"Melilla, Turquía, Marrocos... Europa sempre tenta afastar os 'problemas'"

Refuxiado sirio nun campamento en Grecia © Rocío Botana

Foron cinco as viaxes que dende setembro realizou a Lesbos, Atenas, Salónica, Macedonia, Croacia, Eslovenia, Serbia ou Hungría Rocío Botana, traballadora social especializada en comunidade xitana e migracións. A través da Asocación Causas Comúns, da que foi cofundadora no 2015, levou a cabo alí un traballo de visibilización e axuda aos solicitantes de asilo que durante o último ano teñen chegado a Europa. Atópase agora en Galicia, observando agora dende a distancia o desenvolvemento dunha situación marcada nas últimas semanas polo acordo da UE con Turquía para que o país euroasiático se encargue de frear o fluxo de refuxiados e refuxiadas, e tamén polo desaloxo dos campamentos do norte de Grecia que está a ter lugar nos últimos días.

Como valoras o desaloxo do campamento improvisado de Idomeni e outros campos do norte de Grecia?

Era esperado, sabíase que nalgún momento ía pasar. Pero aínda así asisto -desde aquí, porque agora me toca estar aquí- completamente horrorizada. Xa cando eu estaba alí estaban tentando baleirar Idomeni, onde daquela vivían unhas doce mil persoas, trasladándoas para campos máis pequenos e máis controlados pola policía ou polos militares, e nos que non pode entrar a prensa. Con moitos deles o único que queren é simplemente gañar tempo e, pasado ese tempo, deportalos.

"Turquía ou Marrocos son quen toman as medidas 'oportunas' para evitar que estas persoas cheguen ata nós, empregando métodos que serían impensables en Europa, pero que estes países poden utilizar"

No artigo que publicaches hai uns días sinalabas que o acordo da UE con Turquía era un exemplo máis dunha política consistente en "dispoñer as fronteiras o máis lonxe posible do territorio físico". Non hai moita diferenza do que España leva anos facendo, por exemplo, con Marrocos, non si? 

Co tema do acordo con Turquía moitos tirámonos dos pelos porque nos parece unha barbaridade, e outros respiran tranquilos porque pensan que xa está todo solucionado. E ambas as dúas reaccións están equivocadas. Non porque non sexa unha barbaridade, que o é, senón porque non é nada novo: é unha política que leva facendo Europa dende hai moitos anos. No caso de España temos o tema de Melilla e a filosofía é a mesma: cando comezaron a chegar caiucos a Canarias, o que se fixo foi falar con Marrocos para que fosen eles quen afastasen a esas persoas. E Italia fixo o mesmo con Libia. Frontex, Melilla, Turquía, Marrocos... a actitude dos países europeos sempre foi a de tentar afastar os problemas, por chamalo dalgunha forma. E así Turquía, ou Marrocos noutros casos, son quen toman as medidas 'oportunas' para evitar que estas persoas cheguen ata nós, empregando a violencia, disparando a quen tente cruzar, empregando métodos que serían impensables en Europa, pero que estes países poden utilizar. E nós tan contentos, porque quedamos completamente eximidos de toda responsabilidade.

"En Grecia, onde hai unhas trinta ou corenta mil persoas, o que queren facer con esa xente é mareala, para que se canse e opte por volver"

Como cres que vai evolucionar a situación nos vindeiros meses?

A miña imaxinación xa non dá para máis. Levamos moitos meses pensando por onde pode ir a situación, pensando que Europa non o podía facer peor, e ao final a cousa sempre empeoraba. O acordo con Turquía probablemente sirva para cortar o fluxo a Grecia, porque cando empregas a violencia consegues que a xente teña medo e opte por outras rutas. Quedarán atascados nos campos de refuxiados de Turquía un ou dous millóns de persoas. En Grecia, onde hai unhas trinta ou corenta mil persoas, o que queren facer con esa xente é mareala, para que se canse e opte por volver. Están facilitando o seu regreso, poñendo a disposición dos refuxiados e refuxiadas avións para volver aos seus países.

"Eu son moi crítica cos gobernos, pero a responsabilidade última é da xente, que ten que ser crítica cos seus gobernos e esixirlles, e non o está a facer"

Máis aló das decisións adoptadas polos gobernos europeos ou pola UE no seu conxunto, cres suficiente a mobilización cidadá que se está producindo con este tema? Non se percibe unha preocupante apatía?

Temos un gran perigo, que son as modas. Uns temas que nun momento dado lles preocupan á xente,  en función de diversos factores. Un día sae unha foto nos medios, e a xente mobilízase, pero pasa unha semana, chega outra noticia, outro tema, e a xente esquécese. Eu son moi crítica cos gobernos, pero a responsabilidade última é da xente, que ten que ser crítica cos seus gobernos e esixirlles, e non o está a facer. Temos información, é certo que está filtrada e manipulada, pero se queremos saber o que pasa, podemos facelo. E non estamos facendo nada, nos últimos meses este tema pasou de moda, á xente non lle interesa o que pasa cos refuxiados e refuxiadas, e iso é moi triste. Hai xente concienciada, por suposto, xente que está axudando moito, pero a primeira loita dáse entre nós, como sociedade. Que estamos facendo? Non estamos facendo o suficiente.

"É unha crise nosa, dos nosos valores como sociedade, unha crise da estrutura política europea, dese concepto errado que temos de Europa como unidade e como representante e defensora dunha serie de dereitos"

Esta crise puxo en cuestión o proxecto europeo ao seu conxunto? Revelou a debilidade dun discurso a respecto duns supostos valores do continente que demostraron unicamente papel mollado? 

Isto está considerado como unha crise de refuxiados, é dicir, algo que é alleo a nós, unha crise deles e delas. Pero eu non comparto esa visión: é unha crise nosa, dos nosos valores como sociedade, e unha crise da estrutura política europea, dese concepto errado que temos de Europa como unidade e como representante e defensora dunha serie de dereitos. Unha idea que non é real, que non é máis que papel mollado. Os dereitos están aí, nun papel, pero ao longo desta crise saltamos por riba deles todo o tempo, por exemplo co dereito internacional de asilo. Se mañá temos un problema semellante imos recibir a mesma resposta. Todo isto é unha mostra do pouco que lles importan as persoas aos nosos gobernos e ás nosas sociedades

Por que decidistes constituír a asociación Causas Comúns?

En 2015 constituímola como asociación, aínda que era un colectivo que xa viña traballando dende moi atrás. Comezamos desenvolvendo un proxecto de sensibilización en Guinea Bissau dedicado aos potenciais inmigrantes, e outro na Coruña, coa comunidade xitana. En agosto, cando vimos o que estaba pasando cos refuxiados e refuxiadas que cruzaban dende Turquía decidimos desprazarnos a Grecia e a Europa oriental para traballar directamente sobre o terreo.

 

Refuxiado sirio nun campamento en Grecia © Rocío Botana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.