"A foto do neno morto non serviu para nada, recibimos esas imaxes todos os días"

O investigador Álex Arévalo en Santiago de Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Cavilaron algunha vez no nivel de violencia do xornalismo tradicional? Contaron os sucesos que saen nun telexornal? O investigador da Universitat Jaume I, Álex I. Arévalo avoga por un xornalismo de paz como alternativa ao predominio de noticias negativas e violentas que rache coa regra da obxectividade impartida nas universidades ante as inxustizas. Arévalo levou a cabo ponencia na Facultade de Xornalismo de Santiago para o VI Seminario de Xornalismo Social e Cooperación Internacional, que organizan as ONG Agareso e ACPP e no que colaboran a USC e a Xunta.

Que é o xornalismo de paz?

Intenta reformular as lóxicas dos medios convencionais, por exemplo, ter unha información máis contextualizada, que é unha das grandes carencias do xornalismo tradicional, onde se fan noticias breves nun contexto de fugacidade. Tamén é un equilibrio entre noticias positivas e negativas porque normalmente, se difundimos noticias negativas, xeramos pesimismo na cidadanía, atemorizámola ao xerar só este tipo de información.

"Se difundimos noticias negativas, calla o pesimismo na cidadanía, atemorizámola ao xerar só este tipo de información.

Outra característica son as fontes incluíntes, normalmente, no xornalismo tradicional só falan os representantes e a xente poderosa e as fontes sen poder quedan incluídas, xa sexan organizacións sociais, fontes non gobernamentais ou sociedade civil. Por iso, un primeiro paso é darlle voz a todos estes colectivos excluídos.

Tamén se ten que caracterizar por unha diversidade temática, mostrar información que se considere que teñen un ben común relacionado cos dereitos humanos e manter unha posición que implique romper cos medios tradicionais, que nos din que o xornalista non debe amosar a súa perspectiva cando, en situación de dereitos humanos, que se vulneran, un medio ten que mostrar a súa perspectiva .

Nos medios tradicionais hai un interese desproporcionado ou morboso pola violencia?

Hai estudos que din, no caso dos telexornais, que máis do 30% de todos os contidos é violencia é, en EEUU, coa CBS, esta porcentaxe chega ao 50%. Se ti colles un telexornal para analizar, e vas vendo as novas positivas vas atopar, con sorte, de 25, unhas 6 positivas. Eu teño comprobado, a nivel práctico, cos meus estudantes de xornalismo e conflito, e principalmente son noticias que están en espazos secundarios na programación, hai un interese polas catástrofes, terremotos, violacións, o cal, ten un efecto paralizante.

"Hai un interese desmesurado polas catástrofes, terremotos, violacións, o cal, ten un efecto paralizante"

Algunha investigadora recompilou todos os estudos empíricos que demostran o que xera ver continuamente violencia. Por exemplo, desmobilizámonos, volvémonos pouco sensibles ante os problemas no entorno. Tamén nos enclaustramos no noso propio círculo, porque deixamos de ter confianza nos alleos, que son os teus propios compañeiros cidadáns. Mesmo algunhas persoas poden desenvolver estados psicolóxicos marcados polo medo e a desconfianza, limitando así as súas liberdades, relacións sociais e posibilidades de actuación no espazo colectivo.

Como enfocan os medios a violencia e como debería enfocarse?

O que define o xornalismo de paz é que está mais enfocado a facer un tratamento noticioso en beneficio da comunidade, ou sexa, recuperar esa esencia do que é a función social do xornalismo. Un xornalismo de investigación que se perdeu baixo as lóxicas mercantís porque non é rendible, por iso se despiden xornalistas, os correspondentes non interesa telos na zona de conflito. O xornalismo de paz busca unha nova maneira de facer noticias de xeito profundo, indagando nas claves do que é a violencia estrutural. Nas bases de como se xera un conflito. Normalmente, un medio enfoca o visible. Unha confrontación, un asasinato, pero detrás diso hai distintas dinámicas que repiten o patrón da violencia. Por exemplo, unha violencia estrutural pode ser unha política educativa que exclúe a un grupo de persoas do sistema educativo, pero normalmente móstrase só un caso específico, sen afondar máis.

