A Coruña acollerá a Conferencia pola Abolición da Tauromaquia coa feira taurina no aire

Concentración contra as touradas © Galicia, mellor sen touradas

A Conferencia Internacional pola Abolición da Tauromaquia celebrarase o vindeiro sábado 16 de xuño na Coruña, organizada por Galicia, Mellor Sen Touradas e CAS-International, co obxectivo de crear un foro de debate para as persoas que se opoñen a celebración de festexos taurinos en Galicia e tamén ao seu financiamento con cartos público. Esta xornada toma o relevo do Seminario Internacional, que celebrou catro edicións dende 2008 e que trouxo a Galicia diferentes expertos do ámbito político, universitario e dos movementos sociais. A asistencia á Conferencia, que se celebrará no espazo de The Room (Rúa de Santiago, 7), na zona vella da cidade, será gratuíta.

Participará Jordi Guillot, senador e vicepresidente de Iniciativa per Catalunya, que tivo un papel destacado no proceso de abolición das touradas en Catalunya, e tamén Marius Kolff, director de CAS-International

Na Conferencia, da que Praza Pública é medio oficial e sobre a que realizaremos unha completa cobertura, participará Jordi Guillot, senador e vicepresidente de Iniciativa per Catalunya, que tivo un papel destacado no proceso de abolición das touradas en Catalunya, e tamén de Marius Kolff, director de CAS-International. Tamén haberá intervencións da historiadora Helena Escoda, o activista portugués Rui Silva, o xornalista luso Sérgio Alves e de Rubén Pérez, voceiro de Galicia, mellor sen touradas. En calquera caso o obxectivo é que este espazo de opinión estea aberto á participación cidadá, das institucións e das formacións políticas, "para artellar ideas claras sobre o que supón a oposición social, o contexto actual de crise socioeconómica e a promoción dun espectáculo cruento nunha sociedade desenvolvida".

 

Algúns dos participantes

"O obxectivo é que este espazo de opinión estea aberto á participación cidadá, das institucións e das formacións políticas"

Helena Escoda comezou o seu activismo no ano 2000 cando reuniu máis de mil sinaturas para protestar contra os sacrificios crueis que tiñan lugar no canil municipal de Mataró. Dende entón, ten colaborado en diferentes actos de protesta contra os abusos que reciben os animais en diferentes puntos de España. Por exemplo, ideou a campaña Por uns touros de lume sen crueldade en Catalunya, na que propoñía que se utilizasen touros de cartón en lugar de seres vivos. Finalmente, participou moi activamente na campaña para declarar Barcelona como cidade antitaurina.

Rui Silva, da plataforma portuguesa Basta de Touradas, xa estivo na Coruña hai uns meses. Daquela explicara que nestes momentos en Portugal “estamos nunha mudanza de paradigma. Antes cada asociación actuaba por si soa. O proceso de Catalunya levou á necesidade de mudar iso. Chegamos ao consenso de crear a plataforma Basta de Touradas". Así mesmo, salientaba que nas touradas lusas, "o sufrimento infrinxido ao animal é igual ou mesmo superior, ao prolongarse ás veces durante tres ou catro días. Dende o punto de vista do sufrimento do animal as corridas portuguesas son mesmo peores que as españolas”.

Pola súa banda, o holandés Marius Kolff é o director de CAS-International, a organización máis grande do mundo que se enfoca exclusivamente na abolición das touradas e festas crueis nas que touros e outros animais son torturados. Ao ter unha actividade a nivel global e unha implantanción notable nos Países Baixos, Alemaña, Reino Unido e outros países europeos con millóns de turistas que viaxan todos os veráns a España, enfocan moitas das súas campañas na concienciación destes viaxeiros.

O Coliseo, nunha das touradas da feira © artetoreo
Concentración contra as touradas © Galicia, mellor sen touradas

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.