0 Gardados para despois

PSdeG, AGE e BNG recollen as demandas do MGSM para unha mellor atención á saúde mental

Redacción | @prazapublica

O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) celebrou este sábado en Santiago de Compostela as súas III Xornadas anuais, co obxectivo de repasar a actividade desenvolvida polo Movemento nos últimos meses e fixar de cara ao futuro as liñas de acción necesarias "para traballar pola protección da saúde mental e a atención sanitaria pública e de calidade". O MGSM reclamou unha maior implicación política para acadar atención sanitaria e social digna e alertou da necesidade de aprobar e aplicar un Plan Galego de Prevención do Suicidio.

As tres forzas apostan por un plan de prevención do suicidio e polo aumento dos recursos e capacidades asistenciais

O Movemento convidou a actores políticos a participar no debate, para que eles mesmos presentaran as súas propostas. Carmen Acuña (PSdeG-PSOE), Eva Solla (AGE) e Montserrat Prado (BNG) coincidiron na "urxencia de recuperar e desenvolver" o Plan Estratéxico de Saúde Mental interrompido polo executivo actual. Tamén sinalaron a necesidade de reducir as cifras de suicidio rexistradas nos últimos anos, propoñendo a posta en marcha dun plan de prevención. Apostaron, igualmente, pola asunción eminente dos centros de atención ás drogodependencias por parte do SERGAS e polo aumento dos recursos e capacidades asistenciais, que consideran ·moi deteriorados· nos últimos anos de goberno da Xunta.

Todas estas reivindicacións son compartidas polo Movemento Galego da Saúde Mental, que nas súas terceiras xornadas quixo darlle visibilidade aos dereitos vulnerados da sociedade durante os últimos anos de crise, con especial incidencia no balance das cifras de suicidio. A Organización Mundial da Saúde (OMS) advertiu en 2011 aos gobernos dos países europeos que a crise conlevaba un aumento do risco de suicidios se non se adoptaban políticas activas de emprego para reducir o paro, de reforzamento da protección social e sanitaria, de alivio da carga da débeda sobre as persoas que a sofren, e de apoio ás familias. En Galicia "fíxose a política oposta e, desgraciadamente, esa predición cumpriuse: os suicidios aumentaron relacionados coa crise e coas políticas desenvolvidas ante a mesma", sinala o MGSM. En 2013 a OMS fixo un novo chamamento mundial a todos os gobernos para que desenvolvesen estratexias de prevención de tal xeito que en cada país se reducira a cantidade de mortes por suicidio nun 10% para o ano 2020, e urxiu a actuar xa. "Hai tres anos que tiñamos que ter en marcha o Plan de Prevención do Suicidio para o noso país. O goberno da Xunta de Galicia non fixo nada ao respecto", denuncia o Movemento.

"Urxe un plan guiado por obxectivos de saúde e que potencie a atención a quen se atopa en condición de maior fraxilidade"

O MGSM conclúe que "estamos moi mal na atención á saúde mental en Galicia" e que "fai falla outra política sanitaria". "Urxe un plan guiado por obxectivos de saúde e que potencie a atención a quen se atopa en condición de maior fraxilidade. É imperioso o establecemento de prioridades que superen a mera xestión administrativa actual dos servizos e recursos, fai falla un futuro ó que dirixirse para reducir o efecto tan daniño que ten a crise e a súa xestión gobernamental nas persoas con trastorno mental severo, hai que comprometerse cos obxectivos da OMS neste eido, debe apoiarse o movemento asociativo e facilitar a sua participación, e fan falla outros gobernantes que poidan dirixir a sanidade cara un futuro mellor", destaca.

"Hai tres anos que tiñamos que ter en marcha o Plan de Prevención do Suicidio para o noso país. O goberno da Xunta de Galicia non fixo nada ao respecto", denuncia o Movemento

O peche das xornadas coincidiu co acto que o MGSM vén desenvolvendo a diario durante este último mes: as Badaladas pola Prevención do Suicidio. Ás 20:00 horas a compostelá Praza das Praterías acolle unha simbólica badalada, coa que se reflicte que nese día alguén en Galicia se suicidou e que as autoridades públicas competentes continúan sen actuar diante desta situación. Durante os últimos días, persoeiros como o director e guionista Jorge Coira; o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega ou o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, participaron na iniciativa. Os encargados de dar a badalada esta fin de semana foron Carlos Mañas, presidente de Solidarios Anónimos, e Emilia Lamas, secretaria de Organización da Federación de Sanidade de CC.OO.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.