Oito iniciativas galegas, "inspiradoras" para outras comunidades lingüísticas

Alumnos e alumnas de Burela, con Neira Vilas © IES Perdouro

Hitzargiak (Linguas que se iluminan mutuamente) é un proxecto da Fundación Donostia / San Sebastián 2016 e a Asociación Soziolinguistika Klusterra que busca difundir boas prácticas para revitalizar idiomas minorizados, fomentando novas relacións entre as comunidades de idiomas e de falantes que están xa inmersos en procesos de revitalización. Ata o de agora o comité científico do proxecto escolleu oito iniciativas galegas que consideran que poden ser "inspiradoras" para outras comunidades lingüísticas, experiencias "innovadoras, adecuadas, exitosas ou exemplares, tanto para a comunidade que os creou como para moitas outras". Trátase de Modelo Burela, Agasallo, Apego, Cantalingua, Club de debate, Como cho digo;-), Gústame o galego e Tíralle da lingua.

O proxecto escolleu oito iniciativas galegas "innovadoras, adecuadas, exitosas ou exemplares, tanto para a comunidade que os creou como para moitas outras"

A Fundación Donostia, Capital Europea da Cultura considera que o coñecemento público das boas prácticas poderá ter efectos multiplicadores: "Compartir experiencias, aprender dos demais, alimentarse mutuamente e colaborar nas iniciativas pode reforzar o éxito e, ademais de axuntar o enfoque global e o local, fortalecerá o movemento internacional", aseguran. Define estas boas prácticas como "iniciativas que axudan a mellorar a situación dos idiomas no seu proceso de revitalización". E enumera un feixe de ámbitos que considera importantes: "laborais, educacionais, de planificación, de aseguramento da transmisión, aquelas que teñen por obxectivo a promoción do uso no fogar, as que buscan reforzar a reputación da lingua mediante a arte ou a creación, as que afectan os medios de comunicación ou as que crean sinerxías". Lembra que "a diversidade lingüística é a característica principal de Europa".

Ademais de identificar e dar a coñecer estas boas prácticas e de "poñer en contacto" os axentes activos que participan nelas, o proxecto quere organizar un encontro para impulsar o contacto directo entre as persoas que entidades que promoven estas iniciativas. Polo de agora o proxecto recolle boas prácticas que traballan polo impulso do mirandés, asturiano, catalán, aragonés, friulano, galés, gaélico escocés, gaélico irlandés, córnico, corso, jèrriais, manés, mócheno e vóro.

"Os resultados son lentos, pero vense no día a día. Na poboación de Burela, grazas á implicación de moitas entidades, nótase a promoción do galego, a integración dos inmigrantes e a valoración do noso idioma"

“O Modelo Burela saíu dos muros dun centro escolar e abrangueu toda unha vila. Para o noso centro educativo é unha honra que este proxecto sexa recoñecido. É un motivo de orgullo estar entre eses oito proxectos, e algún máis que debería estar nesa selección”, destaca Karina Parga, vicedirectora do IES Perdouro, onde naceu esta iniciativa, que conta xa cunha década de actividade. Parga salienta que “a nosa política lingüística, no instituto e en toda a vila, é modélica. Os resultados son lentos, pero vense no día a día. Na poboación de Burela, grazas á implicación de moitas entidades, nótase a promoción do galego, a integración dos inmigrantes e a valoración do noso idioma. Aquí o alumnado e as súas familias teñen asumido o galego con total normalidade”. Engade, ademais, que o modelo foi xa estudado e analizado "en universidades de Irlanda e mesmo a través da tesiña dun investigador hindú”.

 

As 8 iniciativas galegas

Ademais de identificar e dar a coñecer estas boas prácticas e de "poñer en contacto" os axentes activos que participan nelas, o proxecto quere organizar un encontro para impulsar o contacto directo entre as persoas que entidades que promoven estas iniciativas

  • Modelo Burela: Esta iniciativa educativa, en aplicación desde 2004, baséase nun modelo lingüístico aditivo e tendente a conseguir unha sociedade substancialmente trilingüe. Foi no seu día tomada como base para a elaboración do Proxecto de planificación lingüística municipal, que foi aprobado por unanimidade de todas as forzas políticas no Concello de Burela no mes de abril de 2008; e que foi aplicado pola primeira institución local entre esa data e o final da lexislatura en 2011. Ademais de numerosos premios outorgados pola administración educativa, a intervención educativa Modelo Burela xa recibira en 2010 o premio da Fundación Peña Novo, recollido o 30 de xuño daquel ano no Castelo de Soutomaior por unha ampla delegación veciñal á fronte da cal estiveron o alcalde Alfredo Llano e a artista caboverdiana Antonina Semedo. Máis recentemente, hai agora un ano, outra iniciativa Modelo Burela conseguiu facerse en Barcelona co premio convocado por Educo-Educación sen Fronteiras para impulsar experiencias educativas integradoras en base ao recoñecemento da interculturalidade.
  • Agasallo: É unha plataforma en liña, promovida pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), que compila, difunde, dá a coñecer e recomenda agasallos en galego de diverso tipo, para todas as idades e para todo tipo de acontecementos e épocas do ano.
  • Apego: É un proxecto, posto en marcha por 12 concellos galegos e impulsado pola CTNL, que busca incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial e promover que o usen de maneira habitual. 
  • Cantalingua: É un concurso musical, impulsado pola Mesa pola Normalización Lingüística, destinado a bandas ou solistas que desenvolven a súa actividade en galego.
  • Club de Debate: Busca coordinar esforzos e recursos para impulsar o uso oral do galego entre estudantes de 3º, 4º de ESO e 1º de bacharelato. Impulsado por 11 concellos (Carballo, Ferrol, Narón, A Coruña, Santiago de Compostela, Rois, Ames, Negreira, Teo, O Carballiño e Pontevedra), organiza debates entre dous equipos mixtos sobre un tema determinado.
  • Como cho digo ;-): É unha campaña, impulsada pola CTNL, para mellorar a visibilidade e o uso do galego na prensa escrita, a través da petición explícita aos medios de comunicación por parte de entidades e persoas que fan declaracións e/ou roldas de prensa, dan entrevistas, emiten comunicados, crean información e a través da visualización pública das peticións desas persoas.
  • Gústame o galego: É unha campaña de fomento da lingua, impulsada pola CTNL, coa que se visibiliza o apoio individual de persoas ao proceso de normalización lingüística a través de fotos con frases suxestivas sobre o uso do galego en diversos ámbitos e situacións e que son difundidas a través das redes sociais.
  • Tíralle da lingua: É un proxecto da Asociación Socio-Pedagóxica Galega dirixido ao profesorado e alumnado que busca incentivar o uso oral do galego e a súa normalización como medio de comunicación habitual dentro da xente nova, de creación e recreación de historias, así como lingua de uso no sistema educativo.

 

Alumnos e alumnas de Burela, con Neira Vilas © IES Perdouro
Mapa de Hitzargiak que recolle a localización das iniciativas seleccionadas © Hitzargiak

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.