0 Gardados para despois

Máis de 30 concesións mineiras pretenden buscar ouro sobre 70.000 hectáreas en Galicia

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O novo proxecto megamineiro que ameaza a Costa da Morte fixo saltar de novo as alarmas. A admisión por parte da Xunta da solicitude de exploración Isabela II para buscar ouro sobre máis de 4.300 hectáreas en Santa Comba, Zas, Vimianzo e Coristanco provocou centos de alegacións nos concellos afectados. Protestas e emendas contra unha parte dun plan máis amplo, denominado Proxecto Zas-Santa Comba, que é só unha das fases da iniciativa do Grupo M-FM 2001, coa que pretende dar continuidade ás exploracións levadas a cabo hai xa anos coa concesión Isabel nº 6570.1 e que continuarán con outro permiso -Livia, solicitado e tramitándose- co que se poderían explorar outras 4.500 hectáreas máis na mesma zona. Pero hai moito máis. 

Os datos do Censo Mineiro de Galicia e do Estado confirman máis de 30 concesións mineiras que poden abranguer 70.000 hectáreas

O colectivo ecoloxista Salvemos Cabana vén de acceder aos datos do Censo Mineiro de Galicia e de contrastalos co catastro do Ministerio de Industria, Energía y Turismo. A eles tivo acceso Praza e alí confírmase que hai máis de 30 concesións mineiras en Galicia en distintas etapas de tramitación que poderían chegar a 70.000 hectáreas. Segundo os datos do Goberno central, son 7 concesións na provincia de Ourense, case 20 na Coruña, 4 en Lugo e 5 en Pontevedra. De todas elas, 8 delas están outorgadas xa e 3 caducadas. O resto, en trámite de concurso ou de outorgamento. 

A maioría das concesións requiren flotación ou lixiviación e a utilización do cianuro

Tal e como advirte a asociación ambientalista, a inmensa maioría destas concesións requirirían precesos agresivos para conseguir o ouro contido nas rochas: flotación ou lixiviación, o que supón provocar enormes cantidades de residuos e utilizar o cianuro de socio para poder acadalo. E aí vén outro problema, xa que estes refugallos terían que almacenarse nalgunha zona. Salvemos Cabana advirte do "risco" que suporía autorizar un complexo para esta lixiviación, tal e como se pretendía co proxecto de Corcoesto. A posibilidade sería empregar para este hipotético proceso a única planta deste tipo no noroeste da Península: a da antiga mina a ceo aberto de Belmonte de Miranda, en Asturias. 

O elevado número de concesións á que aspira Orovalle Minerals, propietaria desta balsa, en Asturias e o escándalo provocado polo feito de que xa se empregara cianuro na instalación para mineral chegado de Groenlandia fan improbable que esta sexa a opción. De feito, Mineira de Corcoesto (filial de Edgewater) recoñecera na documentación pública sobre un dos seus permisos de investigación o seu interese en obter "todos os dereitos mineiros dispoñibles" en xacementos "que polo seu reducido tamaño só poderían ser economicamente explotados no caso de poder beneficiarse dunha planta de tratamento xa en funcionamento e próxima". Isto confirmaría, como di Salvemos Cabana, que de aprobarse finalmente o proxecto, as balsas de residuos de Corcoesto "poderían albergar residuos tóxicos procedentes de distintos puntos do territorio galego".

Salvemos Cabana lamenta "a permanente aposta da Xunta do PP polo neoextractivismo"

Salvemos Cabana volve lamentar, ademais, "a permanente aposta da Xunta do PP polo neoextractivismo", xa sexa "utilizando en beneficio do seu ideario ideolóxico o Plan Sectorial de Actividades Extractivas, transformando á súa conveniencia o Plan Director da Rede Natura 2000 ou asinando convenios coa patronal mineira baixo a sombra falaz de eufemismos como os de 'minría responsable' ou 'minería sustentable".

Ademais, tamén advirte do "contexto netamente favorable aos proxectos auríferos" en Galicia e que a nova Lei 2/2016 "engade un factor de preocupación" ao introducir na súa disposición final cuarta unha modificación da Lei 3/2008, de ordenación da minería que fai que todas as figuras de plan urbanístico ou territorial con incidencia en materia de minas teñan que someterse a partir de agora "de maneira vinculante" aos ditados da Consellería de Economía e Industria. "Isto consuma de facto a imposición do mazo extractivo sobre outros sectores predominantes en terras galegas como o agrícola ou o gandeiro", remata. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.