O glifosato acumula vetos en Galicia tras a prórroga que a UE lle deu no verán

Tren fumigando herbicida ao seu paso polo Irixo © AGEe

O pasado luns, a corporación de Mos aprobou en pleno, e por unanimidade, unha moción presentada polo grupo GañaMos no que se reclamaba que o Concello non empregase nin autorizase o uso de herbicidas con glifosato na actividade pública en todo o municipio, ademais de esixir a todo aquel que colabore ou contrate coa entidade local que tampouco o utilice. 

O pleno de Mos aprobou por unanimidade non usar o glifosato na actividade pública e uniuse a outros concellos libres deste produto

Este acordo, que implica tamén que a alcaldía difunda a decisión e "alerte sobre o uso deste produto, estimulando o abandono da súa utilización", volve poñer de manifesto a polémica que arrodea o herbicida, tan utilizado en tantos lugares e tan común nas cunetas de Galicia como uso alternativo á roza dos camiños. Varios concellos decláraranse antes libres do glifosato ou debateran propostas nese sentido: Gondomar, Nigrán, Marín, Combarro, Ames, Santiago, Poio, Miño, Ponteareas, Ourense...

O pasado xuño, a Unión Europea prorrogou en 18 meses a autorización do uso do glifosato en territorio comunitario a poucos días do día 30, no que expiraba ese permiso. A polémica sobre os efectos reais do seu uso na saúde humana e no medio ambiente foi e é constante e as diferenzas entre as posicións dos diferentes Estados, moi evidentes. Francia e Malta estiveron sempre en contra, mentres que Alemaña, Italia, Portugal, Austira, Grecia, Luxemburgo ou Grecia se abstiñan. Os 19 países restantes -entre eles o Estado español- votaron a favor da proposta da Comisión Europea (CE) de prorrogar en nove anos a autorización, pero non representaban o 65% da poboación comunitaria que esixe a maioría cualificada. A CE tomou así a decisión de prolongar o permiso até decembro até final de 2017, período de tempo no que a Axencia Europea de Produtos Químicos avaliará se a exposición humana ao glifosato provoca ou non cancro. Velaí a cuestión. 

A UE prorrogou até 2018 o uso do glifosato, que ía ser vetado en xuño, malia o interese de varios Estados en amplialo nove anos

O glifosato é o herbicida máis empregado na UE. "Serve para todas as situacións nas que unha especie vexetal invasora pon en risco un cultivo", explica Óscar Antón Pérez, enxeñeiro técnico agrícola ben coñecedor do produto, que lembra que é tan utilizado polo "seu amplo espectro". "Ten patente libre, ao contrario do que pensa a xente, e é empregado por case todas as marcas, ademais de estar autorizado para case todos os cultivos, agás aqueles aos que pode afectar cando xa está crecido", explica. 

En Europa, hai á venda máis de 300 herbicidas baseados no glifosato e de 40 compañías diferentes. En marzo de 2015, un informe da Axencia Internacional para a Investigación do Cancro (IARC), integrante da Organización Mundial da Saúde (OMS) aseguraba que hai "probas limitadas" de que é un produto canceríxeno. Sete meses maís tarde, a Autoridade Europea para a Seguranza Alimentar (EFSA), independente e financiada pola UE, viraba para considerar "pouco probáble" que o glifosato "teña perigo carinoxénico para os humanos". Xa en maio de 2016, un comité conxunto da OMS e a FAO concluía tamén que era "pouco probábel" que teña "risco carcinoxénico" nos humanos pola exposición a través da dieta, pero negaba que o seu relatorio contradicise o da IARC por ser avaliacións "diferentes mais complementarias": o primeiro centrábase no risco en xeral e o segundo no que ten para a saúde dos consumidores centrándose na exposición aos residuos contidos nos alimentos.  

Varios estudos consideran probablemente canceríxeno o glifosato e outros cren "pouco probable" que afecte os humanos

"O que di a OMS é que hai evidencia científica demostrada de que unha exposición prolongada a el pode desenvolver algún tipo de cancro en persoas expostas, pero a súa clasificación está ao mesmo nivel que o viño ou certas substancias derivadas do churrasco", explica Óscar Antón Pérez, que aclara que o herbicida "non é un directo carcinóxeno como o amianto". E insiste: "Todo é perigoso segundo a dose, pero estamos a falar de substancias perigosas como o glifosato e outros tantos fitosanitarios moi utilizados, como os insecticidas para as moscas, que están ao mesmo nivel". "Se unha persoa bebe máis de seis litros de auga seguidos, ten un 50% de posibilidades de morrer", exemplifica. 

Óscar Pérez Antón cre que a polémica co glifosato chega porque "o seu uso é moi habitual" e porque "unha finca tratada con glifosato queda queimada e pode que impresione". "Empregouse e empregáse moito como limpiador de valados, en cunetas e sobre todo nas estradas porque é unha práctica moi útil e doada", engade quen "non substituiría un tratamento mecánico por glifosato", pero que lanaza unha reflexión. "Cando falamos de impactos ambientais hai que ter en conta todos: para facer unha limpeza mecánica dun terreo, que cantidade de enerxía usamos? que pegada de carbono pode ter a utilización dunha máquina? que se empregou para construír esa máquina? cal é o gasto ambiental a respecto do custo ambiental dun herbicida? Sería importante valoralo", advirte. "Igual levamos unha sorpresa", di quen, pola súa experiencia, asegura que "non hai evidencias dun maior prexuízo do glifosato respecto doutros herbicidas que xa se utilizan no mundo forestal" e que aclara que todos eles son "perigosos" de usárense mal. 

"Non hai evidencias dun maior prexuízo do glifosato respecto doutros herbicidas que xa se utilizan no mundo forestal"

Desde Galicia, organizacións como Adega ou Fumigacións Non cren que "o glifosato será definitivamente prohibido" en 2018, polo que entenden que "este período de graza concedido pola UE servirá unicamente para que Monsanto poida dar saída aos stocks deste veleno". Ademais, lembra que España "é un dos máis firmes defensores" do produto "malia as evidencias da súta toxicidade e o máis elemental principio de precaución". Ao tempo, denuncia que son moitas as estradas e camiños que as administracións ou empresas públicas fumigan con este herbicida, tamén as vías de tren por parte do Adif. Mesmo se denuncia que, ante a masiva presenza de eucaliptos, o produto é o prinipal usado por ENCE nas plantacións. 

A plataforma Fumigacións Non leva tempo falando cos partido para "abrir un debate parlamentario e chegar a un acordo para deixar de utilizar glifosato en traballos levados a cabo polas diversas administracións públicas galegas polos perigos que entraña o seu uso". 

Tren de Adif fumigando con glifosato © Adega
Camiño fumigado con glifosato en Galicia © Verdegaia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.