Esixen unha auditoría externa da xestión do refuxio de animais de Bando

Un dos animais do refuxio de Bando CC-BY-NC-ND Inmobiliaria Lares

A Asociación Animalista Libera e a agrupación Abeiro instaron este martes á Fundación Refuxio de Animais a realizar unha auditoría completa da xestión que realiza a dirección do centro dende o ano 2005. As dúas entidades explican a necesidade desta auditoría "por un uso pésimo dos recursos públicos e dos propios voluntarios, aos que se expulsa por discordar coa política do equipo directivo".

A memoria do centro explica que “o motivo das eutanasias é por falta de espazo, non por cartos"

As entidades denuncian, por unha banda, que a eutanasia de animais sans se converteu "nunha práctica habitual nas instalacións de Bando a pesar de ser o centro de recollida de animais domésticos con maior dotación orzamentaria da comunidade". A memoria do centro explica que “o motivo das eutanasias é por falta de espazo, non por cartos”. Para Libera e Abeiro, "resulta paradoxal que un centro que chega a gastar máis de 300.000 euros ao ano poida recurrir a matar animais por falta de espazo, cando en Galicia existen refuxios xestionados por sociedades sen ánimo de lucro que contan con menos do 5% do orzamento anual das instalacións santiaguesas".

Critican, así mesmo, gastos que consideran excesivos "en supostas campañas de adopción que superan os 10.000€, sen que estas accións tiveran un mínimo impacto na cidadanía".

Finalmente, as dúas entidades denuncian que este luns dúas voluntarias que viñan colaborando nos últimos meses foron informadas pola dirección do centro de que deixaban de ser aceptadas como voluntaria da Fundación Refuxio de Animais "por motivo de publicar en facebook información". Estes grupos críticos e algúns voluntarios levan semanas criticando nas redes sociais e nalgún blog a xestión realizada no refuxio.

Un dos animais do refuxio de Bando CC-BY-NC-ND Inmobiliaria Lares
Cans no refuxio © olloorefuxio.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.