Cuac FM celebra 20 anos en antena

Captura da información emitida pola TVG en 1996 sobre o nacemento de Cuac FM © TVG

O 27 de marzo de 1996 iniciou as súas emisións CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña, que nacía nesa data, hai hoxe 20 anos exactos, co apoio da UDC. Os impulsores da emisora foron o Club de Prensa da Universidade da Coruña e o Colectivo de Universitarios Activos. Seis anos máis tarde tivo que trasladar as súas instalacións e en 2003 renovou as súas emisións, contando coa colaboración de Xurxo Souto e Manuel Rivas. Dende entón mantén unha actividade intensa, promovendo a constitución da Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias (2006) e da Red de Medios Comunitarios (2009), que agrupa todas as emisoras españolas, e da que Cuac é a sede local.

Tamén pelexa -de forma moi intensa dende o ano 2012- por legalizar a súa situación, reclamando por unha banda que o Estado, a través da Xunta, abra a posibilidade de que as emisoras do terceiro sector poidan contar cunha licenza de emisión. Algo que, a pesar de ser recoñecido pola Lei do Audiovisual de 2010, segue sen cumprirse. Tamén iniciou unha batalla para competir con emisoras comerciais por esa frecuencia de emisión, a pesar das evidentes dificultades e desequilibrios económicos e mesmo dos obstáculos legais. "Cuac FM fixo todo o humanamente posible para acceder a unha frecuencia á que segundo a lexislación ten dereito. Dende o primeiro minuto solicitámola á autoridade competente. No 1996 a resposta que nos deron foi que a chegada das licenzas para entidades do terceiro sector era 'inminente', unha inminencia que xa vai polos 20 anos de espera", explicaba hai meses Mariano Fernández, un dos fundadores de Cuac.

De forma alegal, Cuac FM segue facendo radio (no 103.4 do dial), chegando xa aos 20 anos de idade, 20 tempadas, máis de 400 programas e centos de socios e socias, mantendo na actualidade 31 espazos de produción propia en antena. "Os parruliños saímos do ovo aló polo 1996, berrando, coma é natural. A nosa intención inicial non era cambiar o mundo, un mundo que apenas coñeciamos (¿non vos digo que eramos parruliños?), nos conformabamos con abrir unha fiestra pola que entrase un pouco de brisa mariña, pero o que entrou, foi un mundo que precisaba ser cambiado", destacan. "As nosas ferramentas son o diálogo e a liberdade, que non son pouca cousa. Pero é que agora, sí queremos cambiar o mundo. E ti?", engaden. Este vídeo amosa como a TVG contou, aquel 27 de marzo de 1996, o seu nacemento.

 

Captura da información emitida pola TVG en 1996 sobre o nacemento de Cuac FM © TVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.