0 Gardados para despois

ENCE entra nunha guerra de argumentos cos opositores á pasteira

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Unha parte importante dos lectores e lectoras de prensa impresa atoparon esta mañá entre as páxinas do seu xornal un anuncio dunha plana de ENCE (publicado na maioría das cabeceiras con sede en Madrid e en boa parte das galegas). Era a resposta da empresa ao pleno municipal de Pontevedra que este luns declarou persoa non grata a Mariano Rajoy por mor da prórroga de 60 anos concedida polo seu executivo en funcións á pasteira para poder seguir operando nas instalacións que ocupa na cidade galega. Non é a primeira vez que ENCE contrata xenerosas campañas publicitarias nos medios de comunicación, aínda que desta vez a dimensión e alcance si chaman a atención, e responden sen dúbida á visibilidade que o pleno pontevedrés deu en toda España ao conflito que dende hai décadas enfronta a empresa con boa parte da cidadanía nesta comarca. Todo conflito social é tamén unha loita pola construción do significado dese conflito e pola definición dos seus elementos. E esta loita dáse, sobre todo, a través dos medios de comunicación. 

A rechamante campaña publicitaria de ENCE responde sen dúbida á visibilidade que o pleno pontevedrés deu en toda España ao conflito

O anuncio a toda páxina contratado por ENCE encabezado polo epígrafe: "Ence reclama que non se xogue politicamente cunha fábrica que xera miles de postos de traballo e cumpre rigorosamente a normativa ambiental" é un capítulo máis no intercambio de argumentos entre empresa (co apoio da Xunta de Galicia) e numerosos colectivos sociais, ecoloxistas e veciñais (co apoio do Concello e, dende as últimas eleccións locais, da Deputación). De feito, o pasado mes de novembro, no marco do debate sobre a concesión da prórroga que permitise a pasteira continuar a súa actividade máis aló de 2018, a Plataforma Ence fóra para sempre lanzou un Libro Branco sobre ENCE, un sinxelo documento que expuña a través de 84 preguntas e respostas distintas cuestións relacionadas coa factoría, dende a súa orixe e evolución, o seu impacto económico e capacidade de xeración de emprego, así coma os efectos sobre o medio ambiente e sobre outras actividades económicas. Con este documento, os seus promotores querían loitar contra a "manipulación informativa" e a "desinformación que xera a empresa a través das súas fortes inversións publicitarias".

Emprego

O principal argumento empregado sempre pola empresa é o da xeración de emprego, sobre todo dende o inicio da crise económica. E tamén a razón á que se agarrou o Goberno galego para xustificar o seu cambio de posición sobre o traslado da factoría a outra localización (o PP defendeuno ata o pasado ano e mesmo fixera bandeira del nos programas electorais de 2009 e 2012). Na publicidade inserida este martes na prensa impresa ENCE destaca que a planta pontevedresa dá traballo a 370 persoas na cidade, a un total de 800 en toda a comarca e a ao redor de 5.000 en toda Galicia a través da actividade madereira. 

Co Libro Branco sobre ENCE os seus promotores querían loitar contra a "manipulación informativa" e a "desinformación que xera a empresa a través das súas fortes inversións publicitarias"

Que é que din os colectivos contrarios á empresa? Non hai discusión en canto á cifra de traballadores e traballadoras empregados na factoría pontevedresa (366 é o número oficial, 270 na fábrica e 96 nas oficinas centrais), que chegou a ter un cadro de persoal dunhas 500 persoas. As entidades sociais opostas á continuidade de ENCE si consideran esaxerada a estimación de postos de traballo indirectos xerados na comarca e, en todo caso, puntualizan que a importancia laboral de ENCE en Pontevedra non xustifica o prexuízo medioambiental que -denuncian- segue causando, e tamén o dano que provoca a outras actividades, coma o marisqueo. Destacan, neste senso, que a empresa proporciona o 1,11% dos case 33 mil empregos na cidade. E subliñan que a marcha da empresa xeraría de forma automática un número igual a superior de empregos noutros ámbitos.

A empresa proporciona o 1,11% dos case 33 mil empregos na cidade

En canto aos cinco mil empregos xerados en toda Galicia pola actividade madeireira, os colectivos contrarios a ENCE máis que poñer en dúbida esta estimación, sinalan que de ningún xeito a empresa se pode arrogar como mérito a xeración destes postos de traballo, que en ausencia da pasteira venderían a súa madeira a outro comprador. E, sobre todo, critícanlle a ENCE ter promovido o monocultivo do eucalipto en Galicia, unha especie de crecemento rápido e baixa calidade, menos apta para mobles ou a construción, pero perfecta para a fabricación de pasta de papel. O eucalipto, especie invasora e moi negativa para a diversidade vexetal, vén substituíndo nos montes galegos ás árbores autóctonas con rapidez: En 1987 Galicia contaba con 40.000 hectáreas de eucalipto, en 1997 con 170.000, e en 2009 con 375.000. A presenza masiva de eucaliptos (especie pirófita e que contribúe a secar os solos) pode ter favorecido, ademais, a extensión dos incendios forestais das últimas décadas en Galicia.

