"Feminismo para avanzar" contra a discriminación e as violencias que sofren as mulleres

Un momento da manifestación Dominio Público Praza Pública

Centos de persoas manifestáronse este domingo en Compostela convocadas pola Plataforma Feminista Galega, entre outros colectivos, baixo o lema “Feminismo para avanzar, xuntas na mesma loita". Dous días antes do 8 de marzo, o feminismo galego berrou en defensa dos dereitos e liberdades das mulleres, "mermados considerablemente nestes últimos anos polas políticas ultraconservadoras do PP". 

Entre os asuntos que estiveron presentes nas voces das participantes destacou a reivindicación de que os poderes públicos garantan unha vida libre de todas as violencias machistas e discriminacións para todas as mulleres, convertendo a loita contra a violencia de xénero nun asunto de Estado. Tamén "o incuestionábel dereito das mulleres a decidir sobre os seus corpos, afectos, sexualidade, e maternidades", eliminando todas as restricións a un "acceso libre, seguro e gratuíto ao aborto", tamén para as mulleres mozas. Criticouse, así mesmo, "a invisibilidade e explotación do traballo reprodutivo e dos coidados", lembrándose o mantemento de importantes desigualdades no mundo laboral, tanto no acceso a postos de traballo, coma nas condicións contractuais e salariais.

"Cada ano se incrementa o número de mulleres que sufrimos a violencia machista nas súas expresións máis extremas: o maltrato, os abusos, a violación, o asasinato"

Lembrouse que "cada ano se incrementa o número de mulleres que sufrimos a violencia machista nas súas expresións máis extremas: o maltrato, os abusos, a violación, o asasinato" polo que "cada vez resulta máis necesario o compromiso de toda a sociedade coa loita feminista e a garantía por parte dos poderes públicos dunha vida libre de tódalas violencias machistas". 

O manifesto da convocatoria facía un chamamento a "loitar" e "avanzar" na "igualdade de oportunidades, participación e toma de decisións", a "romper" cos "falsos estereotipos que relegan a muller a un papel secundario", a "reivindicar" os "nosos dereitos" e non dar "nin un paso atrás en políticas de protección e promoción". "Esiximos ás Administracións recursos económicos suficientes e políticas concretas que nos devolvan os nosos dereitos e nos permitan vivir libres", engadía.

"Aínda queda moito camiño por percorrer, un camiño con moitos obstáculos, que nos comprometemos a percorrer xuntas esixindo os nosos dereitos"

Destacaba, así mesmo, que "os cambios impulsados e as vitorias acadadas polo movemento feminista permitiron unha maior participación da muller no ámbito social, laboral, político, económico, cultural; romperon coa discriminación e exclusión; espertaron o silencio e ergueron a voz ante a inxustiza". Concluíndo que "aínda queda moito camiño por percorrer, un camiño con moitos obstáculos, que nos comprometemos a percorrer xuntas esixindo os nosos dereitos como parte integrante e indivisible dos Dereitos Humanos".

A marcha partiu ás doce do mediodía dos arredores da estación de tren e chegou á Praza da Quintana despois de percorrer a Avenida de Lugo, o Hórreo, a Praza de Galicia e o casco vello da cidade. Xa na Quintana, leuse o manifesto, e houbo outras intervencións, así coma a actuación de Habelas Hainas. De igual xeito, leron poemas Laura Bugalho, Rosa Enríquez, Lucia López, e en nome de Luz Fandiño, as propias Habelas Hainas.

Inicio da manifestación celebrada este domingo en Compostela © @OArquiveiro
A manifestación, na Quintana Dominio Público Praza Pública
Un momento da manifestación Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.