"Non sabemos a que vén a polémica coa homeopatía; se fose útil, incorporaríase ao Sergas"

Envases de pílulas homeopáticas Dominio Público Wikidudeman

Un grupo de estudantes de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e varios científicos impulsan unha petición creada en change.org na que solicitan que a USC deixe de impartir cursos de disciplinas consideradas pseudociencia. Refírense a cursos de acupuntura, medicina natural ou oncoloxía integrativa e que son sinalados polo colectivo Escépticos en el Pub - Compostela.

Científicos e estudantes de Medicina xuntan sinaturas para elevar a petición ao reitor da USC

O impulsor desta petición foi Borja Merino, estudante de sexto de Medicina, nunha reclamación na que tamén están voces como Xurxo Mariño, profesor universitario e neurocientífico, ou Manuel Collado, todos eles colaboradores dese colectivo de Escépticos. Nas súas charlas, algúns dos temas recorrentes son as terapias pseudocientíficas. "A decisión da Universitat de Barcelona de cancelar hai unhas semanas o seu máster de homeopatía levounos a comprobar como outras disciplinas semellantes se imparten tamén na Universidade de Santiago (USC) e a lanzar esta petición", explica Merino, que agarda xuntar sinaturas para levar o escrito directamente "ao decanato ou á reitoría" para formalizar a súa solicitude. 

En concreto, o manifesto refírese ao Máster Propio en Acupuntura e Moxibulstión, ofertado pola USC no presente curso e en anteriores ao prezo de case 3.000 euros, ao Máster en Medicina Natural. Aplicacións en Atención Primaria (4.000 euros), e ao curso de verán de Oncoloxía Integrativa (120 euros), estes dous últimos ofertados por última vez o pasado curso.

A supresión dun máster de homeopatía na Universitat de Barcelona levou este grupo de estudantes a pedir a cancelación de disciplinas de pseudociencia na USC

O texto advirte que a evidencia científica é "o pilar básico sobre o que se asenta a medicina moderna" e insisten na responsabilidade "legal e ética" da USC por ensinar terapias e tratamentos que conten con esta evidencia científica "sólida" ou "con suficientes evidencias". Así, lembran que os alumnos que se matriculan na USC "non agardan recibir dos profesores información falsa ou dubidosa coma se fose certa" e insiste en que "non deberían aprenderse terapias que non contan con apoio científico ou que, de contar con aparentes evidencias, non se ensinen criticamente".

Nos cursos criticados por este manifesto "hai un pouco de todo", como di Merino. Destacan que algo do que se ensina "ten validez científica", pero a maioría non e fan referencia ao curso de Oncoloxía Integrativa que se celebrou nun balneario da provincia de Lugo o pasado verán e que imparte tamén docencia sobre a homeopatía. "Está dirixido a profesionais médicos ou futuros profesionais que atenden enfermos con enfermidades oncolóxicas, o que é un agravente tendo en conta que esta disciplina baséase no efecto placebo, nada máis", explica este estudante de Medicina, que diferenza entre estes tratamentos homeopáticos e a acupuntura. "

"Está máis que demostrado que a homeopatía non ten validez científica; a acupuntura pode aliviar ceras dores, pero non é válido para todo o que se recomenda"

Ademais, asegura que nese curso de Oncoloxía Integrativa hai relatores que culpan a mala alimentación e a inxesta de hidratos de carbono e de proteínas animais do cancro: "Dinse auténticas barbaridades". 

"No caso da homeopatía está máis que demostrado que non ten validez científica; en canto á acupuntura, é certo que pode aliviar certas dores nalgún grupo muscular pero non é válido para todas as aplicacións que no máster da USC se recomendan", aclara Merino, que insiste en que "de analizar millóns de pacientes que recibisen acupuntura ou tratamento homeopático indicado para os casos que se propoñen nestes cursos, sería idéntico o número de persoas que se curan soas ás que o fan empregando estes métodos". 

Desde o grupo impulsor do manifesto aclárase que nin tan sequera están en contra que se explique a medicina alternativa nas universidades, pero sempre "desde un punto de vista crítico" e aclarando "a súa historia e a súa ineficacia na maioría dos casos" ou as vantaxes limitadas que pode ter unha sesión de acupuntura. 

Ademais, Merino recoñece que "sempre hai xente ou en contra" cando se fala da pseudociencia, o que non deixa de sorprendelo. "Non sei por que hai tanta polémica ou discusión arredor da acupuntura ou da homeopatía; ninguén discute de os antibióticos curan ou non. De funcionar, non habería problema en incorporar a homeopatía á carteira de servizos do Sergas, pero se non se fai será por algo", insiste.

"De funcionar, o Sergas incorporaría a homeopatía na súa carteira de servizos pero non se fai por algo" 

Por iso, no seu escrito advirten do "risco na vida de terceiras persoas, a súa saúde ou a súa integridade económica". E piden a retirada das aulas de contidos que "contraveñen os códigos deontolóxicos da medicina por non contar coas suficientes evidencias ao seu favor e ofrecer ao alumnado información falaz que, á súa vez, prexudica a sociedade, os enfermos e o exercicio científico da medicina". Así, reclaman a cancelación do máster de acupuntura e a non repetición do máster de medicina natural e do curso de oncoloxía integrativa, cuxa oferta de cara ao verán debería facerse pública no vindeiro mes de abril. "Esperamos chegar a tempo", remata Merino. 

Parte do programa do curso de Oncoloxía Integrativa CC-BY-SA Praza Pública
Aplicación de acupuntura Dominio Público Kyle Hunter

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.