"O xornalismo de paz busca unha nova maneira de facer noticias de xeito profundo, indagando nas claves do que é a violencia estrutural"

Poderías exemplificar como un medio tradicional insensibiliza aos cidadáns?

Vouche poñer un exemplo da miña tese doutoral. Chile e Perú están enemistados historicamente por unha guerra do século XIX e en ambos países teñen os seus líderes militares considerados heroes: Arturo Prat, polo lado chileno e Miguel Grau polo lado peruano, e cada ano conmemoran o seu legado facendo tradicións e conmemoracións en cada país e os medios van xerando unha construción do nacionalismo fomentando a identidade nacional en contraposición co outro. E, paralelamente, van mostrando noticias de inmigración: que os inmigrantes peruanos volvan ao seu país. Así van xerando tensión entre ambas cidadanías, tanto lembrando o conflito histórico como sacando a inmigración.

A nivel local tamén pasa. É dicir, primeiro está a dinámica entre cidadáns de países e logo, está o nivel local, con inmigrantes, coa representación que se fai do inmigrante como unha persoa que esgota os recursos da sanidade. Ti ves os estudos e ves que os inmigrantes van en menos cantidade que os españois á sanidade e reitérase o discurso de que colapsa a sanidade ou esgotan os recursos.

Hai distintos tipos de xerar confrontación, por exemplo, asociando inmigración con delincuencia, normalmente vinculando o suceso coa nacionalidade, dun xeito reiterativo e iso crea tensión na comunidade como, onde vivo eu, Castellón de la Plana, cos inmigrantes romaneses que constantemente se lles vincula con delincuencia e con violacións.

Este patrón reprodúcese nos grandes medios europeos co islam?

Os medios cunha liña ideolóxica máis conservadora, desde logo que si. Neste caso, un aspecto interesante é que un atentado en Francia vai ter distinto valor que un atentado en África, as matanzas en Kenia, por exemplo. Dáselle preferencia aos países centrais na axenda do poder. E nestes casos, opera outra variante, que é destacar os nosos aspectos positivos e resaltar os negativos.

"As axendas do poder danlle preferencia á violencia nos países centrais, como ocorreu con Francia"

Como debe o xornalismo facer a selección de fontes e temas ao abordar noticias de conflito?

Por exemplo, ti como xornalista podes consultar especialistas e académicos para a contextualización da cuestión. Para ser máis claro: para redactar unha noticia de inmigración non podes ir só ás fontes de seguridade e non entrevistas ao protagonista, ou protagonistas, estás sendo irresponsable, porque estás obviando esas vivencias. De aí a diferenza dalgúns medios de comunicación que están a facer cousas positivas, como o portal de periodismohumano.com, onde o enfoque é consultarlle aos xornalistas que traballan na fronteira entre Marrocos e España.

Ou sexa, hai que facer unha polifonía de fontes pero involucrando fundamentalmente aos afectados. Se nunha mobilización estudantil falas coas autoridades e coas forzas de seguridade, pero non cos líderes estudantís, non é só que sexa unha irresponsabilidade, senón que estás excluíndo a un sector da poboación.

Estamos experimentando unha forte afluencia inmigratoria desde Siria…

O tratamento neste caso está feito baixo o paraugas do sensacionalismo, porque vende. Eles utilizan o impacto, como por exemplo a famosa imaxe do neno morto. Iso xera espectacularidade, pero a imaxe non está tratada con criterios éticos. Ao mellor hai que analizar se era convinte poñer aí ao neno morto. E, desde a miña perspectiva non o era, porque xeras unha sensación de espectáculo que trivializa a morte. Podes explicar o escenario desde a base, por que unha persoa ten que marchar do seu país, e volvemos á violencia estrutural, por iso ten que subir nun barco co ideal dun futuro mellor. Tes que explicar por que emigra a persoa de África ou os países árabes e de onde vén esa violencia. Pero con ese tipo de fotografías, o espectador só queda coa imaxe, e iso non serve para nada. Ese tipo de imaxes, de noticias de impacto recibímolas todos os días. Vivimos unha era de xornalismo descritivo, non de análise.

