O feminismo galego manifestarase este domingo en Compostela

Cartaz da manifestación © feminismos.org

Este domingo o feminismo galego manifestarase unha vez máis en Compostela para conmemorar o Día Internacional das Mulleres e en defensa dos seus dereitos e liberdades das mulleres. A marcha, baixo o lema “Feminismo para avanzar, xuntas na mesma loita”, foi presentada este martes na Libraría Lilith por representantes de organizacións que integran a Plataforma Feminista Galega (PFG), unha das promotoras desta acción, promovida en réxime de autoconvocatoria.

"Achamos importante confluír e a nosa forza está na capacidade para loitarmos xuntas"

"O 8 de marzo é unha data de axenda que abrangue todo o feminismo polo que a convocatoria ten que partir do conxunto do feminismo galego na súa diversidade, de todas as organizacións e colectivos", destacan, engadindo que "achamos importante confluír e a nosa forza está na capacidade para loitarmos xuntas. De aí a importancia de que a chamada á manifestación do 8 de marzo sexa ampla e unitaria".

A manifestación partirá da estación de ferrocarril ás doce do mediodía e rematará na praza da Quintana, na que se levará a cabo a lectura dun manifesto e haberá diversas intervencións de representantes do feminismo e actuacións, como a de Habelas Hainas. A marcha está convocada por Asociación Andaina, O soño de Lilith, Teenses pola Igualdade, Assembleia Feminista Galega, Mulheres Nacionalistas Galegas, Plataforma Feminista Galega e Rede Pontevedra pola Igualdade, ás que se unirán máis nos vindeiros días. Así mesmo, apoian a convocatoria A.C. A Gentalha do Pichel, Anova Irmandade Nacionalista, Apaoiga, Esquerda Unida de Santiago, Fundación Paz e Solidariedade, PSdeG-PSOE, Secretaría da Muller de CCOO de Galicia, Xeira, Xuventude Comunista, Xuventudes Socialistas de Galicia, UGT-Galicia, Escola de Mulleres Solidarias e Espazo Ecosocialista.

A manifestación partirá da estación de ferrocarril ás doce do mediodía e rematará na praza da Quintana

Pilar Estévez, representante da PFG, sinalou na presentación algunhas das reivindicacións que estarán presentes na marcha: O rexeitamento unánime a un modelo heteropatriarcal de muller única, privada e doméstica; unha organización política, social e económica que poña no centro ás persoas e a reorganización social dos coidados e a aposta polo ben vivir; o exercicio dunha sexualidade libre e diversa e unha educación afectivo-sexual non determinista, non bioloxicista e igualitaria que garanta o libre desenvolvemento das identidades de mulleres lesbianas, bisexuais e transexuais; o recoñecemento de todas as familias e modelos de convivencia; o dereito das mulleres a decidir sobre os seus corpos, afectos, sexualidade, e maternidades, sendo obriga dos poderes públicos garantir o acceso libre, seguro e gratuíto ao aborto eliminando calquera restrición lexislativa, garantindo este dereito para as mulleres mozas; un Estado laico, que garanta os dereitos humanos; e a garantía por parte dos poderes públicos dunha vida libre de todas as violencias machistas e discriminacións para todas as mulleres.

Criticaron á Xunta, á que acusaron de actuar dun xeito “hipócrita”. “Non se pode facer minutos de silencio cando hai asesinatos machistas mentres non deixan de recortar”, din

Na web www.feminismos.org pódese consultar toda a información sobre a convocatoria, así coma confirmar novas adhesións de colectivos e entidades. Na rolda de prensa, as representantes das distintas organiacións destacaron "o recorte de dereitos e de recursos a políticas de igualdade por parte das administracións" e, dun xeito específico, criticaron á Xunta, á que acusaron de actuar dun xeito “hipócrita”. “Non se pode facer minutos de silencio cando hai asesinatos machistas mentres non deixan de recortar”, aseguraron.

Cartaz da manifestación © feminismos.org

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.