O STEG dá a coñecer experiencias innovadoras no eido da lingua

Cartaz do curso Dominio Público STEG

O Museo do Pobo Galego, en Compostela, acolle este sábado as primeiras Xornadas de Innovación Educativa: Palavrar a lingua, organizadas polo STEG, Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galicia. O obxectivo principal é dar a coñecer experiencias innovadoras no eido da lingua, indagando no desenvolvemento de proxectos dinamizadores da mesma, nun curso que tamén inclúe contidos específicos sobre as Irmandades da Fala e un obradoiro de lusofonía.

Búscase igualmente "estimular o gusto polo traballo da lingua e propiciar actitudes favorables no profesorado e no alumnado en relación ao mesmo e afondar no papel da escola como suxeito tranformador e favorecedor da realidade sociolingüística e cultural da comunidade educativa en que se insire a súa actividade".

As palestras e obradoiros están a desenvolverse ao longo de todo o día, comezando por amosar estas experiencias innovadoras, coma as que achegan Belén Escariz Ferrín e Isabel Vázquez Rosales ("Normalizar en Infantil e Primaria. Un proxecto común") e Pilar Ponte Patiño ("Experiencias normalizadoras no IES da Pobra do Caramiñal").

Xa pola tarde Emilio Ínsua ofrecerá un relatorio titulado "As Irmandades da Fala. Un percorrido pola súa historia". A seguir, Carme Saborido Paz, profesora de portugués e membro de AGAL, impartirá un obradoiro de lusofonía, que afondará noutro dos obxectivos das xornadas (a conceptualización da lusofonía e implicacións sociolingüísticas e culturais, análise dos elementos comúns do galego e do mundo lusófono, deseño de actividades relacionadas coa lusofonía, e desenvolvemento de propostas didácticas e consideracións metodolóxicas vervo da lusofonía e a aprendizaxe da lingua).

Un concerto de Narf, a partir das 19 horas, pechará as xornadas, que queren achegar "propostas de futuro dende o ensino para a superación da situación actual de coñecemento e uso do galego e das linguas minorizadas do resto do Estado".

 

Cartaz do curso Dominio Público STEG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.