Povisa abre expediente disciplinario ao Comité de Empresa por criticar o hospital

Vista das instalacións de Povisa © UVigo

Povisa ameaza con suspender de emprego e soldo ou mesmo despedir os e as integrantes do seu Comité de Empresa, despois de que estes e estas denunciasen, hai dúas semanas, a perda de calidade asistencial que se está a producir no hospital privado, así coma a sobrecarga de traballo que sofre o persoal. A dirección do centro abriulles un expediente disciplinario (ou contraditorio) ao abeiro do artigo 68 do Estatuto dos Traballadores, a fórmula prevista para tratar a hipotéticas faltas graves ou moi graves cometidas por delegados de persoal e membros do Comité de Empresa. Os e as empregadas acusadas destas faltas teñen dereito a presentar alegacións. 

O convenio de Povisa prevé que as faltas graves sexan penalizadas cunha suspensión de emprego e soldo de entre tres a dez días, mentres que as faltas moi graves poden levar a suspensións de emprego e soldo ata un mes, e mesmo ao despedimento disciplinario. O escrito no que a dirección do hospital comunica a apertura deste expediente non indica que a falta da que acusa os e as traballadoras é grave ou moi grave, aínda que cualifica a situación de "extrema gravedad". Así mesmo, destaca que as críticas supoñen "una evidente deslealtad y una clara transgresión de la buena fe contractual, pues ataca directamente, con falsedades notorias, el buen nombre e imagen de la empresa". A referencia á transgresión da boa fe contractual é relevante, pois o Estatuto dos Traballadores recolle (artigo 54.2.d) esta falta (con idéntica redacción) como un dos motivos que poden levar ao despedimento disciplinario.

A presidenta do Comité de Empresa do hospital vigués, Edith Alfaya, explica que teñen previsto presentar un prego de descargo para evitar a sanción e que cada sección sindical presentará, ademais, outro. 

Na nota remitida aos medios, hai dúas semanas, os e as representantes do persoal de Povisa advertían de que o hospital estaba a incumprir o convenio que mantén coa Xunta, polo que se ocupa de 138 mil pacientes da área sanitaria viguesa, a cambio dun concerto anual de 75 millóns de euros. O Comité de Empresa denunciou os feitos antes o Sergas o pasado mes de decembro, sen recibir máis resposta que a notificación de que se abrira "unha investigación".

Os representantes do persoal de Povisa advertían de que o hospital estaba a incumprir o convenio que mantén coa Xunta, polo que se ocupa de 138 mil pacientes da área sanitaria viguesa, a cambio dun concerto anual de 75 millóns de euros

Alertan da perda de calidade asistencial que se está a producir no hospital privado, así coma a sobrecarga de traballo que sofre o persoal, sobre todo dende os 13 despedimentos que o hospital efectuou xusto despois de asinar coa Xunta a renovación do seu concerto. Entre os despedidos estaban os dez celadores de planta e dende entón, son os auxiliares sanitarios quen realizan as súas funcións. "Estes feitos obxectivan a dificultade para ofrecer a igualdade de atención aos pacientes que deriva o Sergas, por non dispor dos medios humanos necesarios para a correcta prestación do servizo, o que supón un incumprimento por parte de Povisa do acordo de xestión alcanzado co Sergas", denuncian.

Manuel Martín, voceiro de SOS Sanidade Pública, explicaba hai uns meses en Praza que "Povisa ofrece moitos menos servizos que o hospital público e é imprescindible que a opinión pública coñeza cal é a súa realidade". "Carece, por exemplo, dos servizos de obstetricia, de hemodinámica, de cirurxía cardíaca ou de psiquiatría. Povisa ten un 16% menos de camas que o servizo público e ten un 30% menos de médicos por cama que o hospital público. É un hospital que ten, ademais, 157 días de espera cirúrxica media, fronte aos 65 da media dos hospitais públicos", engadía.

Hai un mes a dirección do Hospital Álvaro Cunqueiro anunciou a través dunha circular a retirada dos carteis que, en diferentes puntos do centro denunciaban carencias de persoal e xestión e ameazou con sancións no caso de que eses avisos e mensaxes volvesen aparecer polos corredores do edificio. Esta "censura" foi respondida ao día seguinte por unha acción de protesta (con bocas tapadas) do persoal do SERGAS.

 

Dominio Público Praza Pública
Notificación da apertura do expediente contraditorio © CIG-Povisa
Manifestación contra os despedimentos en POVISA polas rúas de Vigo CC-BY-NC-SA CIG
Vista das instalacións de Povisa © UVigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.