0 Gardados para despois

Na defensa das abellas que "pican, dan medo" e nos dan de comer

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"As abellas pican, danlle medo á xente" e "o 76% do que comemos, da nosa cesta de alimentos, esixe que haxa abellas". Quen fala é Xesús Asorey, voceiro da Plataforma contra as Fumigacións, que este domingo sacou centos de persoas ás rúas de Santiago para reivindicar e explicar un problema tan importante como complicado de coar nas primeiras liñas da opinión pública xa que, a priori, é difícil facerlle chegar "á xente", recoñece Asorey en conversa con Praza Pública, a necesidade de saír en defensa dunha especie de insectos e contra un produto químico. Isto é, precisamente, o que fixo a plataforma en Compostela ao berro de "fóra veleno dos nosos montes" ou "queremos abellas": rexeitar o flufenoxuron e defender as abellas ou, o que é o mesmo, esixir que a Xunta non permita fumigar eucaliptos con este produto químico, cuxo carácter nocivo está recoñecido en diversas instancias, ata o punto de que a Comisión Europea o vén de prohibir.

Quen ten intención de empregar este perigoso pesticida é a patronal papeleira, ASPAPEL, para combater a praga do gorgullo do eucalipto e quen ten que autorizalo é o Goberno galego. Na marcha celebrada en Compostela tiñan claro que non é casual que se queira verquer canto antes o produto por medio país -as fumigacións produciríanse en amplísimas extensións das provincias atlánticas e en lugares moi localizados da Mariña lugues-. Ben ao contrario, os motivos son esencialmente económicos e comerciais, din. "Hai un stock" de flufenoxuron, explica Asorey, e as empresas que o teñen almacenado tentan desfacerse del antes de fin de ano. "Andan a toda velocidade porque non se vai poder utilizar a partir do 31 de decembro". E non lles importa, di, que sexa "perigoso para as augas, para a saúde das persoas" e para a fauna, esencialmente para as abellas.

A plataforma ve intereses comerciais por tras da urxencia das fumigacións: o pesticida queda prohibido a finais de ano

"Non son conscientes", ou non queren selo, matizan dende a plataforma, do "labor polinizador" das abellas. Os últimos datos do Parlamento Europeo, lembra Asorey, deixan claro que "ata o 84% das especies" vexetais "dependen das abellas para seren cultivadas". Xa en 2008 "se declarou a abella como a especie máis valiosa do planeta", por "imprescindible para a produción agraria, a biodiversidade" e a "produción de produtos" do agro de especial calidade, caso por exemplo do mel, pero non só. Ademais de matar as abellas as fumigacións tamén atacaría outra especie, empregada precisamente para loitar contra as pragas, "unha avespa asiática" que se vén usando "como loita biolóxica". Liberouse en diferentes plantacións hai anos "e un 40% delas permanece no campo", onde "van facendo control biolóxico". "No momento en que lles botemos este pesticida, todo o traballo que fixemos" vai desaparecer. "Gastamos os cartos e non servirá para nada".

Pero na orixe do esparexemento de pesticidas non está só a vontade empresarial ou gobernamental. Está tamén unha planificación forestal que vinte e catro horas antes xa se rexeitara tamén en Santiago, durante a manifestación contra a Lei de Montes que o Parlamento está a piques de aprobar. "O problema de fondo son os monocultivos de eucaliptos", di Xesús Asorey. Cómpre promover "un monte multifuncional", no que se "contemplen varias actividades" e que se ordene baseándose nunha "variedade de especies vexetais". Coa nova lei "vanse promover grandes extensións" de cultivos idénticos e a situación que a manifestación deste domingo esixiu reverter "vaise agravar". "Cada vez vai haber máis pragas" e "cada vez se van utilizar máis produtos". "O único que sae mal parado é a nosa biodiversidade", conclúe.

A Xunta atribúelles aos manifestantes un "tratamento esaxerado" que fan "de maneira interesada"

E, como tamén aconteceu ante a manifestación contra a Lei de Montes, a Consellería de Medio Rural tentou tamén desactivar os argumentos dos manifestantes remitindo un comunicado á prensa, neste caso para pedir "máxima tranquilidade aos galegos fronte ao tratamento tratamento inexacto, pouco rigoroso e esaxerado que se está a facer do tema de maneira interesada dende algúns grupos e que ao único que leva é a enganar e manipular á sociedade". O departamento de Rosa Quintana "lembra que nestes momentos non se ten levado a cabo ningunha fumigación aérea na que se aplicase este produto", xa que se está "a estudar e avaliar" que "cumpre todas as esixencias que establece a lexislación vixente". En todo caso, di, "o flufenoxurón non é un prodo neurotóxico" que "provoca dano e toxicidade", senón "un antiquitinizante, que actúa sobre as larvas cando cambian de estado, impedindo o seu desenvolvemento".

Manifestación contra as fumigacións

Manifestación contra as fumigacións, o 10 de xuño en Compostela

CC BY-SA Plataforma contra as fumigacións

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.