Alcalde, republicano, asasinado

Homenaxe realizada en Ames ás vítimas do franquismo © Concello de Ames

Esta fin de semana serán homenaxeados en Valga o derradeiro alcalde republicano da localidade, Celestino Carbia Campaña, fusilado en 1937, e as demais persoas do concello asasinadas e represaliadas polo franquismo. Os actos, organizados pola Sociedade Cultural de Cordeiro e a Asociación Os Penoucos, comenzarán o sábado ás 19 horas cunha conferencia no local do antigo teleclube de Cordeiro, no que participará Margarita Teijeiro, da Asociación O Faiado da Memoria, Raúl Soutelo, mestre e investigador, e Manuel Carbia, neto de Celestino Carbia. O domingo 8, ás 13.30, terá lugar no cemiterio de Cordeiro, un acto de lembranza ante a tumba do ex rexedor, onde se procederá á colocación dunha placa conmemorativa.

Carbia foi alcalde de Valga entre os anos 1931 e 1936. Tralo alzamento militar contra o goberno democraticamente establecido, estivo preso en San Simón ata que foi fusilado en Monteporreiro. Soterrado no cemiterio de San Amaro, en Pontevedra, a súa familia logrou traer os seus restos en 1977 ata o cemiterio de Cordeiro, onde repousan dende entón. Foi co-fundador do Sindicato Agrario de Cordeiro e impulsor do cooperativismo na localidade.

Foron moitos os alcaldes galegos asasinados ao longo da Guerra Civil, entre eles os das cidades da Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Ourense e Ferrol. Cómpre sinalar que na cidade naval foi executado Xaime Quintanilla (rexedor entre 1931 e 1934), mentres que o alcalde vixente -Antonio Santamaría López- salvou a vida fuxindo a Francia no vapor Ramón). Tamén lles quitaron á vida aos representantes democraticamente elixidos de Lavadores e Serantes, concellos hoxe integrados en Vigo e Ferrol. Ademais, noutra trintena de localidades tamén atoparon a morte os seus alcaldes. Os franquistas fusilaron igualmente os gobernadores civís das catro provincias: Francisco Pérez Carballo, Gonzalo Acosta Pan, Ramón García Núñez e Gonzalo Martín March.

Segundo datos do proxecto Nomes e Voces, case un cento de rexedores sufriron a represión en calquera dos seus graosMoitos non foron asasinados, pero tiveron que exiliarse, foron enviados a prisión ou multados, e por suposto apartados dos seus cargos. Benito Feijoo (Ares), Rafael Martínez Cardoso (Ribadeo), Ezequiel Caamaño (Ponteceso), Valentín Briones Rey (Vilagarcía), José Fernández Bermúdez (Ribeira), Juan Somoza (Boiro), Benito Cancelas (Celanova), José Rodríguez Vázquez (Teo), Óscar Lojo Batalla (Ames), Secundino Couto Solla (Canedo, daquela concello independente, hoxe integrado en Ourense), Pedro López Bodelo (Boimorto), Castor Castro (Barro) ou Cándido González Tarrío (Rianxo) son só algúns deles. Ademais dos alcaldes, a represión acabou coa vida de ducias de concelleiros e funcionarios municipais, así coma de representantes de forzas políticas, sindicatos ou cooperativas.

Investigadores do proxecto Nomes e Voces destacan que "os motivos da eliminación das autoridades e líderes sociais máis destacados transcenden da súa actitude respecto ao golpe, posto que se trataba de persoas revestidas de autoridade e con recoñecemento público ligado a un activismo na sociedade liberal e o ambiente de progresismo, formación cultural ampla e modernidade que abrazaron certos sectores das clases medias e traballadores que foron gañando espazos na esfera social ao longo do primeiro terzo do século XX".

Tratábase de persoas "revestidas de autoridade e con recoñecemento público ligado a un activismo na sociedade liberal e o ambiente de progresismo, formación cultural ampla e modernidade que abrazaron certos sectores das clases medias e traballadores"

Tralo alzamento militar "xérase unha atmosfera de caos e terror na que se combinan de forma calculada a ocultación e a exposición dos resultados da represión: por unha banda, as desaparicións de persoas que son retiradas dos seus domicilios sen volver saber as súas familias cal foi o seu paradoiro, asasinadas en lugares apartados e soterradas nunha fosa común ou abandonados os seus corpos en paradoiro ignorado, sen rexistro documental de ningún tipo sobre a súa morte e, doutra banda, os cadáveres que aparecen nas cunetas das estradas ou en plena vía pública nas cidades, coa finalidade de que exerzan unha función amedrentadora e exemplarizante". De igual xeito, en ocasións as execucións son "levadas a cabo en tapias de cemiterio, muros exteriores de cuarteis ou outras dependencias públicas ou alamedas, con presenza de público", explican. 

 

Alcaldes asasinados

Tralo alzamento militar "xérase unha atmosfera de caos e terror na que se combinan de forma calculada a ocultación e a exposición dos resultados da represión"

A Coruña: Alfredo Suárez Ferrín
Vigo: Emilio Martínez Garrido
Santiago: Ánxel Casal
Ferrol: Xaime Quintanilla
Ourense: Manuel Suárez Castro

A Guarda: Manuel Noya Gil e Brasilino Álvarez Sobrino
Amoeiro: Castor Sánchez Martínez
Arzúa: Juan Manuel Vidal
Becerreá: Rudesildo Fernández Vilor
Betanzos: Tomás López da Torre
Bueu: Xohan Carballeira
Cabanas: Álvaro Puentes
Castro de Rei: Severino Rivas
Cedeira: Manuel Fernández Freijeiro
Cuntis: Manuel Rodríguez Sangiao
Fene: Ramón Souto
Fisterra: Cipriano Fernandez Brage
Gomesende: Celso Pérez
Lavadores: José Antela Conde
Marín: Antonio Blanco Solla
Moaña: José Fandiño Pidre
Mugardos: Juan Prieto Balsa
O Barco de Valdeorras: Abdón Blanco García
O Carballiño: Aquilino Sánchez Rodríguez
O Grove: Xacobe Barral Otero
O Incio: Manuel Díaz
Redondela: Telmo Bernárdez
Ribadavia: Benito Gallego Montero
Sada: Antonio Fernández Pita
Serantes: Alejandro Porto Leis
Silleda: Emilio Alonso Paz
Sober: Daniel Álvarez Carnero
Valga: Celestino Carbia Campaña
Verín: Carlos Reino Caamaño
Viveiro: Balbino Cerdeiras Rey

Cartel da homenaxe a Celestino Carbia, alcalde de Valga en 1936 © A.C. Os Penoucos
Homenaxe realizada en Ames ás vítimas do franquismo © Concello de Ames
Homenaxe a Ánxel Casal en Cacheiras (Teo) © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.