"A falta de vivenda pon en risco outros dereitos fundamentais e a propia autoestima"

Vivenda rematada na comunidade de Santa Inés © Arquitectura sen fronteiras

En 2008 botou a andar o Programa Oxljuj Tzi'ikin, impulsado pola Xunta de Galicia, un ambicioso conxunto de actuacións co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento humano de 18 comunidades da costa sur de Guatemala, mellorando a infraestrutura de habitabilidade básica, os servizos de saúde e educación e a soberanía alimentaria, sempre sobre a base da planificación estratéxica e da condución política das autoridades comunitarias e municipais. A materia de habitabilidade, buscando garantir o dereito a unha vivenda digna, foi desenvolvido -en cooperación con entidades locais- por Arquitectura sen Fronteiras (ASF), que traballa en Guatemala dende 1998. O resultado foi a construción de 360 inmobles, a posta en marcha dunha cooperativa formada por membros das 18 comunidades indíxenas e -non menos importante- o desenvolvemento da idea do dereito á vivenda como un elemento base que sustenta outros dereitos fundamentais para a vida diaria.

Todo este proceso foi recollido nun documental, El derecho a un techito, realizado por tres voluntarios pertencentes á Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso), Rocío Cadahía, Antonio Grunfeld e Álvaro Ayala. O filme presentarase este xoves 31 de marzo na Coruña, a partir das 20 horas na Fundación Seoane. Trala proxección terá lugar un coloquio cos membros de Agareso e ASF implicados no desenvolvemento do documental. Tamén participarán a través de videoconferencia os socios de ASF dende o país centroamericano.

Case a metade da poboación de Guatemala -un dos países máis desiguais do mundo- habita infravivendas de autoconstrución que non cumpren cunhas mínimas condicións hixiénicas e de seguridade. "A falta de vivenda pon en risco outros dereitos fundamentais e a propia autoestima. Por exemplo a saúde, porque sobre todo nos nenos pequenos hai moitos problemas de diarreas -por culpa do deficiente saneamento- e arrefriados -porque chove moito e o interior das casas móllase-. Tamén o dereito á educación, porque os nenos e nenas non dispoñen dun espazo para traballar nas casas, o que os acaba prexudicando", explica Lara Medín (Arquitectura sen Fronteiras), que destaca igualmente o valor da "autoestima", ligada á posibilidade de contar cun teito digno ou non: "É importante sentir que tes un acubillo, un lugar onde te podes resgardar e onde te sentes protexida, sobre todo no caso das mulleres".

"É importante sentir que tes un acubillo, un lugar onde te podes resgardar e onde te sentes protexida, sobre todo no caso das mulleres"

"Despois de construír a vivenda, moitas mulleres dicíannos 'por fin agora síntome segura na miña casa'. Poden deixar as cousas no seu interior, marchar e saber que non corren perigo. Non só polos roubos: nas infravivendas, cando chovía moitas veces perdían documentos importantes. Tamén perdían as colleitas, moitas veces porque lles entraban animais", comenta. "É unha acción moi puntual, pero que está relacionada con moitas cousas que son o día a día das persoas", resume.

Salienta tamén que "a importancia desta intervención non é só a construción de vivendas, senón que intentamos que a xente vexa que o problema da vivenda non é un problema individual, de cada persoa, vinculado a se un gaña máis ou menos. Tentamos facer ver que a vivenda é un dereito universal. E que é un problema colectivo, que se se buscan estratexias colectivas se poden chegar a acadar mellores resultados". “A clave é a organización comunitaria: Fortalecer as comunidades e que elas mesmas busquen estratexias para reducir os custes da vivenda. Por exemplo, entre todos axudámoste a ti a conseguir e construír a túa vivenda, pero despois ti vas axudar a construír as outras”, engade.

