Contra o acoso escolar, máis educación social ou máis cámaras de vixilancia?

Alumnado nun instituto galego © IES Rosais 2 (Vigo)

O pasado marzo a Consellería de Educación entregou aos membros do Consello Galego da Convivencia o seu protocolo de protección de datos persoais. Tratábase dun documento que, segundo a Xunta, pretendía ser a "referencia para os centros escolares" en cuestións como "o tratamento de imaxes" ou a "xestión de datos persoais" do alumnado e as súas familias. Pero tamén consagraba a utilización de cámaras de vixilancia para, segundo a Consellería, contribuír á prevención e control do acoso escolar. A instalación destes dispositivos, criticada dende hai anos por diversos colectivos de nais e pais, docentes e estudantes, vén de suscitar unha chamada á "reflexión" do Goberno galego dende o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.

A entidade profesional diríxese á Consellería para instala a "reflexionar" sobre "o debate mediático en relación coa conveniencia ou non de poñer cámaras de vixilancia en espazos comúns" dos colexios e institutos, medida que segundo o conselleiro, Román Rodríguez, é "positiva" porque "axuda moito a previr" situacións de acoso. Por iso, aseguraba a pasada primavera, a Xunta tiña a obriga de dotar de "seguridade xurídica" a súa instalación que, en última instancia, aseguraba, dependería do criterio de cada colexio. "Todo o que poida axudar á prevención do acoso é positivo", concluía daquela.

Fronte á posición política do Goberno, o CEESG coida que "proxectos de control como as cámaras de vixilancia" son un "erro" para afrontar "condutas antisociais e delitivas na contorna do ensino" e, en xeral, nos espazos nos que desenvolve a súa vida a adolescencia e a mocidade en xeral. Detectar o acoso con cámaras, resaltan, é o primeiro paso para responder a el con "sancións administrativas ou aplicacións do código penal", unha "metodoloxía" que supón, de seu, unha "diagnose tardía", por moito que poida amosarse como unha "intervención rápida, sancionadora".

A Consellería coida que as cámaras de vixilancia "axudan moito a previr" casos de acoso e por iso son "positivas"

A xuízo do Colexio, aínda que a Xunta presente as cámaras como medidas de prevención, apostar por elas supón, pola vía dos feitos, "deixar fóra as intervencións preventivas, as accións socioeducativas" que, resaltan, "son máis eficaces e correctoras a medio e longo prazo". Este tipo de medidas, din, serven para "mudar a conciencia da responsabilidade individual e colectiva dos valores que desexamos promocionar", tales como "a convivencia, a igualdade, a solidariedade, a paz", a resolución de conflitos "a través do diálogo" e "todo rexeitamento ao machismo, ao racismo" ou á homofobia que, segundo o último informe do Valedor do Pobo, está por tras de boa parte dos casos de acoso.

O Colexio de Educadoras Sociais advirte de que o uso de cámaras "deixa fóra as accións socioeducativas" para afrontar "condutas antisociais e delitivas"

Así e todo, as profesionais da educación social advirten de que os proxectos socioeducativos son máis demorados e tamén precisan maior compromiso orzamentario que as cámaras. "A observación, a diagnose, a acción e a avalación continuada" destes programas "necesitan duns orzamentos suficientes", xa que a súa posta en marcha non pode recaer sobre o profesorado en exclusiva, senón sobre "equipos multidisciplinares psicopedagóxicos" que "non poden deixar fóra as educadoras sociais, como acontece demasiadas veces".

Noutras comunidades autónomas, resaltan, a educación social xa está "incorporada de xeito normalizado ao sistema educativo como resposta ás necesidades do alumnado e para a atención á convivencia escolar". Mentres, en Galicia, as escasas experiencias existentes parten de iniciativas de colexios, familias ou asociacións, pero sen un proxecto global da Consellería. "Por isto -din dende o Colexio- reiteramos a nosa disposición a colaborar" coa Xunta "ou, no seu caso, para asesorar en todo aquilo ao que sexamos convidadas, xa que beneficiaría a medio e longo prazo os desexos nosos e os da propia Consellería para mellorar a educación preventiva, a educación social e a convivencia nas contornas escolares".

Advertencias previas

Colectivos como Nova Escola Galega veñen alertando do "regreso a unha visión autoritaria da convivencia" por parte de Educación

Esta non é a primeira ocasión na que colectivos ligados á educación se opoñen á aposta da Xunta polas cámaras de vixilancia nos colexios. Así, por exemplo, alén da posición contraria de ANPAS e direccións de centros manifestada abertamente o pasado marzo, xa en 2014 xurdiran no seo do Consello Escolar de Galicia voces críticas ao modelo de convivencia escolar deseñado pola Xunta a partir da Lei de convivencia e participación do ano 2011. Colectivos de renovación pedagóxica como Nova Escola Galega observaban nas teses da Xunta un "regreso a unha visión autoritaria da convivencia", cunha conversión das "aulas de convivencia" en "aulas de castigo". Nun sentido semellante, o Seminario Galego de Educación para a Paz subliñaba en 2013 que a Xunta actuaba fronte ao acoso "deixando á marxe á comunidade educativa".

Reflexións semellantes xurdiron, tamén no ano 2014, no Encontro de Centros para unha Convivencia Positiva, que xuntou en Santiago a varios centros educativos como o Xulián Magariños de Negreira, que xa incorporou a educación social ao seu modelo de convivencia escolar. Entre os aspectos subliñados naquel encontro salientouse a aposta pola mediación nos conflitos, mesmo implicando nela o propio alumnado. Así, tres alumnos do instituto nicrariense, que exercían este labor, explicaban que a mediación consiste en "resolver os conflitos pacificamente, falando coas partes" fronte á alternativa de que "te manden á xefatura de estudos cun parte". "O que aprendemos é algo que podemos utilizar toda a vida", aseguraban.

Cámaras de vixilancia nun edificio CC-BY-SA Hustvedt

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.