A dignidade comeza por unha vivenda digna. En Guatemala e en todas partes

O 31 de marzo presentarase na Coruña o filme que retrata o traballo de Arquitectura sen Fronteiras en Guatemala © Agareso

Guatemala é un dos países máis desiguais do mundo, cunha taxa de persoas sufrindo pobreza que acada o 53,7% (datos de 2013). Case a metade da poboación do país habita infravivendas de autoconstrución que non cumpren cunhas mínimas condicións hixiénicas e de seguridade. Esta situación afecta directamente á saúde destas persoas, indefensas ante as inclemencias meteorolóxicas, os terremotos, os incendios ou a violencia. De igual xeito, non contar cun espazo axeitado de seu minimiza a súa autoestima e a súa capacidade para rachar o círculo da pobreza.

A ONGD galega Arquitectura Sen Fronteiras (ASF) leva máis de 18 anos traballando en Guatemala para mellorar o acceso a unha vivenda digna, axeitada e saudable para as persoas máis empobrecidas.

Nos últimos meses tres voluntarios pertencentes á Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) estiveron documentando en vídeo o traballo que realiza Arquitectura Sen Fronteiras. O resultado desas e doutras gravacións é El derecho a un techito, un documental que recolle o labor da ONGD e, en xeral, reivindica e reflexiona sobre o dereito a unha vivenda digna, neste país e en todo o mundo. O filme presentarase este xoves 31 de marzo na Coruña, a partir das 20 horas na Fundación Seoane. Trala proxección terá lugar un coloquio cos membros de AGARESO e ASF implicados no desenvolvemento do documental. Tamén participarán a través de videoconferencia os socios de ASF dende o país centroamericano.

Rocío Cadahía, Antonio Grunfeld e Álvaro Ayala viaxaron en novembro ata a costa sur de Guatemala, onde opera ASF en colaboración con entidades locais como ASIAPRODI e a FODHAP baixo a filosofía da produción social de vivenda e o dereito a un fogar digno para as persoas más empobrecidas. No documental amósase este proceso de construción de casas para as familias excluídas, un techito que os protexa "por primeira vez na súa vida da violencia, da enfermidade e da inxustiza que afecta aos máis pobres de Guatemala. Un teito que lles quite as penas e os encha de forzas para esixir os seus dereitos".

No filme reflexiónase sobre o porqué da situación que viven as persoas que habitan en infravivendas, contextualizando unha realidade complexa, e apoiando a idea da vivenda non como unha mercadoría, senón como un dereito. De feito, como lembra Agareso, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos afirma que "todas as persoas teñen dereito a unha vivenda digna. A un fogar. En Guatemala o en Galicia. A idea subxacente é que todo o mundo necesita un espazo para vivir e desenvolverse integralmente".

 

A ONGD galega Arquitectura Sen Fronteiras (ASF) leva máis de 18 anos traballando en Guatemala © Agareso
Guatemala é un dos países más desiguais do mundo, cunha taxa de persoas sufrindo pobreza do 53.7% © Agareso
A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios enviou tres voluntarios facer un documental sobre o terreo © Agareso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.