 

Empoderamento

"Todas as persoas tiñan moi claro que a vivenda era a maior necesidade que existe en Guatemala", explica nese senso Rocío Cadahía (Agareso), unha das autoras do documental. "Esta xente vén dun proceso de loita pola terra e entende que é fundamental ter un espazo, para poder producir -son campesiños e campesiñas na súa maioría- e para poder vivir, no que te poidas refuxiar". "O feito de sentirte seguro cámbiache a vida", conclúe.

Trala estrea desta semana na Coruña, o obxectivo é que o filme se vexa noutros lugares, sobre todo en Guatemala, tanto nas comunidades que protagonizan o documental coma noutras. "O documental vailles servir de motivación. Van poder dicir 'o que facemos é importante, e pódelle interesar a máis xente, pode servir de exemplo a máis comunidades'. Iso é o que pretendemos", destaca Lara Medín. "Esta xente traballa moi duro sen unha recompensa. É importante que o filme lles dea azos, e se sintan orgullosos do traballo que están facendo", engade Rocío Cadahía.

Estas comunidades senten xa os centos de vivendas construídas "como un logro colectivo"

ASF traballa con ASIAPRODI, que é unha organización de base comunitaria, formada por representantes das comunidades da rexión. Estas comunidades senten xa os centos de vivendas construídas "como un logro colectivo", sinala Medín. "Iso é o que vai quedar, ademais das casas", di. Pero non só. En paralelo co proxecto creouse unha cooperativa comunitaria de venda de materiais de construción, B'eljuj Q'anil, formada por membros das 18 comunidades. Ofrecen materiais a baixo custe e cos beneficios que xera lévanse a cabo proxectos sociais na zona. "Constitúese no centro de todos os proxectos e funciona como o punto de reunión de todas as comunidades da rexión", destaca a activista de ASF.

 

As consecuencias dos recortes en cooperación

Entre 2009 e 2013 o orzamento para axuda exterior reduciuse en Galicia nun 65%

O programa Oxlajuj Tz’ikin foi un dos máis ambiciosos levados a cabo pola cooperación galega. Participaron cinco entidades do país -Farmaceuticos Mundi, Educación sen Fronteiras, Acsur, Solidariedade Internacional e ASF-, xunto con nove organizacións locais, e atinxía proxectos de educación, sanidade, vivenda, alimentación, cohesión indíxena, salubridade da auga, fortalecemento institucional e xestión de riscos, con 8.000 destinatarios directos e 13.000 indirectos, en moitos casos comunidades indíxenas desprazadas pola guerra que durante 30 anos sufriu o país.

"Os recortes notáronse moito. Notámolo por exemplo no tamaño das vivendas que construímos. Antes tiñamos inmobles de 58 metros cadrados e agora son de 20"

Entre 2009 e 2013 o orzamento para axuda exterior reduciuse en Galicia nun 65%, ficando estable dende entón. Os recortes que sufriu a cooperación galega por parte da Xunta afectou a este e outros programa. No caso concreto do proxecto de habitabilidade levado a cabo por Arquitectura sen Fronteiras, este puido continuar (e continuará, con 17 vivendas máis), pero con recursos máis modestos. "Os recortes notáronse moito. Notámolo por exemplo no tamaño das vivendas que construímos. Antes tiñamos inmobles de 58 metros cadrados e agora son de 20", explica Lara Medín. "Parecíanos un problema maior do que foi finalmente: cando llo presentamos nas comunidades dicíannos que 'o que vostedes seguramente consideran que non é unha vivenda digna ou apta, para nós é un luxo'", di. 

A esquerda, unha das vivendas, a medio rematar. Á dereita, unha vivenda tradicional, de caña e palma © Arquitectura sen fronteiras
Vivenda rematada na comunidade de Santa Inés © Arquitectura sen fronteiras
Proceso de construción das vivendas © Arquitectura sen fronteiras
Obradoiro de formación en materia de dereito ao habitat © Arquitectura sen fronteiras
Construción do novo edificio de aulas © Arquitectura sen fronteiras
O 31 de marzo presentarase na Coruña o filme que retrata o traballo de Arquitectura sen Fronteiras en Guatemala © Agareso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.