En Ordes non hai coalas, pero si eucaliptos

O eucalipto constitúe a única fonte de alimento dos coalas CC-BY-NC Pierre Pouliquin

"Veciños da comarca de Ordes alertan da existencia de Koalas. Levan meses detrás da pista do animal que non eran quen de identificar. Un veciño puido gravar o animal e varias persoas expertas na materia aseguran e confirman a súa existencia". O pasado venres, 1 de abril, os medios de comunicación recibimos unha nota de prensa, asinada pola autodenominada Mancomunidade da Farbuda, que daba conta do achado de, cando menos, un exemplar de coala na zona. Era unha brincadeira do Día dos Enganos, pero a nova falsa acadou unha gran repercusión, sendo publicada por numerosas cabeceiras, sobre todo a través da nota difundida pola axencia Europa Press. A brincadeira tiña, iso si, un obxectivo importante: denunciar a crecente extensión do eucalipto nos montes galegos e a política forestal levada a cabo pola Xunta de Galicia, como sinalou o manifesto publicado o mesmo 1 de abril por Illa Bufarda, responsables da acción de protesta.

"Os montes galegos sofren a política continuísta do tardofranquismo que executa a Xunta sen ter en conta as mostras de deterioro da terra"

No texto, titulado Non sexas Koala, amig@, destácase que "polo de agora non existen koalas na Galiza", pero denúnciase que "os montes galegos sofren a política continuísta do tardofranquismo que executa a Xunta sen ter en conta as mostras de deterioro da terra, os saberes das persoas expertas en políticas forestais e a todas as organizacións ecoloxistas e naturalistas galegas que levan anos loitando e reivindicando unha política forestal que non hipoteque o futuro dos montes galegos e coarte a consecución dun medio rural multifuncional e sustentable". Alértase de que "as plantacións de eucalipto supoñen máis do 30% da superficie forestal galega, fronte ao bosque autóctono que non chega nin ao 2%" e lembran que "o eucalipto provoca a perda de nutrientes do solo diminuíndo a súa fertilidade, altos niveis de erosión sobre todo nas plantacións en pendente, redución da dispoñibilidade de auga, abrupta limitación da biodiversidade, elevada vulnerabilidade ao lume, radical deterioro da paisaxe e ten un carácter invasor que potencia a súa expansión incontrolada".

Entre as decisións adoptadas recentemente pola Administración que favorecen o mantemento da eucaliptización do monte galego, o manifesto sinala a concesión da prórroga a ENCE ("esta fábrica de celulosa serviu como pretexto dende 1957 para a plantación masiva de eucaliptos en Galiza", denuncian) ou a redacción do novo Plano Forestal elaborado por un Consello Forestal no que 20 dos seus 25 membros representaban ao sector da madeira. A superficie de eucaliptais en Galicia podería achegarse ás 500.000 hectáreas, experimentando un crecemento constante, fronte ás 396.344 hectáreas de 1998 ou ás 131.181 de 1973. De feito, as plantacións de eucaliptos en Galicia supoñen máis da metade (52%) das esistentes no Estado e, só por especie, na Península Ibérica localízase o 53% (31% Portugal, 22% España) da superficie mundial de Eucalyptus globulus, máis que en toda Australia. O pasado 5 de febreiro 21 organizacións ecoloxistas e naturalistas galegas lanzaron a campaña Stop eucalipto, avante carballo! para denunciar "a preocupante extensión das plantacións de eucaliptos" en Galicia e "a necesidade de conservar os nosos hábitats autóctonos".

"Cremos que o protagonismo o ten o propio tema. Preferimos deixar agora que a xente se cuestione os usos do monte e tamén como algo tan pouco crible puido chegar á axenda mediática"

As responsables desta brillante acción comunicativa rexeitan converterse en protagonistas, e están rexeitando conceder entrevistas aos medios de comunicación que nos días seguintes ao éxito da súa iniciativa nos estamos poñendo en contacto con elas. "Cremos que acción fala por si soa e todo o que nós tiñamos que dicir está no manifesto. Non queremos pasar a liña da acción á promoción. Cremos que o protagonismo o ten o propio tema, a grande problemática do monte galego. Preferimos manternos á marxe como boas guerrilleiras de comunicación", sinalan. "Preferimos deixar agora que a xente se cuestione os usos do monte e tamén como algo tan pouco crible puido chegar á axenda mediática", din. 

