0 Gardados para despois

"Hai que legalizar a droga, a coerción só fai aos narcos máis fortes"

Sara TorreiroSara Torreiro | @sara_te


Gerardo Vega posúe unha mirada que transmite decisión e determinación. A dun defensor incansable dos dereitos humanos que, a base de moito traballo, e con moitos factores en contra, se soubo manter, inquebrantable na súa loita. Aínda coas ameazas, aínda coas extorsións, aínda co exilio... O seu traballo a prol das persoas desposuídas de terras e o da fundación que preside, Forjando Futuros, foron merecedores do Premio Nacional de Paz no 2012.

Colombia posúe o conflito armado máis longo de América Latina, que implica defender os Dereitos Humanos nesa coxuntura?

Pois nun país onde hai unha violación masiva de dereitos humanos é complexo. Segundo a ONU e un centro de estudos e investigación, o ano pasado asasinaron a 105 líderes en Colombia e nos últimos 5 anos asasinaron a 74 vítimas reclamantes de terra, só por facer algo que está estipulado na lei. Entón faise difícil. Traballamos coas vítimas do conflito e tócanse intereses que son bastante fortes de empresas ou de persoas con poderes económicos ou políticos que fan que haxa unha agresión permanente aos defensores dos DDHH, desde campañas de desprestixio, a falsas acusacións, procesos xudiciais en contra dos dereitos humanos e mesmo asasinatos. Na fundación tocounos afrontar procesos xudiciais, levaron a cabo campañas de difamación contra o organismo e contra min mesmo. Non faltaron ameazas e por iso solicitamos á com internacional e ás autoridades gubernamentais as investigacióons correspondentes.

O ano pasado asasinaron a 105 líderes en Colombia e nos últimos 5 anos asasinaron a 74 vítimas reclamantes de terra

Ademais da cuestión da reclamacións de terra está o dos cultivos ilegais, un negocio moi lucrativo…

A política de erradicación do cultivo de droga sube, os últimos datos un 30%, pero en todo caso, é un problema que está lonxe, moi lonxe, diría, de erradicarse. Primeiro facíase con lisofato, un químico que nos EEUU está prohibido, agora xa se renunciou a iso. Mentres haxa consumo e quen compre pois non vai ser un problema só de Colombia.

"Temos 140 procesos xudicias abertos representando vítimas. Das persoas que nós atendemos xa asasinaron a dezasete"

Que tarefas fai a fundación para apoiar ás persoas reclamantes de terras?

Nestes intres temos 140 procesos xudicias abertos representando vítimas. Das persoas que nós atendemos xa asasinaron a dezasete, documentamos 570 casos en diversos lugares. Iso serve para presentar as demandas e representar ás vítimas. A documentación do caso é fundamental, que consiste en saber cal é a familia da vítima que sufriu o desposuimento, quen ten dereito sobre esa propiedade que perderon, para que sexan parte do xuízo. Logo vén o levantamento topográfico, para aportarlle o plano catastral ao xuíz. E claro, saber cal foi o motivo polo que a persoa perdeu o predio: os feitos de violencia nese predio ou sufridos polas persoas, o contexto, a historia.

Outro problema estrutural é que Colombia é o país do mundo co maior número de migracións dentro do propio territorio. Analizando a situación actual, que pasos deberían darse a nivel político e institucional?

Hai dous fenómenos. Hai oito millóns no rexistro de vítimas en Colombia: familiares de persoal desaparecido, de asasinatos, de reclutamento de menores, de delitos contra a integridade sexual, lisiados de guerra; os desposuídos das súas terras e os que sufriron desplazamento, sexan ou non propietarios de terras, en Colombia hai máis de 5 millóns de persoas en desprazamento. Outra cousa son os desposuídos das súas terras que tiñan unha propiedade, unha casa ou unha finca e que foron sacados do seu sitio ou obrigados a abandoar as terras. Son 6 500 000 hectáreas, é como toda Andalucía xunta, como se a sacaramos do mapa español. Esa é a proporción do desprazamento en Colombia.

