Denuncian que España bloquea os plans europeos de aforro enerxético

Planta de enerxía fotovoltaica © Friends of Earth

As negociacións para aprobar a nova Directiva Europea de Eficiencia Enerxética deberían concluír este mes de xuño, antes de que finalice o primeiro semestres de 2012 e o período de presidencia dinamarquesa da Unión. En principio, a directiva prevé que en 2020 a UE reduza as súas emisións á atmosfera nun 20%, que obteña o 20% da súa enerxía de fontes renovables e que reduza o seu consumo enerxético nun 20%. Deste xeito, ademais, reduciríase a súa dependencia das importacións de petróleo, carbón e gas natural, e conseguiríase un aforro total de 200.000 millóns de euros por ano, grazas ao menor consumo e á menor dependencia destas materias primas, de prezo crecente.

Reduciríase a súa dependencia das importacións de petróleo, carbón e gas natural, e conseguiríase un aforro total de 200.000 millóns de euros por ano

Segundo todas as estimacións, os obxectivos de redución de emisións e de fomento das enerxías renovables van por bo camiño, pero non así o da redución do consumo e calcúlase que se non cambia a dinámica, o gasto enerxético aumentará un 12% en 2020, e nese ano as importacións de enerxía suporán xa o 66% do total. E ese é o principal obxectivo da Directiva. Friends of the Earth e Climate Action Network defenden, así mesmo, que por cada euro que se deixe de gastar en enerxía, se aforrará outro euro, pola baixada de prezos que esa menor demanda suporá. 

 

"Un impulso á economía española"

Porén, as dúas organizacións denuncian que a meirande parte dos países son moi remisos a limitar o consumo de enerxía, e están bloqueando os puntos máis importantes da directiva. Nunha clasificación elaborada polas dúas entidades España sitúase como o país máis oposto ao aforro enerxético, por diante de Reino Unido e Alemaña. Mentres, sinálase a esperanza de que o novo presidente francés, Hollande, introduza cambios na política do seu pais e aposte pola eficiencia enerxética. O informe afirma que "España non ofreceu ningunha proposta construtiva e en cambio apoiou as peores ideas dos demais países para debilitar a Directiva. Renuncia ao impulso que estas políticas lle poderían dar á súa necesitada economía"

"Deixar escapar esta oportunidade para estimular a economía, reducir o déficit e crear empregos é simplemente algo que non nos podemos permitir hoxendía nin en España, nin en Europa"

Hector de Prado, voceiro de Amigos da Terra, considera que "España, nestes momentos, non debería opoñerse a un texto ambicioso que inclúa obxectivos vinculantes, porque precisamente é esta a chave para comezar a aforrar e crear alternativas viables de cara ao futuro. Estamos tentando abrirlles os ollos aos nosos gobernantes para que se decaten de que unha Directiva sólida axudará a reparar parte do noso déficit orzamentario. Deixar escapar esta oportunidade para estimular a economía, reducir o déficit e crear empregos é simplemente algo que non nos podemos permitir hoxendía nin en España, nin en Europa". A organización está preparando unha carta para convencer o ministro Soria antes da vindeira reunión europea, que terá lugar este mes.

Planta de enerxía fotovoltaica © Friends of Earth

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.