'Cocido do Orgullo' en Lalín para visualizar a problemática do colectivo LGBTI

Presentación do 'Cocido do Orgullo' en Lalín © Concello de Lalín

O mesmo día no que unha nova e grave agresión homófoba se rexistraba en Galicia, o Concello de Lalín presentaba a primeira edición do Cocido do Orgullo. Impulsado pola administración local e varios colectivos do movemento LGBTI (Lesbianas, Gays, Bisexuais, Transexuais e Intersexuais) do país, celebrarase na capital do Deza os días 4 e o 5 de marzo e terá, principalmente, un carácter reivindicativo. Contra a homofobia e pola visualización da problemática da discriminación que aínda sofren moitas persoas pola súa orientación sexual. 

O alcalde de Lalín reivindica o carácter reivindicativo da festa: "o importante é visualizar a problemática do colectivo LGBTI"

"Sabiamos que ía haber quen non o entendese, pero estamos en 2016 e hai que defender certas cousas si ou si, máis cando se ve o que pasa", asegura a Praza o alcalde da localidade, Rafa Cuíña, que aclara que "o de menos é o Cocido". "Vai traer cartos ao comercio e á hostalería da vila, que vai recibir moitos visitantes, pero o realmente importante é denunciar a discriminación que sofren estes colectivos e visualizar a súa problemática", insiste sobre unha festa baixo o lema Orgullo de ser o que es, aquí tamén

A axenda do Cocido do Orgullo é ampla e variada. Xa o xoves, un día antes do comezo oficial da festa, desenvolverase no Salón Teatro un cine forum por parte da asociación Dzine con varios filmes, mentres que o venres, no mesmo lugar, desenvolverase o I Seminario Educación Afectivo Sexual e Diversidade, dirixido aos escolares, docentes e público en xeral. Á tarde, Di-Versos protagonizará un recital de poesía e proxectarase o documental A viaxe de Carla. Xa á noite, Martín Maez e Davide Salvado poñerán música á xornada, na que se lerán varios manifestos. 

Cinema, teatro, seminarios, música e feira serán protagonistas no 'Cocido do Orgullo'

A xornada grande será o sábado, coa Feira da Diversidade durante todo o día na praza da Igrexa, sesión vermú con Las Supremas de Lugo e o pregón a cargo de Carla Antonelli. La Banda da Tasca tamén tocará antes de que os asistentes acudan aos restaurantes a gozar do cocido. Á tarde, Diana López porá en escena No es país para coños no Museo de Lalín e á noite o festival de música contará con De Vacas, Sés, ademais de cun DJ, ao tempo que se volverán ler manifestos dos colectivos LGBTI.

Cuíña explica que a iniciativa xurdiu logo de xuntanzas con asociacións sobre posibles actos para levar a cabo no concello. A proposta que chegou dos colectivos LGBTI foi moi ben vista polo goberno local. "Temos que facelo porque estamos no século XXI", asegura o alcalde, que di "non perder o tempo en facérllelo entender a aqueles que o critican". "No fondo, detrás de certas actitudes hai unha homofobia máis ou menos subconsciente, pero ningiuén está obrigado a participar nos actos nin acudir", lembra o rexedor, que mesmo viu como ás críticas homófobas se unían tamén as dalgún membro de asociacións animalistas que solicitaban que se reivindicasen os dereitos dos homosexuais pero non "a custa do sufrimento" dos animais. "Non perdo un só segundo nesas críticas", responde o rexedor de Lalín. 

Cartel do primeiro 'Cocido do Orgullo' en Lalín © Concello de Lalín

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.