SOS Sanidade Pública presenta 6 propostas para rematar co déficit sanitario de Vigo

Manifestación pola sanidade pública en Vigo CC-BY-SA CIG

SOS Sanidade Pública vén de realizar unha proposta estratéxica de servizos sanitarias para Vigo, con seis grandes propostas. O documento parte dun diagnóstico da situación actual, que analiza polo miúdo e de maneira moi crítica, salientando o deterioro da Atención Primaria, a redución de camas nos hospitais e as listas de espera, as maiores de Galicia.

En primeiro lugar, a plataforma aposta por recuperar para o sistema público a xestión do Álvaro Cunqueiro en base ás irregularidades da Lei de Contratos do Estado e da lexislación europea cobre Colaboración Público Privada, unhas irregularidades que está a estudar a Comisión Europea, que debe emitir un ditame antes do outono. Pide igualmente "recuperar o proxecto de Hospital de Estratéxico para a área Sur de Galicia", que devolva ao CHUVI os servizos de referencia trasladadas a Santiago de: Oncoloxía radioterapia, cirurxía torácica, neurocirurxía, cirurxía plástica, cirurxía pediátrica, cardioloxía intervencionista e cirurxía cardíaca e as que se manteñen no hospital privado POVISA: cirurxía maxilofacial, neurocirurxía, cirurxía da man e unidade de queimados. Demanda tamén a creación dunha comisión para avaliar os problemas e deficiencias do edificio, accesos e servizos asistenciais e de apoio e elaborar un plan de recuperación do centro (laboratorio, camas, quirófanos, equipamento tecnolóxico, edificios e servizos) segundo os previsto no Plan Funcional.

En canto ao Meixoeiro, propón manter o seu funcionamento como hospital xeral programado aínda que sen porta de urxencias, recuperando as camas e recursos recortados; e concentrar a actividade oncolóxica neste hospital, convertendo o CHUVI en referencia oncolóxica para o sur de Galicia. En terceiro lugar, propón destinar a uso sanitario os Anexos I e II do edificio do antigo Hospital Xeral para situar alí o Centro de Alta Resolución de Vigo, coas 10-12 especialidades de máis frecuentación da zona e en procesos de acto único; tamén o Servizo de Urxencias Extrahospitalario que fusione os PAC de Coia e Bolivia, con horario de 24 horas; e, así mesmo, o Centro de Orientación Familiar, entre outros servizos.

En cuarto lugar, no Policlínico Cíes suxire situar unha residencia asistida. Quinto, reclama crear o Centro de Alta Resolución do Morrazo nos terreos cedidos polo Concello de Cangas. E, finalmente, pide denunciar o concerto singular do que goza POVISA en base ás irregularidades no contrato, denunciadas xa no seu momento polo Consello de Contas de Galicia e o Valedor do Pobo.

"A reordenación da área sanitaria debería basearse na integración de todos os recursos asistenciais para evitar a fragmentación e descoordinación entre centros, servizos e niveis asistenciais e na creación de novos recursos para completar unha oferta asistencial racional e axustada ás necesidades e ao volume de poboación", conclúe.

 

Déficit sanitarios de Vigo

SOS Sanidade Pública denuncia que os recortes no proxecto inicial do Novo Hospital (entre eles a supresión dos edificios de Docencia e Investigación -imprescindibles nun Hospital con docencia universitaria- e o Servizo de Rehabilitación) "acentuaron os déficit sanitarios de Vigo".

Destaca, ademais, que a redución de camas no Álvaro Cunqueiro "agravará aínda máis a situación asistencial e unhas listas de espera inaceptables". As camas de hospitalización pasaron de 1.450 (1.239 de hospitalización convencional) a 845, ás que habería que engadir 71 camas no Hospital do Meixoeiro (pasaron de 418 a 347) e 52 no Nicolás Pena (baixaron de 120 a 68), co que o recorte final foi de 517 camas. Para a plataforma, "esta redución de recursos é incomprensible que se aplique nun área cun índice de camas por habitante das máis baixas e unha lista de espera cirúrxica das máis alta de Galicia".

Critica igualmente o "deterioro da Atención Primaria" pola "mala planificación na asignación territorial dos Centros de Saúde" e pola paralización do Plan de Mellora de Atención Primaria que contemplaba construír catro novos centros de saúde (O Calvario, Seara, Balaídos e Bouzas). "Os tres primeiros unicamente pendentes da cesión de terreo municipal para poder comezar a súa construción e o de Bouzas só pendente da súa licitación", sinala. Sinala igualmente que "non se garante o dereito á saúde sexual e reprodutiva das mulleres da área" pois o Centro de Orientación Familiar de Vigo "oferta unha atención insuficiente e de baixa calidade como consecuencia dos recortes de persoal e equipamento".

Protesta de traballadores do Sergas no Álvaro Cunqueiro CC-BY-SA CIG-Saúde
Manifestación pola sanidade pública en Vigo CC-BY-SA CIG
Vista xeral do novo hospital de Vigo © Sergas
'Deitada' de protesta no Meixoeiro de Vigo © CIG
Protestas ante o centro médico de Povisa CC-BY-SA CIG
Hospital Xeral de Vigo CC-BY-SA HombreDHojalata

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.