Greenpeace reivindica a pesca artesanal desde Galicia

Pancartas de Greenpeace en Corcubión CC-BY-SA @Galiciaencolor

Unha reivindicación da pesca sostible e unha petición de maior apoio e axuda. A organización ecoloxista Greenpeace desprazouse este luns a Galicia nunha xornada en defensa da pesca artesanal. Atracou en Corcubión como peirao e ría simbólica dun país onde, como eles mesmos destacan, as artes artesanais dan traballo a máis de 30.000 persoas de xeito directo e que conta con máis de 4.000 embarcacións, case o 88% de toda a frota pesqueira. Nesta vila da Costa da Morte, 27 embarcacións de baixura e 90 traballos directos.

“O sector artesanal é o que máis vela polo benestar dos ecosistemas mariños ao utilizar artes moi selectivas, sen case descartes, o que permite un equilibrio entre os recursos dispoñibles e as capturas”, destaca Greenpeace, que lembra que malia a idoneidade desta pesca, tan só recibe o 20% das subvencións procedentes da UE para un sector que este luns quixeron dar a coñecer e no que, como lembra a organización, "de cada posto no mar créanse catro na terra". Mariscadores, pescantinas, conserveiras, redeiras...

A pesca artesanal supón o 88% da frota galega pero só recibe o 20% das subvencións

Xa que logo, a organización ecoloxista “esixe” á Xunta e ao Goberno central que “apoien sen fisuras o sector artesanal tanto nos foros estatais como europeos”, xa que representa o 80% da pesca total do Estado e non conta con representación nin do Executivo central nin do autonómico.

Durante a visita a Corcubión, e acompañados por varios representantes políticos, os membros de Greenpeace comprobaron desde o mar o traballo dos mariñeiros con distintas artes para capturar pescada, xurelos ou fanecas, tamén rodaballo, xiba ou san martiño, e descubriron a arte do xeito para a sardiña ou o labor dos mergulladores que capturan longueiróns en apnea. Celia Ojeda, responsable de Océanos e Pesca en Greenpeace, atendeu a Praza nada máis volver ao peirao para reivindicar "unha pesca artesanal que ninguén protexe e á que non lle dan os seus dereitos". "Estes mariñeiros non están representados nos organismos correspondentes, non teñen quen os defenda cando eles son os que pescan de maneira sostible e os primeiros que saben que unha nasa máis ou menos pode ser fatal para o polbo; non lles dan nin bóla", explica.

"Ninguén defende os dereitos do sector artesanal cando é o que pesca de maneira máis sostible"

"O noso obxectivo é levar a súa voz a onde faga falta para facer que a Política Pesqueira Común teña en conta as súas demandas", insiste Ojeda, que acudiu xunto a xornalistas e políticos a unha degustación gastronómica de produtos pescados polo sector artesanal, unha iniciativa que serve "para que nos deamos de conta de que a pesca artesanal é parte de todos". "Todos podemos axudar se, por exemplo, priorizamos os produtos pescados con estas artes sobre os de arrastre", aclara.

"Todos podemos axudar á pesca artesanal, por exemplo mercando os seus produtos antes que os do arrastre"

Greenpeace censura a Política Pesqueira Común (PPC), que considera “un fracaso” logo de que o 80% dos stocks pesqueiros estean esgotados xa. “Esta reforma é unha nova oportunidade para os océanos, aínda que nin o Goberno actual nin o anterior amosaron o máis mínimo interese en apoiar unha reforma coherente cos recursos dispoñibles e coa saúde dos hábitats mariños”, reclama Greenpeace, que fai súas as reivindicacións conxuntas do sector artesanal.

Greenpeace censura a Política Pesqueira Común e pide "un cambio radical" coa nova reforma

Entre elas, a prioridade de acceso aos recursos para as artes máis sostibles, a coherencia entre cotas e recomendacións científicas , un maior control das subvencións e fondos destinadas á recuperación dos hábitats e ao apoio da pesca sostible e o establecemento de reservas mariñas.

“Lamentamos que o ministro non puidese vir a escoitar o que os pescadores artesanais lle querían transmitir; agardemos que defenda este sector en Europa ante a reforma da PPC”, asegurou Mario Rodríguez, director de Greenpeace, que espera que Arias Cañete, no vindeiro Consello de Ministros da UE, aposte “por un cambio radical na xestión pesqueira que garanta o futuro dos océanos e dos pescadores artesanais”.

En resumo, para a PPC, Greenpeace pide eliminar a sobre-capacidade pesqueira suprimindo aquelas frotas máis destrutivas, eliminar as artes destrutivas, fixar límites axustados ás recomendacións científicas, establecer plans rexionais e de co-xestión, promover as reservas mariñas e controlar o acceso aos recursos e ás subvencións só ás empresas e estados que cumpran coa normativa, promover a transparencia na trazabilidade dos produtos e favorecer as pesqueirías máis sostibles.

Pancartas de Greenpeace en Corcubión CC-BY-SA @Galiciaencolor
Un barco de pesca en Corcubión CC-BY-SA Greenpeace España
Membros de Greenpeace observando o traballo dos mariñeiros CC-BY-SA Greenpeace España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.