Outra denuncia por graves demoras en consultas oncolóxicas en Santiago

Pacientes reciben quimioterapia nun hospital galego © Sergas

Unha muller operada de cancro de colon con metástase no útero e nos ovarios e posible metástase na columna, que levaba agardando desde mediados de decembro de 2015, sen que lle adxudicase unha cita, para realizar unha resonancia para que lle marcaran unha cita preferente que debería ser atendida no prazo máximo de 15 días. Esta situación levou a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS a denunciar o atraso. Feita pública a denuncia, e segundo di o colectivo, desde o hospital puxéronse en contacto coa paciente para citala na tarde dese mesmo día para realizar a citada resonancia. Cando se dirixiu a cita previa para pedir data para ver os resultados, déronlla para o 28 de outubro.

Despois da demora de máis de cinco meses para unha resonancia, a cita para a consulta de resultados demorouse seis meses

"Acelerouse a realización da resonancia para calar a denuncia, pero, como o problema de fondo persiste, deberá agardar cinco meses para coñecer se padece metástase na columna ou non, e tamén para que os especialistas lle indiquen o tratamento que debe seguir", explica a Asociación, unha denuncia que se une á de atrasos de ata oito meses en consulta oncolóxica en Santiago. "Queremos denunciar, ademais da demoras inaceptables nas consultas, a actuación errática e ilóxica do centro sanitario que trata, simplemente, de poñer un parche na situación porque non se aborda o fondo do problema", insisten. 

"Acelerouse a realización da resonancia para calar a denuncia, pero, como o problema de fondo persiste, deberá agardar cinco meses para coñecer se padece metástase"

Este é un dos atrasos máis que se denuncian e que se unen ás do colectivo SOS Sanidade Pública e mais a asociación de doentes oncolóxicos do CHUS (AUSO) que, como informou Praza.gal, lanzaron a alerta tras recoller testemuñas dos propios pacientes e tamén de profesionais do hospital. As reprogramacións, ilustraban, supuñan chegar a, practicamente, duplicar o prazo de espera para acceder á consulta e, en boa parte dos casos, para coñecer o resultado de probas de control como análises de sangue, radiografías ou TAC.

Tras saír á luz as protestas, que a asociación Defensor del Paciente decidiu trasladar tamén á Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o propio servizo de Oncoloxía compostelán saíu ao paso das críticas para admitir os atrasos -inicialmente, o Sergas asegurara descoñecelos-, pero tamén para atribuílos a un procedemento automático e para aseguraren, ademais, que xa foran subsanados. Todo está xa "baixo control", afirmou en declaracións á emisora local da SER en Santiago o xefe do servizo, Rafael López, quen non obstante admite que, cun cadro de persoal máis amplo, isto non chegaría a suceder.

O novo caso, segundo os denunciantes "evidencia a práctica de manter pechadas as axendas de parte do ano"

Neste novo caso e noutros, o que se "evidencia", segundo a asociación denunciante é "a práctica de manter pechadas as axendas de parte do ano". "É outro punto que as autoridades sanitarias negan pero que todos os usuarios que vivimos na realidade de agardar unha longa ringleira para que se nos adxudique unha cita marcada polo especialista coñecemos de primeira man", di. 

"Non se organiza con tempo o período de vacacións do persoal nin se contrata persoal para substituír os que están no seu período de descanso", insiste a denuncia, que asegura que isto supón "que se pechen plantas enteiras nos hospitais e que non se adxudiquen as citas para as consultas externas ata os últimos días, cuestións ambas as dúas que repercuten moi negativamente na atención aos doentes, pero nas que insisten os responsables sanitarios preocupados unicamente por cumprir coa política dos recortes". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.