construción e posta en funcionamento dunha planta de compostaxe en SOGAMA deixan clara a obriga de que a instalación traballe con eses materiais orgánicos procedentes dun proceso previo de recollida selectiva. Así o especifica a lei, como lembraba hai uns días ADEGA, pois a actual Lei de Residuos 22/2011 define no seu artigo 2 o compost como “emenda orgánica obtida a partir do tratamento biolóxico aerobio e termófilo de residuos biodegradábeis recollidos separadamente" sinalando que "non se considerará compost o material orgánico obtido das plantas de tratamento mecánico biolóxico de residuos mesturados, que se denominará material bioestabilizado".

O problema é que nos concellos nos que SOGAMA leva a cabo a recollida e xestión de residuos non se leva a cabo unha separación en orixe da materia orgánica

O problema, como denunciaba a entidade ecoloxista, é que nos concellos nos que SOGAMA leva a cabo a recollida e xestión de residuos non se leva a cabo unha separación en orixe da materia orgánica (como si se fai nas localidades que traballan coas plantas de Lousame ou Nostián), xa que vai misturada co “resto” no contedor verde. Na propia web de Sogama explícase que os cidadáns deben depositar no contedor verde "orgánicos (restos de alimentos) e materiais non susceptibles de seren reciclados (cueiros, compresas, panos de mesa de papel...)".

Por este motivo chama a atención que nos pregos técnicos da planta de compostaxe se reitere unha e outra vez que no proceso de produción de compost se utilizarán eses residuos procedentes da "recollida selectiva", engadindo que "durante o período de probas estas poderán realizarse coa fracción fina procedente da PRTE do Complexo Medioambiental de Cerceda".

Na propia web de Sogama explícase que os cidadáns deben depositar no contedor verde "orgánicos (restos de alimentos) e materiais non susceptibles de seren reciclados (cueiros, compresas, panos de mesa de papel...)"

De forma sorprendente os pregos técnicos destacan que "a materia orgánica vén ser aproximadamente un 45%", lembrando a importancia do seu tratamento e valorización da través da compostaxe, como veñen sinalando dende hai anos grupos e ecoloxistas e outras entidades, nas críticas dirixidas a SOGAMA, que na actualidade recupera o 0% da materia orgánica que recibe (xa que non se separa en orixe), fronte a unha reciclaxe do 46% en Lousame e do 38% en Nostián.

Os pregos técnicos prevén que a planta de compostaxe ten como obxectivo o tratamento de 15.000 t/ano de residuos FORSU (fracción orgánica dos residuos sólidos urbanos), que se levará a cabo realizándose o proceso de fermentación en trincheiras. Engade que "na fracción a tratar de orgánicos tamén poden atoparse produtos reciclables, que son materiais de valor residual elevado" e que "a liña de tratamento proposta permitirá obter materiais férricos como subprodutos reciclables". Finalmente un terceiro tipo de produto contido na fracción de entrada "constituirá, tralo proceso de tratamento, a denominada fracción rexeito".

Instalacións de SOGAMA © http://festivalmardemares.org/
Complexo de Sogama, en Cerceda © Sogama

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.