0 Gardados para despois

Teresa Alvajar volve á casa

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Conta Aurora Marco que "unha noite si e outra tamén –así nolo repetía e así figura nalgunha entrevista–, soñaba que volvía á súa cidade, que andaba polas rúas da infancia e finalizaba a camiñada na praza de María Pita, a ollar para a xanela da oficina onde traballaba o pai. E erguíase cansa, como se tivese feito a viaxe". Este venres as cinzas de María Teresa Alvajar, finada o pasado 9 de xaneiro, regresarán á Coruña e serán espalladas en Punta Herminia, nun acto organizado pola súa familia e na que participará a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH), que en 2009 a distinguira como “Republicana de Honra”.

Os actos comezarán cunha homenaxe no Concello, limitada á familia e amigos, que se celebrará ás 12.30 horas e na que haberá intervencións do alcalde Xulio Ferreiro e de Elena Martínez Alvajar, en nome da familia. Despois, contra as 13.30 horas, no lugar de Punta Hermina, xunto ao memorial ás vítimas da represión franquista no Campo da Rata, levarase a cabo o espallamento das cinzas.

Alvajar marchou da Coruña en 1936, cando só contaba 15 anos. Filla do político republicano César Alvajar (secretario do alcalde Manuel Iglesias Corral) e de Amparo López Jean (presidenta da Agrupación Republicana Femenina da Coruña), pasou por Soria, Madrid, Valencia e Barcelona, seguindo o goberno republicano. En 1939, pouco despois da entrada das tropas franquistas en Barcelona, e sorteando moitos obstáculos, relata Aurora Marco, regresou á Coruña nunha viaxe de cinco días, sen documentación, e envolta nun capote de soldado para disimular a súa condición de muller. Foi detida e pasou cinco meses no cárcere, con apenas 18 anos, acusada de dirixir checas e de pertencer ao SIM (Servizo de Investigación Militar). Posteriormente, exiliouse en Francia, para volver a España en 1960, instalándose en Madrid.

"Desde moi nova viviu o ambiente republicano: ao pai seguíao aos mitins; coa nai participou en numerosos actos da ARF. Nas tertulias que se celebraban na casa, en diferentes eventos, coñeceu numerosas personalidades da vida política e cultural, e foi absorbendo como unha esponxa, unha serie de coñecementos e un posicionamento ideolóxico, nidiamente galeguista e republicano, desde idade moi temperá", comenta Aurora Marco, que engade que "a súa foi unha vida de sortear obstáculos, de facerlles fronte, de os superar; unha vida en que non estivo ausente a rebeldía", e na que conseguiu sacar adiante ela soa a tres fillas e un fillo.

Aurora Marco, que a animou a escribir as súas memorias -publicadas por Laiovento en 2012 (Teresa Alvajar López. Memorias dunha republicana)- destaca que o libro constitúe "a autobiografía dunha muller atravesada pola represión desatada tras o golpe militar; e a autobiografía dunha supervivente que defendeu desde a liberdade a súa vida, nun tempo en que as mulleres semella que tiñan que pedir permiso para vivir, para amar". "Naqueles anos escuros, opresivos, en que a Sección Femenina e a Igrexa xogaron un papel determinante, houbo mulleres que saltaron por encima daqueles muros de pedra, con coraxe, con dignidade… María Teresa foi unha delas", sinala a historiadora.

"Nas páxinas deste texto memorialístico achamos a denuncia da represión colectiva –e a afirmación, ao mesmo tempo, das súas conviccións republicanas– e, tamén, da represión feminina e a carencia de dereitos das mulleres. Por iso a imaxe que proxecta de si propia contrasta co modelo de muller tradicional, reforzado cos valores patriarcais que defendía a ditadura", subliña. "Camiñante solitaria polo escuro bosque da incomprensión, do androcentrismo imperante, moitas das circunstancias que atravesou son produto dun tempo en que o control da moralidade constituíu unha verdadeira obsesión para os franquistas", explica Aurora Marco.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.