0 Gardados para despois

Os inspectores de saúde alertan dos recortes e dos riscos da legionella en Galicia

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


"Levamos dez anos tocando á porta da Xunta sen que nos fagan caso nin nos dean solución; estamos sendo enganados e ata aquí chegamos". O corpo de farmacéuticos inspectores de saúde pública leva tempo reclamando máis medios e máis persoal. Son os encargados de inspeccionar todo tipo de instalacións e establecementos para garantir a súa salubridade en Galicia. E dixeron basta. 

O corpo de inspectores de saúde pública denuncia que non ten "nin estrutura organizativa nin medios humanos e materiais axeitados"

As organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT veñen de xuntarse para reclamar solucións á Consellería de Sanidade e advertir dos riscos da situación en casos como a legionella. Denuncian que non contan "cunha estrutura organizativa axeitada nin cos medios humanos e materiais suficientes para desenvolver o traballo". E lembran que o corpo de inspectores de saúde pública foi reestruturado en 2006: contaba con 100 prazas e na actualidade ten 62. Ademais, segundo relatan, a Xunta "opta por ir diminuíndo máis e máis a frecuencia e cantidade de inspeccións", o que "fai que o risco medre ano tras ano". "E sen que a poboación chega a decatarse, o que provoca que non haxa ningunha consecuencia para os responsables", din. 

"Todo isto ten que ver, claramente, coa política de recortes e austeridade que afectan un servizo público fundamental para a sociedade", explica Emilio Doforno, coordinador do sector autonómico de CCOO-Galicia, que lembra que, malia destacarse casos moito máis graves como os da legionella, o corpo de inspectores encárgase, por exemplo, de vixiar que os estudos de tatuaxe conten con todas as garantías sanitarias. 

Hai dez anos 100 persoas formaban parte do corpo de inspectores fronte aos 62 da actualidade

Todas as carencias "evidencian", segundo os sindicatos, "a situación de abandono na que está sumida a saúde da poboación galega, sen que a Xunta de Galicia poña os medios necesarios para remedialo" malia ás "innumerables advertencias do propio colectivo e das organizacións sindicais". E insisten nos riscos que supón a legionella no caso de non levar a cabo as inspeccións ou os controis necesarios. "Onde antes se facían cada dous meses, agora fanse cada cinco", explica Doforno, que anuncia que o colectivo comezará unha folga indefinida a partir do vindeiro 18 de maio. 

Segundo recordan as organizacións sindicais, os datos do Centro Nacional de Epidemioloxía do Instituto Carlos III sitúa Galicia como unha das principais autonomías afectadas por legionella, sendo en 2014 a terceira con maior taxa de ataque (2,96 cada 100.000 casos tras Cataluña e Cantabria) e presentando (igualada con Cataluña), o maior número de brotes do conxunto das comunidades. "Non se debe esquecer que houbo brotes cun importante número de afectados como o de 2000 en Vigo, cunha trintena de afectados e catro mortos, ou en 2014 en varias residencias de anciáns da provincia de Lugo", explican. 

Os sindicatos advirten dos riscos da legionella en Galicia, terceira con maior taxa de ataque no Estado

O corpo de farmacéuticos inspectores de saúde pública encárganse de inspeccionar as instalacións capaces de propagar a legionella, que se difunde por medio de sistemas que traballan con auga (principalmente quente, pero tamén fría) como torres de refrixeración, condensadores evaporativos, sistemas de auga quente domésticos e de establecementos públicos, spas e jacuzzis, sistemas de humectación e climatización, lavados de coches ou fontes. 

 

Demasiados focos de risco para tan poucos inspectores

Os sindicatos lembran que en Galicia hai 3.339 residencias turísticas, máis de 1.600 centros educativos e "un crecente número" de instalacións deportivas, balnearios, centros de día, hospitais ou residencias. "Todo sistema que utilice auga pulverizada no seu funcionamento pode propagar a legionella, producindo a enfermidade", din, tras advertir que hai moitos outros establecementos que precisan do traballo dos inspectores. 

"A simple comparación do número de inspectores e de establecementos a controlar evidencia o crecente abandono ao que está sometida a saúde pública polos responsables da Consellería de Sanidade. co risco que iso supón para a saúde de todos os galegos e galegas", advirten. E esixen a Sanidade que "dea a cara e informe á cidadanía do perigo real da legionella e da situación en risco na que se atopan por falta de inspectores suficientes para a actual carga de traballo", un labor que, recordan, "increméntanse aídna máis coa chegada do bo tempo". 

"Todos os gobernos nos deron as costas, pero o actual do PP leva nove anos gobernando e saben desde o primeiro día das nosas demandas. Nin fixeron nin fan nada", remata Doforno. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.