"O terreo que corresponde a persoas que foron privados da súas terras con propiedades equivalen a toda Andalucía xunta"

A nivel político e institucional, o primeiro é que a extrema dereita en Colombia, os grupos paramilitares deixen de actuar e que o goberno os persiga e desmonte, o mesmo que as grandes bandas criminales que causaron ese dano. Pero tamén enxuizar a quen os patrocinou e fomentou, que son un sector do empresariado colombiano, de bananeiros, de palmicultores, de mineiros e de gandeiros. O imprescindible é chegar á verdade dos feitos, porque non abonda con enxuizar simplemente aos autores materiais, senón a quen financiaron estes aparatos paramilitares. A guerrilla, no acordo de paz, na negociación en Cuba, acordou catro puntos no desenvolvemento agrario, pois a reforma agraria nunca foi feita en Colombia e houbo unha gran concentración en poucas familias que non axudan a que haxa un mellor desenvolvemento do campo. Isto pasa pola tecnoloxización do campo e o devolvemento da terra a quen a perdeu. Por outra banda, está o dos cultivos ilícitos, que falabamos antes.

"Hai que enxuizar ao gran empresariado colombiano que financiou e fomentou aos grupos paramilitares"

Tamén recoñecemento ás vítimas do conflito armado con verdade, xustiza, reparación e medidas económicas, ordenadas polos xuíces. E por último, un desarme definitivo das FARC para que poidan acceder á participación política convertidos en partido político e de convalidación por parte dos colombianos. Estes dous puntos aínda faltan, o que provocou unha demora do acordo, pero temos confianza, somos optimistas, cremos que pode saír ben e axudamos para que así sexa. Colombia ten que pechar eses 50 anos de guerra, conflito e sangue para poder ubicarse nun espazo para maior desenvolvemento e posibilidades para a poboación. Iso é o principal.

Ademais diso está a asistencia que debe prestar o goberno á xente que xa foi desprazada. Unha desas medidas ten que ser restituír a terra a quen xa lla quitaron. A lei de vítimas do 2011 inclúe nun capítulo a restitución de terras e non se pode facer a reforma agraria sen ese acto de xustiza.

Cal é o interese deses grandes empresarios e terratenentes en financiar aos paramilitares?

Pois porque con iso fomentan o desposuimento. Son sectores que estiveron vinculados tamén ao tráfico de estupefacentes. A escusa para fomentalos era a existencia da guerrilla e que calquera movemento social que tome decisións, propoña reformas, ou adiante unha loita social e reformas sociais sempre se catalogou de pertencer ás guerrillas e un xeito de combatelo era eliminando aos líderes sociais. No 1985, cando as FARC intentaron facer un acordo de paz e desmobilizarse nesa época, creouse a Unión Patriótica e 5000 persoas foron asesinadas, senadores, representantes da cámara, de feito o negociador das FARC en Cuba foi representante da cámara e por que foron á guerrilla? Porque asasinaban a todos os seus compañeiros e colegas. Hoxe volvemos intentar ese acordo de paz.

Comentabas que unha das últimas fases era o cauce institucional para as FARC, cres que isto podería crear fricción social?

Hai que ter clara unha cousa: quen se opón ao proceso de paz en Colombia só é por un motivo e é que se beneficiaron da guerra. Opoñense porque puideron acaparar terras, porque prefiren unha debilidade institucional para evadir a xustiza. Eles encabezaron unha marcha en abril para oponerse ao proceso de paz e, entre outras cousas, nas súas camisetas tamén aparecían lemas en contra da restitución de terras. Pero tamén se opoñen a outras cousas como o aborto ou o matrimonio igualitario. E quen son? Unha dereita que se consolidou en Colombia e usou todos os mecanismos, os legais e os ilegais.

"A escusa do empresariado e a dereita para fomentar os grupos paramilitares era a existencia da guerrilla"

A miña xeración non coñece un país en paz e, con todo, hai quen se opón a iso, e con argumentos de que como se van meter guerrilleiros no Congreso e eu digo máis: habería que repoñerlles a eses guerrilleiros os cargos que se lles quitaron, que tiñan 9 senadores e 20 representantes na cámara, deputados, concelleiros e todos foron asesinados.
Vai haber xente que se opón? Si, pero por dous motivos, ou por descoñecemento do que ocorreu ou porque ten intereses espúreos no conflito.

"Quen se opón ao proceso de paz en Colombia só é por un motivo e é que se beneficiaron da guerra"

E en todo isto, cal é o papel dos grandes cárteles da droga?

