0 Gardados para despois

Zas rebélase contra o proxecto megamineiro con centos de alegacións

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A experiencia de Corcoesto callou na Costa da Morte, que reacciona con contundencia ás intencións doutro megaproxecto mineiro na zona. Moreas de alegacións foron presentadas a pasada semana contra o permiso de exploración para buscar ouro en máis de 4.300 hectáreas concedido pola Xunta á empresa Grupo M-FM 2001, con sede en Madrid. Son 156 cuadrículas mineiras que abranguen os municipios de Santa Comba, Vimianzo, Coristanco e, sobre todo, Zas, cuxa veciñanza mobilizouse para alegar contra a iniciativa. 

No Concello de Zas presentáronse 307 alegacións e case 1.200 sinaturas contra o permiso de investigación mineira

Tan só nese concello foron presentadas 307 alegacións e case 1.200 sinaturas contra o permiso de investigación Isabela II, no que M-FM prevé investir medio millón de euros e que tan só é unha parte do megaproxecto Zas-Santa Comba que está pendiente da aprobación doutras solicitudes de exploración aínda máis amplas. 

O pasado venres, a Federación de Asociacións Veciñais de Zas Pico de Meda, que xunta nove colectivos, presentou 154 alegacións contra o estudo de investigación mineiro que se unían ás 153 que presentara o propio Concello uns días antes. Ademais, adxuntáronse tamén 1.187 sinaturas contrarias ao proxecto nun municipio de menos de 5.000 habitantes. A fin de semana anterior, o alcalde Manuel Muíño (BNG) xuntárase coa veciñanza e diferentes asociacións animando a alegar e explicando unha iniciativa empresarial que rexeita pero ve aínda lonxe. 

Sexa como for, plataformas medioambientais e colectivos que se mobilizaron contra o proxecto en Corcoesto -paralizado de vez tras a decisión do Constitucional que avala a decisión da Xunta-, insisten en que foi aquela reacción cidadá a que espertou unha veciñanza que fixo tamén presión para que os Concellos reaccionasen. Así, tamén o de Coristanco e Vimianzo presentaron as súas alegacións, ademais de diferentes asociacións como Salvemos Cabana ou o Sindicato Labrego Galego (SLG).

Con todo, ContraMINAcción, a Rede Contra a Minaría Destrutiva na Galiza, destaca que as persoas que viven na zona ameazada polo proxecto "manifestan as grandes dificultades que enfrontan á hora de elaborar as alegacións pola falta de información completa e as dificultades de acceso aos expedientes, ademais de o breve prazo dispoñíbel", que só duraba ata o pasado venres. 

ContraMINAcción advirte da "introdución dunha actividade industrial moi agresiva nunha zona agrícola e gandeira"

Ademais, advirten das "moitas consecuencias potenciais negativas" que tería o proxecto megamineiro na zona. En primeiro lugar, segundo din, unha mina de ouro a ceo aberto "implica o uso de cianuro, un veleno moi contaminante e mortal, maquinaria pesada, recursos públicos, camiños e carreteiras, electricidade". Ao tempo,  "supón a introdución dunha actividade industrial moi agresiva nunha zona agrícola e gandeira, con actividade de caza e pesca, apicultura e outras propias das zonas rurais".

Así, e segundo datos do IGE, son preto de 1.500 as explotacións gandeiras que traballan nos catro concellos onde se levarían a cabo prospeccións e case 30.000 persoas as que viven da gandería ou do forestal.

Nos catro concellos afectados polos posibles estudos mineiros hai preto de 1.500 explotacións gandeiras 

Tamén o SLG, no seu escrito, destaca a riqueza agrícola, forestal, silvícola, gandeira, turística e paisaxística dos municipios afectados. Ademais, lembra que a lei dá especial protección a este tipo de usos e prohibe calquera actuación que sexa incompatible cos “valores ecolóxicos, ambientais, paisaxísticos, históricos, etnográficos, culturais ou calquera outro que sexa obxecto da protección outorgada”. Desde Salvemos Cabana, denúnciase a falta de concreción do proxecto presentado á Xunta, así como a afección urbanística, aos acuíferos ou a falta de medidas preventivas. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.