0 Gardados para despois

Os e as ciclistas son xa o 5,5% dos mortos nas estradas e o 9% dos feridos graves

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Cada vez son máis os e as ciclistas mortas ou feridas nas estradas españolas. Nos últimos anos o número total de falecidos e feridos en accidentes de tráfico diminuíu con forza (aínda que dende o 2013 houbo un repunte, a tendencia dende os anos 80 e 90 é moi positiva), pero non así no caso dos e das ciclistas.

Os datos son elocuentes: no ano 2004 morreron 4.058 persoas nas estradas de todo o Estado español, unha cifra que dez anos máis tarde (último dato oficial da Dirección Xeral de Tráfico) ficou nun terzo (1.352). A mellora é clara en todos os vehículos: ciclomotores (de 361 a 53 falecidos), motocicletas (de 400 a 289), turismos (2.693 a 722), furgonetas (292 a 112), camións (150 a 48) e tamén peóns (683 a 336). Pero non así nas bicicletas, nas que si hai unha redución (89 a 75) pero moi leve. Ademais, nos últimos tres anos, crece sen parar o número de mortes. En termos relativos, os ciclistas falecidos nas estradas representaban apenas o 2% do total en 2006, e hoxe chegan xa ao 5,5%

Esta tendencia negativa tamén se aprecia nas cifras de feridos e feridas, tanto nos graves e hospitalizados coma nos máis leves. Así, mentres o número total de feridos e feridas graves a consecuencia de accidentes de circulación pasou de case 19 mil en 2006 a pouco máis de 7 mil na actualidade, no caso dos e das ciclistas case se duplicou, pasando de significar en termos relativos o 2,55% a ser case o 9%.

No caso dos leves, o número de ciclistas que sufriron algún golpe ou dano de menor importancia a consecuencia dun accidente de tráfico case se triplicou, pasando de 1.883 en 2006 a 5.887 en 2014, reprensentando na actualidade o 5,3% do total.

  2006 2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014

Mortos/as totais

3.491 3.232 2.598 2.244 2.007 1.680 1.527 1.302 1.352
Ciclistas

75

(2,15%)

89

(2,75%)

54

(2,08%)

56

(2,5%)

67

(3,39%)

49

(2,92%)

72

(4,72%)

69

(5,3%)

75

(5,55%)

Feridos/as graves totais 18.923 16.983 14.426 11.970 10.036 9.431 8.528 8.033 7.672
Ciclistas

483

(2,55%)

464

(2,73%)

440

(3,05%)

489

(4,09%)

467

(4,65%)

589

(6,25%)

572

(6,71%)

646

(8,04%)

670

(8,73%

Feridos/as leves totais 113.374 114.700 105.877 102.579 99.857 95.331 96.587 104.721 106.433
Ciclistas 

1.883

(1,66%)

2.104

(1,83%)

2.362

(2,23%)

2.773

(2,7%)

2.962

(2,97%)

3.712

(3,89%)

4.362

(4,51%)

4.779

(4,56%)

5.887

(5,53%)

Condutores/as e pasaxeiros/as falecidos/as e feridos/as nas estradas españolas. Fonte: DXT

 

ASCIGA: "A lexislación é mellorable, pero onde atopamos maior problema é no cumprimento das normas e no respecto pola vida dos usuarios máis febles das vías"

A Asociación Ciclistas Galegos (ASCIGA) realizou nos últimos anos algunha campaña, coma a Non máis bágoas, que demandan da administración medidas lexislativas e actuacións para incrementar a seguridade dos milleiros de ciclistas que todos os días circulan polas estradas galegas. Tamén buscan unha maior concienciación dos condutores, para que circulen respectando os dereitos dos outros usuarios e usuarias das vías, comezando por cumprir a norma dos 1,5 metros de marxe para adiantar.

Outras normas que decote se esquecen son, por exemplo, que os automóbiles si poden traspasar a liña continua para adiantar un ciclista. Ou que os e as ciclistas poden circular en paralelo, en grupos de dous; só se recomenda que circulen un detrás de outro en treitos de escasa visibilidade. De igual xeito, o uso do caso é obrigatorio en vías interurbanas para todos e todas as ciclistas, e en vías urbanas para os e as menores de 16 anos. E, así mesmo, os e as ciclistas están obrigadas a empregar no carril-bici nos escasos lugares onde existe.

En entrevista con Praza os responsables de ASCIGA sinalaban que "a lexislación é mellorable, pero onde atopamos maior problema é no cumprimento das normas e no respecto pola vida dos usuarios máis febles das vías" e destacaban que "agora hai máis xente que sabe que ten que deixar unha marxe de seguridade, pero tamén máis xente que se sente molesta cun usuario da vía distinto, que xera desconfianza, incluso nos propios axentes de Tráfico".

Nos últimos tempos, ademais ASCIGA persegue que a Xunta tome medidas para evitar a presenza de trampas nos montes, colocadas para expulsar os e as ciclistas e que xa provocaron accidentes de gravidade no pasado.

 

% de ciclistas mortos/as e feridos/as sobre o total de vítimas

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.