Medio ambiente

O outro gran cabalo de batalla na loita discursiva entre empresa e os colectivos que aposta polo seu traslado a outra localización é o efecto que a súa actividade ten para o medio ambiente. ENCE inicia o texto que inseriu na súa páxina publicitaria que "a factoría cumpre ao 100% a lexislación ambiental". Tamén sinala que "o aire de Pontevedra supera todos os días do ano os parámetros de calidade recomendados pola OMS". Os grupos ecoloxistas non negan que ENCE cumpra cos límites permitidos pola Autorización Ambiental Integrada, pero dende sempre teñen criticado que os niveis autorizados na AAI son excesivamente xenerosos. Ademais, denuncian que nas medicións non se teñen en conta algunhas emisión e elementos contaminantes, por exemplo "non se miden os coliformes, a primeira causa de contaminación das augas da ría", destacan, sinalando que hai estudos científicos que amosan que a de coliformes é unha contaminación propia das industrias papeleiras, onde o proceso produtivo xera condicións idóneas para a súa proliferación".

Un dos lugares comúns á hora de falar de ENCE e da propia cidade de Pontevedra é o peculiar e máis ou menos desagradable cheiro (en función da dirección do vento e doutros factores) procedente da fábrica. O responsable é o ácido sulfhídrico, xerado ao separar a fibra de celulosa da lignina. Aínda que é certo que o olor é menos intenso e frecuente do que era, segue sendo perceptible e, como sinalan as entidades contrarias á planta, "a imaxe que milleiros de persoas de fóra de Pontevedra teñen da nosa cidade é a do cheiro que se percibe desde a autoestrada".

Outro aspecto importante en relación co medio ambiente é o do consumo de auga por parte da planta, un totoal de 32.200 metros cúbicos/día, segundo recolle a súa auditoría. Como referencia, a cidade de Pontevedra (con máis de 70 mil habitantes) consume 14.400 metros cúbicos/día. A Ademais, aínda que aempresa debería pagar 10 millóns de euros ao ano polos canons de auga e de coeficiente de vertedura, a Xunta perdooulle máis do 80%, aboando nestes momentos ao redor de 900.000 euros anuais.

Investimentos prometidos

Na publicidade inserida este martes na prensa impresa, ENCE lembra o seu compromiso de "investir 61 millóns de euros na súa fábrica de Pontevedra". É unha promesa que figura na súa solicitude de prórroga, grazas á que, segundo figura na resolución do Ministerio de Medio Ambiente, a presenza da planta no lugar pode extenderse outros dez anos (dos habituais 50 anos neste tipo de concesións ata os 60 anos). Cómpre ter en conta, en calquera caso, que este investimento de 61 millóns é relativamente pequeno, se temos en conta que ENCE tivo o pasado 2015 uns beneficios de case 50 millóns de euros, xerados principalmente polas súas factorías de Pontevedra e Navia (Asturias). 

Trámite ou decisión política?

ENCE tamén defende que a prórroga de 60 anos foi "un trámite administrativo regrado e transparente" no que as partes implicadas "puideron participar". Incide polo tanto no mesmo argumento expresado pola propia ministra de Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, que chegou a afirmar que a prórroga era "unha resolución administrativa" na que "non interfire para nada o Goberno", enmarcando de forma cuestionable a decisión nun carácter de despacho ordinario de asuntos. Nesta cuestión entra tamén o debate sobre as fronteiras na actuación dun Goberno en funcións, que debe limitarse -por lei- ao "despacho ordinario dos asuntos públicos, absténdose de adoptar, agás casos de urxencia debidamente acreditados ou por razóns de interese xeral cuxa acreditación expresa así o xustifique, calquera outra medida".

Este acto administrativo final (se se acepta este argumento) é a culminación dunha longa serie de decisións políticas que poden facilitar a continuidade de ENCE en Lourizán

Con todo, cómpre salientar que este acto administrativo final (se se acepta este argumento) é a culminación dunha longa serie de decisións políticas que poden facilitar a continuidade de ENCE en Lourizán. A Lei de Costas de 1988 púxolle data de caducidade (o 29 de xullo de 2018), fixando un prazo máximo de 30 anos para as instalacións titulares de concesións de dominio público marítimo terrestre outorgadas con anterioridade a esa norma. A empresa, sobre todo unha vez que se completou o proceso de privatización en 2002, tentou por todas as vías posibles continuar en Lourizán.

Xa en 2002 a Xunta concedeulle a Autorización Ambiental Integrada que a compañía solicitara para poder seguir producindo. A empresa conseguiu, ademais, que o Goberno de Fraga saltase a autonomía municipal en materia urbanística, creando un Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal exclusivo para ENCE, co que a planta evitou someterse á normativa municipal, dándolle legalidade urbanística a todo o complexo. Ademais, unha modificación lexislativa de 2013 tamén lle permitiu á empresa non ter que renovar a súa Autorización Ambiental Integrada, que caducaba o 31 de decembro de 2015. En calquera caso, a decisión política máis relevante para o futuro da factoría foi a aprobación da nova Lei de Costas, en 2013, que abriu a posibilidade de prorrogar as concesións de dominio público marítimo terrestre outorgadas ao amparo da lei anterior.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.