A Xunta mantense fiel ao Ministerio coa reválida malia a insubmisión nas aulas e de doce autonomías

Conferencia sectorial de Educación, en Madrid © Ministerio de Educación

As oito comunidades autónomas que goberna o PSOE e as outras catro non gobernadas polo PP non farán a proba de 6º de Primaria. Polo menos non a farán tal e como pretende que sexa o Ministerio de Educación, segundo lle explicaron este venres ao ministro, Iñigo Méndez de Vigo, na Conferencia Sectorial que reuniu o Goberno central cos autonómicos para falar das reválidas de Secundaria e Bacharelato, entre outros temas como a ordenación da FP e as contías das bolsas.

As doce comunidades que non goberna o PP non farán a proba de 6º de Primaria tal e como indica o Ministerio

Andalucía, Aragón, Asturias, Cantabria, Balears, Castilla-La Mancha, Extremadura e a Comunitat Valenciana -os oito territorios que gobernan os socialistas- tamén pediron ao ministro nesta cita que retire os exames de fin de ciclo de 4º de Secundaria e de 2º de Bacharelato. Non están soas. As outras catro autonomías que non goberna o PP (Navarra, Euskadi, Catalunya e Canarias) tampouco queren estes exames. Estas 12 comunidades representan o 75% da poboación e piden retirar as reválidas de ESO e Bacharelato e continuar outro curso coa Selectividade, algo que desde o País Vasco e a Generalitat xa anunciaron que farían. 

Ante esta rebelión maioritaria, Galicia situouse do lado do Ministerio e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, insiste en lembrar que as reválidas non supoñen "ránking ningún" nin computan na nota. Só as comunidades gobernadas polo PP apostan por continuar co modelo imposto pola polémica Lomce. Tan só no que ten que ver coa reválida da ESO que é necesaria para obter o título desa etapa e seguir cos estudos houbo algunha petición. A Xunta pretende unha solución para aqueles rapaces que suspendan a avaliación de 4º e poidan continuar estudando, unha opción na que traballa o Estado. 

A Xunta pide unha alternativa para os alumnos que suspendan a avaliación final de Secundaria

Con todo, a Administración galega non sae do rego marcado por Madrid, malia que a insubmisión á reválida en Galicia foi, con moitísima diferenza, a maior de todas aquelas autonomías onde se realizou a proba. O 40% de absentismo que recoñece a Xunta -e de entre o 70% e o 80% que computan as anpas- contrasta co máximo do 0,3% que se deu nas outras tres autonomías que levaron a cabo a avaliación. 

 

Ameaza con ir aos tribunais

Méndez de Vigo respondeulles cunha negativa. As reválidas de Secundaria e Bacharelato faranse "porque teñen que entrar o curso que vén", explicou tras a cita de máis de catro horas. Ademais, asegurou que o Ministerio "vixiará" as avaliacións de 6º de Primaria que van facer as comunidades e, se a Alta Inspección considera que non cumpren a lei podería acudir aos tribunais. O ministro admitiu con todo que non sabe que van facer, pero pediulles que "reflexionen e se cingan á lei".

O Estado ameaza con acudir á xustiza de non cumprirse a lei na reválida de 6º de Primaria

Ao seu favor o Ministerio ten o aval dos reitores á proba de Bacharelato, con quen a negociou e que está previsto que substitúa á Selectividade. Con todo, os conselleiros socialistas lembran que os reitores non pintan nada nestas etapas preuniversitarias e enmárcano como unha procura de aliados por parte de Educación.

Mayte Pérez, conselleira de Educación de Aragón e que exerceu de portavoz dos seus colegas socialistas, explicou que estas probas conducen "á exclusión" dos alumnos, "gangrenan o sistema" e "rompen a equidade", e que non queren ser "cómplices dunha lei educativa" que devolva o país "40 anos atrás". Os socialistas acusan a Méndez de Vigo de ser "case peor" que o seu antecesor, José Ignacio Wert, por ser "un lobo con pel de cordeiro" e esixen "un debate acougado" sobre estas cuestións.

 

Elección dos centros

Os socialistas encararán a avaliación de 6º de Primaria de diferente maneira segundo cada autonomía. Pérez explicou que a idea é realizar o informe individualizado que require a lei, pero que se fará en base á avaliación continua que van aplicando os profesores ao longo do ano e non a través dun exame como quere Educación. As consellerías enviarán aos centros o "material necesario para facer os informes", como criterios de avaliación, e nalgunhas comunidades, un modelo de exame que os colexios poderán aplicar ou non se o consideran necesario "dentro da súa autonomía". A decisión de facer a proba ou non queda por tanto en mans dos colexios.

"O duro é como tentamos sortear a lei sen ser insubmisos", din desde o Goberno de Asturias

Asturias, por exemplo, recorrerá a este método. A parte de externalizar a proba, como esixe a lei, queda en mans dunha comisión que recibirá estes informes previos e será a encargada de facérllelos chegar ás familias e aos futuros centros de referencia dos alumnos avaliados, que pasan de Primaria a Secundaria. A conselleira socialista remarcou que as súas actuacións se axustan á lei e lamentou: "O duro é como tentamos sortear a lei sen ser insubmisos".

Ademais, os socialistas van pedir ao ministro que retire as reválidas de Secundaria e Bacharelato. Na súa opinión son "segregadoras" porque afastarán irremisiblemente alumnos do sistema educativo. Aprobar ambos os dous exames é necesario para obter os respectivos títulos, segundo figura na lei, o que rexeitan as comunidades. Pérez explicou que o PSOE está de acordo coas avaliacións ao sistema, pero non así. "Dos 28 países europeos que as aplican, só en catro baséanse na nota dun exame", sostivo. E afirmou que as reválidas supoñen "invalidar" o traballo dos docentes ao longo dos anos.

Aducen os gobernos autonómicos do PSOE que, máis aló das cuestións ideolóxicas, que tamén as hai, teñen a "imposibilidade material, de recursos económicos e humanos" de realizar estas probas, que deben facelas traballadores externos aos centros, segundo o Ministerio. O que non explican é como entón os realizaron, esta mesma semana, as comunidades que goberna o PP, excepto Murcia.

Aula nun centro galego © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.