Así pois, non hai (de momento) coalas en Ordes. Pero si hai eucaliptos, coma na maior parte de Galicia, nomeadamente as provincias da Coruña e Pontevedra e o norte da provincia de Lugo. O engano lanzado o 1 de abril era difícil de crer, pero contiña certa verosimilitude. As follas de eucalipto constitúen a única fonte de alimentación do coala; na nota de prensa da Mancomunidade da Farbuda incorporábanse declaracións dunha enxeñeira agrónoma que supostamente colaboraba con este grupos de veciños e veciñas, que cría "posible a adaptabilidade do coala no noso hábitat pois conta coa súa principal fonte de alimentación: o eucalipto". Non era a única voz experta que contribuía a incrementar a aparencia de veracidade; Bila Pérez, que dicía ser activista dunha asociación ecoloxista galega e conselleira no proceso de constitución da mancomunidade, subliñaba que era importante "saber canto antes como puido chegar esta especie aquí". 

O engano lanzado o 1 de abril era difícil de crer, pero contiña certa verosimilitude: Non hai coalas en Ordes, pero si hai eucaliptos

O éxito da acción comunicativa, que acadou unha notable repercusión, apoiouse nunha coidada construción do engano. A nota de prensa remitía a un perfil de Facebook que fora creado varias semanas atrás (e que incorporaba outros contidos para aumentar a súa aparencia de realidade), onde se publicaban varios vídeos e fotografías. No perfil tamén se poden consultar estes días as capturas de pantalla dalgúns dos medios que publicaron a falsa nova. As responsables de Illa Bufarda amósanse "sorprendidas" polo éxito da iniciativa, o que tamén as levou a "reflexionar sobre o funcionamento dalgúns medios de comunicación que obriga a profesionais do xornalismo a producir noticias como se fose madeira de eucaliptal, sen contrastar fontes, nin indagar nos feitos, froito isto dunha precarización laboral imperante". O pasado 28 de decembro ADEGA lanzou unha inocentada semellante, anunciando un suposto "convenio ADEGA-ENCE para a recuperación dos coalas nos eucaliptais galegos". Porén, nesa ocasión ningún medio caeu no engano (moito máis obvio nese caso).

A superficie de eucaliptais en Galicia podería achegarse ás 500.000 hectáreas, máis da metade das existentes en toda España

O título do manifesto (Non sexas koala) fai alusión a que "cando as selvas australianas comezaron a substituírse por eucaliptos moitísimas especies desapareceron pola súa toxicidade. O koala preferiu adaptarse e conformarse. Para poder inxerir follas de eucalipto, nocivas para a maioría dos mamíferos e moi pobre a nivel nutritivo, dotouse dun microbio estomacal para soportalas. Isto supuxo cambios grandes na súa vida: come durante cinco horas e dorme dezaoito para poder dixerir a dificultosa inxesta". E conclúe, seguindo esta argumentación que "polo de agora non existen koalas na Galiza (...) Máis se chamamos koalas aos humanos que se conforman e se adaptan, koalas hai a moreas! Mastigamos moito tempo a idea do beneficio curtopracista. Cando espertemos tras a dura dixestión desta broza xa non teremos monte".

O éxito da acción comunicativa apoiouse nunha coidada construción do engano

O coala é unha especie que habita unicamente a costa oriental de Australia, dende Adelaida (no sur da illa continente) ata o sur da Península do Cabo de York. E, por moi riquiños que parezan, a súa hipotética introdución nun hábitat distinto (coma o galego) tería unhas consecuencias desastrosas para o medio ambiente. É o que sucede coas especies invasoras. Os coalas, mellor no seu hábitat natural. Ou, como moito, en fotografía.

 

A noticia foi recollida por Europa Press e, a través da axencia, publicada por numerosos medios Dominio Público Praza Pública
Dende a súa páxina de Facebook mesmo difundiron un vídeo dun dos supostos coalas vistos en Ordes © Mancomunidade da Farbuda
A falsa nova estaba apoiada por testemuñas de supostas 'veciñas' da zona e 'expertas' © Mancomunidade da Farbuda
O eucalipto constitúe a única fonte de alimento dos coalas CC-BY-NC Pierre Pouliquin

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.