A droga tamén axudou a financiar esa guerra en Colombia porque xera un diñeiro exorbitante. A morte de 4 candidatos presidenciais no 89 foi promovida por traficantes moi coñecidos como Pablo Escobar. Asasinaron candidatos de esquerda, do Partido Liberal… O dano para Colombia polo narcotráfico foi inmenso: afectou á democracia, ocultou os problemas sociais que tivo o país…

O dano para Colombia polo narcotráfico foi inmenso: afectou á democracia, ocultou os problemas sociais que tivo o país…

En Occidente adoita darse o debate da legalización ou non as drogas…

Claro que hai que legalizala. É a medida que máis combatiría aos narcos. A coerción non serve para nada, só para que a droga sexa máis cara e fortalecelos e enriquecelos máis. As drogas teñen que ser un problema de saúde pública e tratar ás persoas que a consumen. Ese sería o xeito ideal. Pero desde logo que legalizala. Un gobernador en Colombia está pedidndo que se legalice o cultivo de marihuana para fins terapéuticos.

A coerción non serve para nada, só para que a droga sexa máis cara e fortalecelos e enriquecelos máis

En que punto se atopa a lei 1448 para a restitución de terras ás vítimas?

Unha vez Baltasar Garzón dixo que era a mellor lei de devolución de terras da historia, pero que podería ser a peor se non se implementase porque sería unha frustración máis para a poboación colombiana. Desafortunadamente, deses 6 500 000 hectáreas, as propias estimacións do goberno tiñan a expectativa que foran algo máis de 300.000 casos a resolver xudicialmente ata o 2020. Cantos resolveron tras 5 anos? 2983, deberían ir en 72000 casos resoltos. Cos seus datos chegaron solicitudes por 87000 casos, van en 3,4% resoltos, cos iniciales que deron non chegan ao 1% e tardaríamos 520 anos para devolver as terras. Entón, propuxemos unhas modificacións á lei, que é a restitución colectiva, cando os predios son colindantes, cando o vitimario é o mesmo e cando foron da mesma época. Baixo eses tres supostos un xuíz pode fallar 50, 100 ou 1000 casos nunha soa sentenza.

Baltasar Garzón dixo que era a mellor lei de devolución de terras da historia, pero que podería ser a peor se non se implementase porque sería unha frustración máis para a poboación colombiana

A restitución administrativa tamén a propuxemos. Consiste en que cando houbo abandono forzado da terra, pero ninguén está facendo uso delas hai que devolvelas sen necesidade de ir a un xuíz, senón a través dunha resolución do goberno, iso demoraría todo menos e sería menos custoso. Pero hai que facer unha reforma á lei, o pte da república na súa segunda campaña presidencial falou da restitución administrativa, dixo que ía propoñela, nós falamos con el cando era presidente candidato e dixo que si, pero esqueceuse, non a propuxo, non se fixo.

O terceiro punto é que ten que facerse a promoción dese dereito, de xeito gratuíto, nos medios, para que a xente o saiba. E desvertebrar as bandas criminais que atentan contra a vida dos reclamantes de terra, porque senón a xente nunca vai ir, para que? Para que te maten?

Por útimo propuxemos que se prohíba o porte de armas nas zonas de restitución, que sex asó o Estado o que poida, non civís nin exércitos privados, e iso é unha garante de vida para os reclamantes

Cinco persoas representan o 46% do total das oposicións nos procesos xudiciais de restitución de terras, o que implica a oposición a 334 predios:

  • Hever Walter Alfonso Vicuña
  • Gabriel Jaime Vásquez Quintero
  • Gabriela Inés Henao Montoya
  • Miguel Enrique Ríos

Empresas opositoras nos procesos xudiciais de restitución de terra:

  • Argos SA
  • Continental Gold Limited Sucursal Colombia
  • Exploraciones Chocó Colombia S.A.S
  • Anglogold Ashanti Colombia S.A
  • Sociedad Agropecuaria Carmen de Bolívar S.A
  • Sociedad Las Palmas Limitada
  • Agropecuaria Las Palmas de Bajirá S.A
  • Inversiones Futuro Verde S.A
  • Palmagan S.A.S
  • A. Palacios S.A.S
  • Todo Tiempo S.A

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.