Concello, bombeiros e hospital piden acoller na Coruña dous nenos refuxiados en estado "crítico"

Vista do campo de Katsikas, en Grecia © Médicos sen Fronteiras

Mudafar e Ahmed teñen 8 e 10 anos e viven no campo de persoas refuxiadas de Katsikas, ao norte de Grecia, onde máis de mil mulleres, homes e nenos agardan dende hai meses por asilo en concidicións moi precarias, tal e como amosa esta reportaxe de Diagonal. Alí estivo a axudar o pasado maio un grupo de bombeiros da Coruña integrantes da Asociación de Axuda Integral Rescate Emerxencia (AIRE). Ao volve, dirixíronse ao Concello para informar do traballo feito pero, sobre todo, para alertar da "necesidade urxente" de que estes irmáns, kurdos con pasaporte iraquí, poidan ser acollidos xunto ás súas familias e tratados da enfermidade conxénita que padecen. A solicitude xa foi formulada formalmente polo goberno local ante o Ministerio de Asuntos Exteriores.

Os nenos sofren esplenomegalia, unha doenza caracterizada polo incremento de tamaño do bazo, que afecta tamén ao fígado e que "precisa coidados especializados e urxentes", xa que a súa vida "corre serio risco", di a edil coruñesa de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga. A "especial gravidade" da situación de ambos menores foi certificada polo servizo de Cirurxía Pediátrica do Hospital da Coruña, Jesús Caramés, quen xunto aos bombeiros que colaboran con AIRE compareceron ante a prensa conxuntamente para informar da situación de Mudafar e Ahmed e do campo de refuxiados en xeral.

Mudafar e Ahmed padecen unha doenza conxénita que pon a súa vida en perigo, segundo confirman médicos do CHUAC

Un informe dos especialistas do CHUAC, xunto a outros elaborados por medios iraquís e mais por Médicos do Mundo foi anexada á petición xa remitida polo Concello ao titular de Exteriores, José Manuel García-Margallo. Na misiva o goberno local reclama unha autorización "inmediata" para o traslado "coa finalidade de solicitar protección internacional", dada a súa "situación de extrema vulnerabilidade". Se o Goberno de España accede a que os nenos e a súa familia se poidan beneficiar do "sistema de acollida no estado" atendendo á lexislación estatal e europea, A Coruña ofrécese "como cidade de acollida".

Nesta liña, Fraga resalta que "non se pode separar os menores das súas familias" nin obviar que o Goberno central "non está cubrindo os mínimos de acollida aos que se comprometera" -o Executivo español comprometeuse a acoller unhas 17.000 persoas e polo momento reubicou a 124, ás que se sumarán unhas 285 nas vindeiras semanas, segundo cifras ofrecidas este venres pola vicepresidenta en funcións, Soraya Sáenz de Santamaría-. Así, a familia de Mudafar e Ahmed podería "entrar dentro dos números asignados ao Estado español" e a súa chegada á Coruña será unicamente "unha cuestión de vontade política".

O Concello da Coruña dirixiuse a Exteriores para reclamar un salvoconduto para a familia: "Temos todo preparado para a acollida"

Nomeadamente, indica Fraga, para que a solicitude trasladada por Xulio Ferreiro a García-Margallo se cumpra é necesario un procedemento relativamente sinxelo: "Un salvoconduto que o Ministerio pode expedir dun día para outro". "En canto o ministro tome a decisión e asine o documento, a familia poderá viaxar" a Galicia. Unha vez no país, asegura, "o Concello ten todo preparado para a acollida. Dispón dunha vivenda e farase cargo dos gastos de transporte e manutención", segundo o estipulado na "condición do municipio como cidade refuxio". Ao chegaren á cidade os menores serían sometidos ás "probas que sexan necesarias" no CHUAC e "se é preciso, serían derivados para o seu tratamento". Tras a primeira "actuación urxente", entraría en xogo o Programa de Refuxio" do Goberno central.

"O que hai que facer é sacalos de alí, visibilizar o que está acontecendo para que poidamos construír unha cidade acolledora", resume Fraga en compaña de médicos do hospital coruñés e mais de representantes de AIRE, colectivo que tamén está a recoller sinaturas a través da plataforma Change.org para que permita o traslado destes nenos. Unha iniciativa semellante que chegou a xuntar máis de 150.000 apoios, lembran, conseguiu hai escasas semanas a intervención directa de García-Margallo para a concesión de asilo humanitario a outro neno refuxiado con problemas de saúde e á súa familia, que xa son acollidos en Valencia.

Rocío Fraga, cos bombeiros de AIRE © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.