"A foto do neno morto non serviu para nada, recibimos esas imaxes todos os días"

Este tipo de xornalismo precisaría dun marco lexislativo propio?

Iso podemos velo, por exemplo, cos medios comunitarios. No caso chileno, as radios comunitarias están en situación de ilegalidade, van en contra da normativa, porque teñen que ter unha licenza, pero case todas as outorgan a medios que poden financialas. É un debate que hai que abrir, o de como financiar medios do terceiro sector e que teñan acceso ao espectro radiotelevisivo. En moitos contextos, isto non interesa, porque este tipo de medios mostran dinámicas que non cómpre ensinar.

En todo caso, a tecnoloxía foi un cambio importante. ElDiario.es é dixital, periodismohumano.com é dixital. Os propios medios sociais xeraron medios informativos, como Madrid 15M, con versión dixital e impresa. Se cadra non teñen tanto impacto, pero con isto poden xerar a súa propia voz nos seus círculos.

No caso do Estado Español podemos falar da lei mordaza, que é un retroceso enorme para a lei de expresión e que vai contra o xornalismo de paz.

Os xornalistas moitas veces teñen as mans atadas á hora de darlle o enfoque ás noticias...

Moitos xornalistas están maniatados, si. Porén, sempre hai simas que, dentro do exercicio profesional, che dan unha escapatoria. Sempre tes que intentar presentar a noticia cun contrapunto. É un exercicio complicado dentro dunha estrutura que non che favorece, pero sempre tes algo de marxe para o contido alternativo. Por exemplo, o Diario Mediterráneo, de liña conservadora, colocou, non hai moito, unha noticia positiva de solidariedade dun perruqueiro a persoas que estaba na rúa. Unha noticia de solidariedade, de cooperación apareceu nun diario conservador. O problema é que, ao mellor, os xornalistas non están conscientes dese poder, deses pequenos espazos, desas marxes, das que podes dispoñer.

Hai un déficit formativo neste tipo de valores xornalísticos?

Claro, todo vén da base. Hai moi poucas materias na carreira de Xornalismo que inclúan análise crítica dos medios de comunicación, e iso é básico para o xornalismo de paz. Os estudantado do xornalismo tradicional fórmase nunha lóxica de rendabilidade e vai repetindo os mesmos parámetros no seu exercicio laboral, porque tampouco teñen outros para ler criticamente, para distinguir o que é manipulación ou violencia discursiva. A nivel investigador tamén hai poucas persoas que se centren nisto. Por isto este curso de Agareso é innovador, porque difunde un modelo alternativo de xornalismo e que parametros debe ter.

"A obxectividade debe ser desterrada, na carreira sempre che din que hai que selo, pero hai que asumir a subxectividade de moitos temas de dereitos humanos"

A obxectividade debe ser desterrada, na carreira sempre che din que hai que selo, pero hai que asumir a subxectividade de moitos temas de dereitos humanos. Cando hai unha violación flagrante, como un xenocidio, non te podes manter indiferente, tes que posicionarte en contra. Como fixo, por exemplo, El Periódico, coa matanza cara os palestinos, que lanzou unha clara mensaxe de solidariedade. Aí ves que é un xornalismo comprometido con posicionamento claro. 

O investigador Álex Arévalo en Santiago de Compostela CC-BY-SA Praza Pública
Portada de El Periódico que menciona Álex Arévalo na entrevista © El Periódico

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.