"A negativa de PSOE e PP á comisión de investigación é unha mostra de que teñen algo que ocultar"

Representantes da Plataforma de vítimas, seguindo o debate en directo Dominio Público Praza Pública

"Hipócritas!". Foi o berro que se escoitou no hemiciclo do Congreso xusto despois de que se confirmase o rexeitamento á creación dunha comisión de investigación sobre as causas do accidente do Alvia, no que hai case tres anos morreron 81 persoas en Santiago. As protestas procedían dun grupo de representantes da Plataforma Víctimas Alvia 01455, que a consecuencia do balbordo foron expulsados da tribuna.

"A votación non fixo máis que confirmar as sospeitas que temos: O PP e PSOE son responsables da traxedia -un encargouse do trazado, no que hai unha series de deficiencias e o outro da posta en servizo sen o sistema de seguridade axeitado-. A súa negativa a investigar é unha mostra de que os dous teñen algo que ocultar. Neste tema son unha piña", destaca Jesús Domínguez, un dos voceiros da plataforma de vítimas en conversa con Praza.

"O problema é que non temos órganos independentes. Por iso é tan necesaria a creación desta comisión no Congreso"

En relación co desenvolvemento do debate que tivo lugar o xoves no Congreso, Domínguez sinala que "unha das cousas que máis nos indignan son as mentiras que se din sobre este tema e a desinformación que moita xente acaba tendo". Critica, por exemplo, que se argumente que non é necesaria unha comisión de investigación porque a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) xa levou a cabo unha. "O representante do PP que interveu [Andrés Ayala] dixo que a CIAF xa investigara e que era un órgano independente", sinala.

"Como vai ser independente se depende do Ministerio de Fomento e á súa fronte están os directores xerais de Renfe e Adif?", engade e subliña que "a falta de independencia do CIAF é determinante, porque tanto o xuíz coma os peritos refiren ao informe da CIAF á hora de elaborar as súas conclusións". Domínguez explica que a súa comisión técnica está formada polos directores de seguridade de Renfe e de ADIF. "Un foi o que pediu a desconexión do sistema de seguridade e o outro é o que o desconectou. Que van facer? Culpar o maquinista", di. "O problema é que non temos órganos independentes. Por iso é tan necesaria a creación desta comisión no Congreso", conclúe.

A plataforma espera con moito interese os informes que nos vindeiros meses publicarán a Axencia Europea do Ferrocarril e a propia Comisión Europea

Domínguez responde tamén ao argumento, empregado tanto por PP coma polo PSOE, de que o proceso xudicial aínda está aberto e de que non se pode interferir con el. "Unha cousa son as responsabilidades penais, que terá que dirimir o xuíz, e outra as políticas, que debe investigar o Congreso", salienta.

De cara ao futuro das reivindicacións da Plataforma, Jesús Domínguez salienta que van manter a vía política, tentando de novo na vindeira lexislatura que o Congreso saído das eleccións do 26 de xuño acepte crear a Comisión de Investigación. De igual xeito, sinala que esperan con moito interese os informes que nos vindeiros meses publicarán a Axencia Europea do Ferrocarril e a propia Comisión Europea.

"Unha cousa son as responsabilidades penais, que terá que dirimir o xuíz, e outra as políticas, que debe investigar o Congreso"

Porén, Domínguez subliña que "a gran batalla que queremos dar é a social, que o tema chegue á xente, que a xente saiba o que pasou. Algo imos avanzando nesta cuestión, grazas ao documental [Frankenstein 04155, de Aitor Rei]. É a nosa gran batalla e o documental a nosa mellor arma". "Ao igual que co metro de Valencia todo cambiou a raíz da emisión do programa de Salvados, tamén esperamos que a xente tome conciencia de que o accidente de Santiago sucedeu porque se tomaron unha serie de decisións políticas", di.

 

A Deputación da Coruña reclama que o Congreso investigue

O pleno da Deputación da Coruña aprobou este venres, cos votos favorables do PSdeG-PSOE, BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños e a abstención do Partido Popular, unha moción en apoio das demandas da Asociación de Vítimas do Alvia 04155. O texto insta ao Goberno a encargar a unha comisión de expertos e técnicos independentes a investigación do acontecido e a posterior apertura dunha comisión no Congreso.

Representantes da Plataforma de vítimas, seguindo o debate en directo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.